domingo, 28 de octubre de 2012

INDEMNIZAR POLO SEU ÉXITO AOS QUE PERDERON

Confirmouse o que se prevía: a maioría dos galegos prefire que lle siga serrando as pernas o PP. Os outros, xuntos, non foron capaces de botalos fóra nin de paralos. Certo que os gañadores perderon arredor de 150.000 votos, o que non impide que a súa vitoria sexa tan incontestable como a derrota dos adversarios. Sobre os vencedores cantaranse loas polas españas durantes semanas e non convén que insistamos: tiveron mérito no enfoque da campaña, resisitiron contra vento e marea, souberon conservar aos votantes a pesar das circunstancias mais adversas. Dos derrotados, é a candidatura do PSOE a que me merece máis atención, pois os nacionalistas, turriscados na cainita batalla, saberán volver ao rego sen moita tardanza, haberán de chegar a un acordo fraternal ou devolveranlle ao pai a herdanza que non souberon xestionar; arranxarán necesariamente as súas diferenzas e continuarán refundados co seu papel lento e pausado. O que de momento continúa sendo o segundo partido do país, en cambio, pasa por un momento moi difícil, transita por un deserto no que pode perdersep durante longas noites resultándolle difícil volver á realidade. O fracaso do PSOE en Galicia (no País Vaco foi idéntico e para as eleccións catalanas non lle prognostico nada mellor) non ten outro calificativo máis ca estrepitoso. Entalados entre un pasado de erros e inoperancia incapaces de borrar da memoria do cidadán e desnortados sobre a proposta de futuro, conservaron con dificultade o voto dos fieis encargados de que a maquinaria dos que viven do partido non escache. Carentes de propostas, presentando candidatos vencidos e desprestixiados antes de competir, estaba cantada a súa incapacidade para aglutirnar un voto alernativo. Alguén pensou por casualidade que o Sr. Vázquez podería agrupar ao seu carón a Beiras e Jorquera para gobernar Galicia? Dende o triunfo regalado, pouco traballado e baleiro de Zapatero, o PSOE vive nun engano que non cesa. Durante a época do presidente por sorpresa ao que axiña se pegaron arribistas, frívolos e progresía barata cometéronse equivocacións con ferida de mala cura. E non foi a cegueira diante da crise a peor destas feridas, pois con ser dolorosa, á vista está que a situación internacional non daba para demasiadas xogadas nin estratexias. Onde si meteu o zoco con consecuencias aínda non de todo experimentadas foi na política territorial; esa mestura de inxenuidade e comenencia partidista que adiantou en décadas o desenlace que se cadra era inevitable, deixou a imaxe do partido envolto nunha liviandade da que lle custará despegarse. Debiliade, bandazos, submisión e falta de criterio son agora as señas de identidade dun partido que parecía chamado a ofrecer unha idea de cohesión do país, solidario e tendente á supresión das diferenzas sociais. E esta visión espallouse por todo o país, non quedando fóra, nin moito menos, o socialismo galego. Sen líder, nin programa, nin credibilidade mínima de firmeza e seriedade, a campaña só serviu para reafirmar ao votante que as súas idea previas saín confirmadas. Os resultados aí están. Diante desta desfeita, a dereita e os medios ao seu servizo meten o dedo na ferida detrás dunha idea nai: que dimita Rubalcaba, o culpable de todo. Non son tontos: van detrás do único que pode resistir e reconducir esta debacle. Non é Rubalcaba o culpable. Serao se non é quen nos próximos meses de paralizar este desgoberno, se non atina a propoñer unha proposta crible, renovada e ilusionante, e se, de maneira determinante, non dá pé a un cambio de persoas. En oito meses non lle podemos pedir máis. Afundíndose o barco non convén que o capitán abandone. Nin se me ocorre que volvese a ser o actual líder da oposición o próximo candidato a presidente do goberno, pero si considero que merece algúns meses máis para ver se é ou non capaz de endereitar o rumbo perdido. Se, por desgraza para o partido, repetise como candidato a presidente do goberno, sería a proba contundente do seu fracaso máis estrepitoso na renovación . Pero, de momento, deberá continuar coa misión para a que o elixiron hai pouco. Quen non deberia seguir un día máis como primeiro do partido en Galicia é o Sr. Vázquez. Non hai desculpa. Salvo que pretenda resistir non importándolle o deterioro imparable do seu grupo, a súa obriga despois dos resultados do día 21 non pasa por outra que non sexa a dimisión automática. Que el desapareza no solucionará evidentemente un problema da fondura pola que atravesa o PSOE en todo o Estado, pero que se manteña contra razón buscando argumentos de mal perdedor para continuar, demostra que non entenderon a gravidade pola que pasan. Se nin en Galicia nin no País Vasco toman decisións visibles que demostren que están dispostos a cambiar sen escusas, demostrarán que non entenden que realmente se atopan á beira do cavorco. Claro que todo isto non deixan de ser reflexións de quen non está metido no allo. Os que realmente viven da política son os que si saben do que vai en realidade todo iso. E para eles, tal e como o Sr. Gayoso expresou con claridade sobre os altos executivos das caixas, antes de dimitir haberá que establecer un sensato sistema de incentivos – non falo de 650.000 euros ao ano, aínda hai clases- para que os que co seu éxito levaron o partido á debacle dimitan coa conciencia tranquila. Para dicilo polo claro: que se creen unhas indemnizacións decentes para os señores Vázquez (Pachi e Guillerme) e dimitan por fracasar con tanto éxito.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.