DUBIDO que estivese chamado para a vida monacal, aínda que co paso dos anos xa non me meta tanto medo nin o silencio, nin a humildade, nin a castidade, nin case erguerse a maitines. Sexa como fora, gusto escoller un mosteiro restaurado para pasar un par de días de silencio e tranquilidade. Por iso elixín a semana pasada o fermoso parador de Santo Estevo á beira do Sil para, en vez de adicarme ao ora et labora coa súa esixencia dos rezos, gozar da paz de pasear polos soutos e carballeiras que o rodean, comer ben e durmir toda a noite dun tirón coma un santo. Igual ca se polo traballo e a oración me purificase en perfecta harmonía co cosmos. Fíxense se así sería que, despois de varias semanas espertando coma se estivese obrigado a maitines, alí instalado, a pesar dos 30 graos que fervían durante o día no exterior, sen aire acondicionado nin farrapo de gaitas, unha noite debín transportarme á paz do Señor despois das completas e, de tanta paz e tranquilidade de conciencia, non abrín ollo ata ben pasada a tercia do día seguinte. E sen saber onde me atopaba.
Por un mal vicio adquirido cando durmo en hotel, ao ver o mando a distancia botei mal del e premín un botón. Unha señora con acento español de España dicía que conectaba con non sei quen e non sei onde. Entre dormente e apampado pola excelsa ración de sono, pareceume estar vendo a televisión cubana. Un político falaba sen ton nin son, sen orde nin plan, o que lle viña á boca, e aínda sen imitarlle nada a Fidel, a min deume por pensar que era o mesmo Castro quen se dirixía aos cubanos. Encabalgaba o político en cuestión simplezas reiteradas coa suficiencia de quen sabe que o auditorio non se cansará diga o que diga. Canto máis pasaban os minutos e vía que a conexión se prolongaba sen traza de remate, máis me reafirmaba en que tal estilo só a Cuba podía corresponder. Ata que, esperto de todo, comprobei que o orador era Montoro nunha reunión do PP en Gandía. E que TVE conectaba sen taxa de tempo -volvín de me duchar e continuaba- para acontecemento tan esencial. Instalado na realidade caín da burra: por iso a tv e a radio públicas necesitaban limpeza tan fonda, para que se producise o milagre de Santo Estevo: espertar vendo pola televisión a Montoro falándolle aos seus do PP en Gandía e un crer con fe cisterciense que se atopa na Habana escoitando o último discurso de Fidel.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.