lunes, 22 de octubre de 2012

VOTAR CUNHA PERNA SERRADA

Pasadas as eleccións, nos días seguintes, seguro que atoparán explicacións enxeñosas e con fundamento á resposta dos votantes unha vez coñecidos os resultados. Case seguro que tampouco eu escape á tentación de analizar a posteriori as razóns e consecuencias do que xa é coñecido. Mais hoxe, cando nada está decidido, atrévome a prognosticar destemido e temerario un resultado: PP 39, PSOE 20, BNG 11, AGE 5. Se me conceden idéntica marxe de erro que ás empresas especializadas en realizar prospeccións, seguro que non me equivoco máis ca eles. Acerte moito ou pouco, algo si me parece moi probable: os votos de esquerda poden bailar de Vázquez a Jorquera, e destes dous a Beiras, pero os de Feijóo parece coma se os levase cosidos e imposibles de despegar. Cal é razón de tanta fidelidade? Comentando cu colega esta opinión, incrédulo e máis confiado ca min en que o electorado lle dará un castigo ao actual gobernante, poñíame diante da incoherencia de ir votar cunha perna serrada. Como, dicía, é posible que despois de lle quitar a paga extra aos funcionarios, de aumentar o paro, de martelar día a día contra a educación e a sanidade, de establecer o pago dos medicamentos aos vellos, de aniquilar as axudas á dependencia se vote outra vez a quen nos está serrando as pernas? Pois aínda que así fose (o de que nos están serrando as pernas, que moi equivocado non anda o meu colega), manteño que os votantes lle serán fieis ao partido no poder. Se a miña hipótese – que non hai por que confundir con desexo- fose certa, o que non se saberá ata o 21 á noite, a razóns polas que o actual partido no poder manterá idéntica maioría ou incluso a superará lixeiramente deberase a varias razóns. A primeira, indubidable parece, a que o PP ten hoxe en España, en Galicia tívoo sempre, un votante fixo e fiel difícil de apear da súa convicción. Pouco importan os feitos: antes que votar ao contrario, vótase aos dun sen o máis mínimo complexo de culpa. Se por algo se caracteriza o votante da dereita é pola seguranza no seu voto: son cultural, intelectual e moralmente superiores. Os outros só traen desgraza, corrupción e mediocridade. Nada hai que discutir: por corruptos que se demostre que poden ser, por ineptos, por inxustos ou obcecados, sempre aparece unha razón xustificativa, unha desculpa sen trampa: necesitaremos anos para corrixir o por eles estragado e mil veces é preferible un voto aos “nosos”, porque con “eles”, os outros, todo sería infinitamente peor. Con este pensamento de base, difícil é mover a este electorado. Pero non só esta razón de peso converte en inmóbil a estes votantes. Hai un efecto de recordo que está pesando aínda. Entre o escaso número de votantes que poden modificar a súa intención de voto resiste un recordo negativo do anterior goberno bipartito, que, por mal que o fixera o actual do PP, parece non foi quen a conseguir que se esquecese. Dubido que fose tanto polo mal obxectivo realizado por aquel goberno – que o houbo- canto pola hábil – o que non disimula que tamén fose trapalleira- campaña anterior encirrando sobre algúns aspectos que resultaron moi efectivos (corrupción, imposición do galego, empoleirarse o BNG con menos votos sobre o PSOE con máis, etc.). Este mal sabor de boca entre parte do electorado considero que aínda non se deu esquecido. É un mal sabor con mala memoria que leva a moito votante a preferir este malo coñecido que regresar ao malo peor. Con unha agravante que outra vez soubo explotar moi ben a campaña de Feijóo: se o bipartito foi unha merenda de negros, imaxinen agora como se entenderían entre tres, levándose a matar os de Beiras e o BNG abandonado. En fin, que non todo son rutinas establecidas nin estratexias maquiavélicas dos directores de campaña do partido da dereita. Os contrincantes tamén realizaron oposición, presentaron os seus candidatos e rematan hoxe a campaña. Se a miña hipótese fose certa, repito, e iso non se saberá ata o domingo á noite, demostraría que os partidos empeñados en parar e facer frente non son capaces de reunir unha maioría absoluta tan lexítima coma a dun partido único porque talvez non se centraron en convencer ao electorado, senón en aniquilar ao contrario. Para que? Demasiado empeño en destruír ao contrincante, escasa oferta de programa unido para gobernar. Os que deberían esnaquizar a maioría absoluta do PP non parece – xa veremos, dirá o meu colega e moitos máis que non crerán neste prognóstico- que soubesen demostrar que un goberno unido era posible para infundir así unha leve esperanza de que non é obrigado quedar sen as dúas pernas. Se o PSOE presenta este candidato e esta campaña, el deberá analizar as consecuencias do que probablemente se lle veña enriba. Se o BNG se dedica a perseguir aos seus irmáns por traidores, eles levarán na baixada de deputados a penitencia. Se, como todo indica, o único que poderá cantar un éxito sen discusión, ademais dos que ganasen a maioría absoluta, claro, pois pasar de 0 aínda que só sexa a 3 é xa un indiscutible éxito, será o “vellote” (el o dixo, non eu) Beiras, xa me dirán... Repítese con frecuencia que o poder non se gana tanto por méritos dos aspirante canto por erros do gobernante. Se a tese ata aquí mantida fose certa – que se cadra non-, todo fai pensar que, a pesar de nos estar serrando as pernas, o elector bota de contas que, de cortarllas, prefire que llas corte o PP. Por que, pregúntome, se, como tamén se di, o votante é sabio, prefire neste momento que o deixe tolleito a dereita? Iso é o que haberá que analizar o día despois. Pero non me fagan moito caso, se cadra no artigo do venres próximo teño que tragar o sapo de todo canto acabo de expoñer e cóntolles a razóns polas que o PP, contra prognóstico, perdeu a maioría absoluta. Isto dependerá do que cada un votemos.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.