SINA, a miña primeira neta, non quixo agardar polo outono para nacer nin esperou a que seu avó cumprise os sesenta anos. Lanzouse á vida deste convulso mundo rodeada da confianza de todos cantos a desexabamos e aparecéusenos "paciosa", tal e como seu pai pronunciaba preciosa cando era pequecho. Espero saiban desculpar esta primeira baba de avó abobado, pero vir á vida neste momento merece unha reflexión por enriba da miña privada ledicia, que con gusto comparto cos meus lectores.
Seguro que máis de un poderá preguntarse qué momento é este para traer un novo ser a este mundo, qué vida lle pode agardar, qué atrevemento supón embarcarse na crianza cando todo o que nos rodea nos invita ao pesimismo e ao desespero. Rodeados de paro, de inseguridade internacional, de crise que non cesa, de augurios tenebrosos, algúns ata poden tomalo como unha irresponsabilidade. Por contra, a min paréceme unha aposta, ademais de valente, razoable e necesaria. Unha sociedade que se descompensa cara á vellez acaba por pagalo caro, non só dende o punto de vista produtivo e económico, senón, sobre todo, dende as posibilidades de transformación e cambio. Non tirarei pedras contra o meu tellado renegando das vantaxes de aproveitar algunhas virtudes da vellez. Atender ao tempero e ampla perspectiva que a experiencia aporta benefician a compresión e o enfoque da construción da convivencia e o desenvolvemento dos grupos humanos. Pero ningunha sociedade, por calculadora e timorata, pode frearse nunha poboación descompensada, corrida toda cara a un sector de idade no que a iniciativa, a capacidade de risco e a decisión non son os seus sinais de identidade. O desconcerto e falta de alternativa que se palpan neste momento histórico só poderán ser atacados dende unha poboación renovada e criada neste novo contexto social. A xeración dos que agora podemos ser avós non é certo que o fixeramos mal educando aos nosos fillos no confort fácil grazas a que todo llo regalamos. Moitos son mozos preparados, laboriosos e responsables que merecen contar coa oportunidade de dar vida para tempos novos. Se os nosos gobernos apostasen pola familia, abordarían dun golpe máis frontes dos que se pensa. Cando un acariña a fraxilidade dun ser que acaba de entrar neste duro mundo, comprende que só a través da aposta pola vida todo se irá transformando e mellorará.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.