domingo, 9 de septiembre de 2012

HAI QUE SER MALICIOSOS PARA NON ENTENDER A RAJOY

Enténdese. Todos sabemos que aconteceu así. Estaba D. Mariano fumando un puro máis contente ca un cuco na corrida da Peregrina, soou o seu teléfono e o responsable de pequenos e medianos empresarios faloulle con extrema sinceridade: Sabemos, amigo Rajoy, que estás centrado no fermoso espectáculo de valentía e filigrana que a estas horas enche de emoción a pontevedreses ou outros afeccionados chegados de lonxe, pero o país necesítate; non podemos aguantar un segundo máis sen que te decidas e collas o rumbo desta nación desnortada. Todo está ao borde do abismo e se ti non corres para salvarnos, perdidos estaremos para moitas décadas. Deixa, pois, esa afección que te mereces polo teu esforzo e demostrada valía opositora, e ponte ao fronte de país sen condicións. Polo ben dos empresarios. Polo ben de todos. Sabidas as precaucións do presidente, colgou o aparato, chupou do puro e continuou gozando do espectáculo que nos sitúa diante da morte con beleza suma. Non contestou nin se apresurou a meditalo. Pero ao día seguinte, saíndo de Sanxenxo (Sanjenjo talvez) en compaña duns amigos para pescar, outra chamada de auxilio, esta máis convencida e emotiva, rompeu a súa rutina de verán. Mariano, escoitou ao directivo maior da alta patronal, sen ti isto afunde. Deixa o que esteas a facer, abandona todo descanso e solaz e únete a nós para erguer este país arruinado e queimado polo incompetente Zapatero. Anda, non nos podes fallar. Pescou sen inmutarse, non se desconcerta con facilidade o noso presidente, e regresou a porto sen lle dar máis importancia ás chamadas. Algo máis xa se inquietou ao recibir unha terceira aos poucos días mentres, deitado nun cómodo sofá, comentaba cuns amigos del e do deporte o tour de Francia. Neste caso os que chamaban eran os representantes dos xuíces e todas as institucións xudiciais: non nos fagas agardar máis, amigo, España e Europa dependen de ti. Esquece o teu dereito ben gañado a distraerte co deporte e vén na nosa salvación. Agardou a que rematase a subida ao porto de montaña e por primeira vez someteuse á pregunta esencial: debo sacrificarme polo ben do meu país, son realmente tan imprescindible? Non contestada a pregunta, á noite, a concentración de chamadas e solicitude de reunións para artellar o plan de facerse co goberno do país superou toda fabulación. Sindicalistas, secretarios xerais doutros partidos (agás os resentidos socialistas), nacionalistas, organizacións de consumidores, bancarios, colexios de profesionais, amas de casa, asociacións xuvenís, bispos e autoridades relixiosas varias, todos a unha, coincidiron na chamada: Vén, Rajoy, sálvanos, corre na axuda deste país perdido. Consultada a súa familia e os asesores máis íntimos de Pontevedra, así como algúns expertos en estatística e análise política, despois de varias semanas de reflexión paseando con Louzán pola ruta de Pedra e da Auga, chegou a unha decisión que se gardou no peto ata o último momento: aceptarei ser presidente de goberno aínda que eu non teño ningunha intención, nin desexo, nin análise previo de como está a realidade para lle facer fronte. Pero, dada a petición unánime do país, acepto, sen prometer nada, son realista, farei o que estea na miña man. Calquera sabe que a realidade foi esta. Non a que se contou nalgúns medios mentirás e trapalleiros. Que Rajoy aguantou carros e carretas no seu partido ata que o propuxeron como candidato a presidente, que exerceu sen misericordia unha oposición cutre e apocalíptica, que se fartou de comentar no parlamento e nos medios que el sabía con exactitude o que lle pasaba ao país e que tamén coñecía as receitas para sacalo da miseria na que o deixara o inútil do seu antecesor, que xa o fixera no 96 na compañía de Aznar e que as solucións eran as mesmas, que lle deixasen os mandos canto antes e todos veriamos a eficacia, fortaleza, dominio e resolución coa que cambiaba o rumbo da economía. Todos sabemos que nunca prometeu nada, que xamais se lle ocorreu explicar que o camiño de salvación estaba trillado: baixar impostos, dar confianza ao mundo, privatizar, usar sentido común, gobernar como Deus manda e crear emprego. Non sei a quen se lle ocorre vir agora con que el repetiu no congreso ata a saciedade que tiña un diagnóstico exacto do que aquí ocorría, que era cuestión de tempo, dicir a verdade aos españois, de convocar eleccións inmediatamente, darlle un poder suficiente, e, tal e como xa fixera noutras ocasións o seu partido, isto melloraría no tempo que canta un galo. Parece mentira que cegos e interesados partidistas recorran a vídeos e declaracións manipuladas nas que combatía a subida do IVE, de impostos, de recortes en sanidade e educación e nos que afirmaba con rotundidade que sendo serios, fiables e responsables como el e o seu partido eran, Europa e os mercados cambiarían a saña contra nós por un cariño adolescente que enchería a economía de inversores, crédito e emprendedores. Fai falla ser malicioso e vir agora con estas. Sabido é que todo ocorreu como ao principio lles narrei. Acurralárono por tódolos lados esixíndolle que de inmediato se fixese cargo do país, sen lle dar tempo a analizar a situación, sen coñecer os males que padecía, ignorante das desgracias que o aflixían, e así, lóxico, agora se entende que apele a que a realidade, a herdanza, o descoñecemento e todo canto aquí se cocía, o obriguen a pregarse á realidade, a facer o que non quere, a verse impelido a actuar contra da súa vontade, pero coa gallardía dun bragado matador que, nunha tarde gloriosa na praza de Pontevedra, lle pon cara ao destino para demostrar que a vida e a morte se xogan no centro da area, con tempero e gracia, con valentía e señorío propios de quen está chamado a unha misión case poética. Por iso todos entendemos o seu actuar e somos mansos e comprensivos, e non lle pediremos contas, e volveremos a votalo. El non sabía nada, foi enganado, descoñecía o risco, só se axustou a que o necesitabamos, abondo fixo por estar diante deste touro atravesado que lle deixaron os malévolos anteriores gobernantes. Pobre: abondo fai con adaptarse á realidade. Á estúpida realidade. Hai que ser malicioso e ignorante para non dar entendido isto.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.