domingo, 16 de septiembre de 2012

APRENDER A TEMPO


SE actuar a tempo é clave para salvar a un paciente, en educación ocorre outro tanto. Como vén sendo habitual, cada goberno comeza a súa reforma polo ensino medio, cando o gran esforzo renovador para unha transformación educativa a proba de debates partidistas debería centrarse na infantil e primaria. As bases dun futuro estudante aséntanse neses anos, tanto nos hábitos de estudo, de adquisición de tempero para o esforzo, de técnicas para resolver problemas, como de habilidades para enfrontarse á frustración. Investir nos primeiros anos aforraría unha cantidade inxente de recursos na secundaria e de fracasos sen corrección. O graves problemas cos que se enfronta a secundaria xiran arredor da convivencia, pero non se dá entendido que non é posible convivencia sen aprendizaxe homoxéneo. Un adolescente cun nivel de aprendizaxe 3 non pode convivir correctamente nunha aula onde a maioría ronda un nivel 14. Como se poden evitar estes desaxustes? Sendo contundentes nos anos iniciais.
É fundamental revalorizar o papel do profesor dos niveis educativos básicos. Ningún país con grao aceptable educativo descoida aos seus educadores infantís. E unha vez que se conta con especialistas adecuados, os pasos son coñecidos: insistir en técnicas de traballo, forxar o esforzo, detectar os fallos de aprendizaxe e corrixilos de inmediato, non se pode superar un curso sen dominar o seu currículo (repetir nos comezos resulta eficaz, canto máis tarde, case inútil) e lograr que cada alumno estea no curso no que se sinta incluído intelectualmente. Os problemas comezan cando un estudante se dá conta de que está perdido, e para previr isto non queda outra que o apoio inmediato para que non se produzan exclusións intelectuais, porque estas, á larga, son as que causan todo o esbardalle de convivencia. A reválida de verdade debería establecerse nos primeiros ciclos: quen non saiba ler e entender correctamente, non podería seguir adiante, porque quedan perdidos, incapacitados para os niveis posteriores. Mentres entren alumnos en 1º da ESO sen un dominio fluído da lectura e cálculo, mal imos. Por todo isto, non son partidario de reducir o ensino infantil a entretemento puro. Polo xogo apréndese, pero ben programado. É nos primeiros anos onde a aprendizaxe debe ser rigorosa, nunca laxa pensando que xa terá tempo para aprender. O que non se aprende no seu tempo, difícil será recuperalo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.