martes, 9 de octubre de 2012

EN QUE GASTA OS CARTOS EUROPA


SE en algo coincidimos todos cantos desexamos unha Europa máis integrada financeira, económica, fiscal e politicamente –o que a convertería en máis solidaria sen deixar de ser plural-–, é no éxito do programa Erasmus. Nada contribuíu tanto á mestura de culturas, á integración e a coñecernos e respectarnos coma eses cursos de intercambio entre os estudantes que facilitan a mobilidade académica dos estudantes e os profesores universitarios dentro da Unión Europea. E miren por onde, cando estas becas cumprían os seus 25 anos, as autoridades de Bruxelas, realistas, encargadas de poñer o punto no i, avisan e case alarman: 213.000 alumnos verán perigar as súas axudas económicas. Non podían atopar mellor celebración para o vintecinco aniversario dunha práctica que construía Europa. Se lemos máis detidamente a noticia, parece que non é motivo de alarma, pois un 80% da beca xa está ingresado en cada universidade e agárdase que non existan maiores problemas para o ingreso do 20% restante.
Con todo, alerta deberiamos quedar. Cando se comeza co bulo de que non hai cartos para un determinado proxecto, acaba por non habelos. De ser un adianto dos problemas que se poderían xerar de cara o futuro destas becas, a noticia sería pésima. Para que hai cartos en Europa? Á vista está que non hai para crear emprego nos países do sur, que se está acabando para os desempregados, os xubilados e os enfermos. Que tampouco a sanidade e a educación deben estrañarse: haberá que reducir orzamentos. Os funcionarios públicos xa saben os que lles toca: seguir perdendo poder adquisitivo. Aos dependentes non lles convén facerse ilusións: os recortes son inevitables. E se, como puidera deducirse, tampouco as becas de intercambio entre universitarios poderán contar con fondos suficientes, en que se gastan os cartos en Europa? En lanzar programas de emprego xuvenil parece que non; en afianzar o ensino e a sanidade públicas, tampouco; parece ser que para becas que permitan aos estudantes un tempo de inmersión noutra cultura que abra a posibilidade dunha integración mellor, tampouco. Sabemos perfectamente no que non se gasta e se pretende que se gaste menos. Sería conveniente, se pretendemos dar un impulso de transferencia de soberanía e unificación, un exercicio de transparencia para saber exactamente en que e a favor de quen quere gastar os cartos Europa.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.