domingo, 14 de octubre de 2012

MESTRE:HONOR NACIONAL

Goberno tras goberno, sexa do color que sexa, cae irremisiblemente na trampa de cambiar as leis educativas en canto chegan ao poder. Tal e como é habitual nos partidos deste país, os argumentos van sempre na liña de culpar ao contrincante dos malos resultados que sacamos nas probas internacionais. O que está na oposición encárgase de buscar no que exerce o poder a causa indiscutible dos malos resultados do noso sistema educativo. Por iso prometen que, en canto cheguen ao poder, eles si levarán a cabo a reforma definitiva que nos situará no xusto punto de nivel educativo ao que todos teoricamente aspiran como fundamental para o despegue do país. Na práctica, tres notas ideolóxicas, un raspado de presupostos e unha catarata de decretos que o único que conseguen é confundir a alumnos, pais e profesores. Todo segue igual. E miramos con envexa para Finlandia. Certo que hai países como Corea e Xapón que tamén alcanzan resultados espectaculares nas medicións sobre resultados académicos, pero a costa dunha competencia feroz e dunha ansiedade non aconsellable. En Corea, por exemplo, na época da realización da proba que aquí correspondería á selectividade, polo inmenso esforzo que supón para as familias, os santuarios, psicólogos e psiquiatras funcionan a pleno rendemento, dado o nivel de angustia e tensión que causan os duros exames. Por iso non é tan envexable ese sistema duro e case militar no que o alumno, dende moi pequeno, se somete a un esixencia e concentración desmedidos. En Finlandia, sen embargo, alcanzando idénticos ou mellores resultados, o nivel de equilibrio e satisfacción social co funcionamento educativo é para facer pensar. Evidentemente teñen un presuposto superior ao noso, pero todos os expertos insisten en que non é esa a causa primeira do seu éxito. Tamén, claro, o ensino é eminentemente público, a práctica maioría dos estudantes pasan por idénticos centros e sistema educativo: gratuíto. E non, non teñen máis horas de estudo nin máis deberes ca os españois. Menos horas de estudo e mellor rendemento. Onde radica o éxito do seu sistema? En ser público, gratuíto, na perfecta colaboración entre familia e escola, se queren ata no clima que invita a estar metidos na casa e ler (sobre todo se os pais teñen por costume acudir na fin de semana á biblioteca pública). Pero hai, sobre todos, un elemento crucial e indiscutible: a elección do profesorado e a súa importancia social. Levo anos convencido de que ningunha reforma educativa será eficaz mentres non se aborde como é debido a peza clave do sistema educativo: o profesorado. Vicente Verdú ten dito que non cambiará a educación neste país ata que os que hoxe estudan bacharelato se convertan en profesores. Con ser necesario un xiro xeracional, non o é todo. Para que o cambio xurda efecto haberá que reformar o sistema de selección, dedicación e consideración social dos mestres. En Finlandia para ser profesor hai que contar cun expediente magnífico, superar probas rigorosas e perfectamente estudadas, e no aprecio social poucos profesionais gozan do prestixio e recoñecemento dun mestre. Ser mestre é un honor nacional. Mestre dedicado ao ensino nos anos primeiros, que é onde se concentran os mellor preparados, aos que máis se lles esixe. Esa equivocación persistente de considerar que a menor nivel educativo cómpre menor nivel do profesorado é un erro gravísimo que pagamos en tódolos tramos educativos neste país. É nos anos primeiros onde se asentan as bases dun bo estudante, onde se forxa a personalidade e o talante resistente, esforzado e con estratexia para aprender que deben inculcar profesionais ben formados, entregados e experimentados. Estudos que se cruzan entre a pedagoxía e a economía insisten na importancia de investir recursos nos primeiros anos, canto máis tarde se intervén en problemas de aprendizaxe ou desaxuste emocional, menos eficaz e máis cara resulta a intervención. Velaí, pois, o rumbo a tomar se queremos de verdade potenciar a educación, motor principal do progreso do país: contar co profesorado, renovalo, seleccionar os máis brillantes currículos, convertelo nun especialista considerado socialmente e dedicar os mellores aos niveles educativos inferiores. Estou agardando ao executivo que non se dedique a derrogar os decretos do equipo anterior propoñendo novidades que nada anovan. Gustaríame atopar un goberno que se empreñase en converter o ser mestre nun honor nacional.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.