HAI amores que se deben confesar, abertamente, sen complexos, nun arranque de espontaneidade vivificadora. Un coñecido politólogo galego leva meses proclamando urbi et orbe o seu amor por Angela Merkel e os seus métodos como os únicos posibles e realistas sen o máis mínimo empacho; e tan tranquilo, con frecuencia refórzase contrastando que a razón o asiste sen posible crítica. Mesmo un día chegou a explicar con grandes letras de titulares a razón do seu namoramento así : por qué estoy namorado de Angela Merkel. E non pasou nada. Que eu saiba, nin o Frankfurter Allgemeine, nin Die Welt, nin o Bild se fixeron eco da noticia. Normal, pensarían en Berlín, o lóxico e coherente é que algún analista galego se namore da muller que con máis convicción, tesón e poderío mantén unha liña decidida sobre a solución deste barullo no que se converteu Europa e o euro. Que a solución sexa ou non acertada, verase, pero hai quen aposta por ela e maniféstao sen o máis mínimo reparo. No amor, coma en case todo, sempre me pareceu máis honesto poñer as cartas boca arriba que gardalas no peito á espera do que suceda.
Pois ben, eu considero que Rajoy debera ser tan atrevido como este comentarista e non andarse polas ramas nin miramentos prudentes. Cando antonte chegou a mandataria alemá a Madrid, as cabeceiras de tódolos xornais españois deberían abrir o día con idéntica frase: Rajoy manifiesta estar estar locamente enamorado de Angela Merkel. Eses deberían ser os titulares e non outros. Porque é o que toca, porque non queda outra, porque el é experto en facer o que hai que facer, aínda que non lle guste, que se cadra gústalle. Que logo ela sexa máis ou menos receptiva na súa declaración, que se manteña en posición ambigua, que lle pregunte raposa se non era de Hollande ou de Mario Monti de quen parecía namorado, a el que máis lle ten, non lle debería importar en exceso. O relevante neste caso é deixarse levar polo que un sente, ceibalo con valentía e deixarlle claro á visitante que estará do seu lado , para o que se presente e faga falla. Con fe e determinación. Así haberá que avanzar neste confuso mundo, coma na convulsión dos amores, porque pola liña de vender que somos fiables, competitivos, realizamos os deberes e somos serios, non parece que nos crean demasiado. Pero claro, se pretendes dicir que estás namorado, hai que dicilo ben e claro, non tatexando coma un adolescente.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.