domingo, 28 de octubre de 2012

SOSTÉN RODRÍGUEZ


SOSTÉN Rodríguez que o estrepitoso fracaso da formación nacionalista rachada por odios fraternais (o de fracaso estrepitoso e odios fraternais é meu) debeuse á crise e aos medios de comunicación. Á crise porque disque incrementou o individualismo e a falta de conciencia colectiva de Galicia. Aos medios porque, como vén sendo habitual, son sempre culpa explicativa principal de calquera retroceso que se produce no BNG. Non retrucarei o argumento de que o individualismo medra e falle a conciencia colectiva de Galicia, pero que a crise prexudique a un partido na oposición, sóame estano. Pensa se cadra o Sr. Rodríguez que se a situación económica e social marchase coa dozura do mel nas filloas contaría o seu partido con máis posibilidades de voto? Os feitos indican o contrario: por toda Europa saen castigados os partidos que gobernan neste momento de crise, non alcanzo a entender por que en Galicia ha ser a crise un elemento en contra dos que tratan de facerlle fronte aos gobernantes actuais ofrecendo alternativa. En canto á xenreira coa que os medios acordan decididos elixir ao BNG no seu punto de ataque, escápaseme, máis se, do por el dito se pode deducir, nesta ocasión parece que tiraron descaradamente pola formación liderada por Beiras.
Sostén tamén Rodríguez que AGE non arrincou os votos da abstención senón do PSOE e do propio BNG, o que si soa a máis razoable, aínda que entra en contradición coa paranoica interpretación dos medios, pois non resulta crible que aos poderes de comunicación lles resulte tan amable e inocua a coalición de EU con ANOVA coma para favorecela de maneira tan determinante. E por último, sostén Rodríguez a necesidade de volver á unidade nacionalista, pero cun límite, una liña sagrada infranqueable: que non exista contaminación externa; confluencia si, unidade tamén, pero só dos nacionalistas. Velaí a clave explicativa e salvífica: unidos no nacionalismo pode haber reconciliación, con elementos de fóra, impensable. Enténdese. Por iso en tempos pasados ata chegaron a se sentir irmáns de CiU, ese partido nacionalista solidario tan respectuoso cos nacionalistas galegos coma para facerse odioso tratando de privarnos do AVE, tanto que levo o día cantando mal a Serrat: "CiU, deja de j... con el AVE". Pero claro, iso seguro que é unha reacción visceral e ignorante, os nacionalismos non son así.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.