domingo, 14 de octubre de 2012

XORDOS, PERO NUNCA PEOR


MIÑA nai colleu o teléfono e preguntou: hai algo de novo? Voume operar, contesteille. Pois moi ben, xa vai sendo hora de cear. Que non, mamá, que a próxima semana me vou operar. Home, antes da semana próxima ben farás en cear, non esperes tanto. Cear si, mamá, pero que xa me deron a vez para a operación. Colgaches?, pregúntame. Non, non colguei, sigo aquí, dicíache que xa teño vez ... Pois debeu colgar, non oio nada, rosma. Non, sigo aquí. Xa colgou, di. E colga ela. Diálogos así son frecuentes entre miña nai e máis eu, porque dende hai un ano a xordeira avanza sen misericordia. Con todo, ela sempre me anima: nunca peor. Pois tal cal antóllaseme o diálogo entre os principais partidos aspirantes a nos gobernar.
O debate entre os señores Feijóo e Vázquez foi aburrido canto quixo. Previsible. Curto de argumentos. Simplista e dominado por unhas mensaxes tan elementais e maniqueas que nin para mentes planas; non sei como non nos ofenden, merecerían que os deixásemos coa palabra na boca. Porque se un non paraba de magnificar logros que obxectivamente ninguén parece confirmar, o outro prometía unha sarta de simplezas sen pés nin cabeza. Ti fas medrar o paro, di un; ti máis, contéstalle o outro; contigo non saíremos da crise; pois contigo menos. Está vostede de acordo en cumprir o compromiso de déficit, pregunta un; con vostede os pais non poden mercarlles libros aos nenos, responde o outro. Non diga mentiras, descualifica un; para mentirán vós, que non destes unha no cravo. Como se atreve a presentar como éxito o maior fracaso, alármase un; como pode presumir de nada, retrúcalle o outro, se estamos así pola súa grande culpa. E así se pasan unha hora repetindo o que levaban memorizado, petando coas mensaxes aprendidas por mandato dos expertos da campaña, ignorando calquera diálogo de ideas e programas realistas. Unha conversación de xordos onde o único que se pretende e deixar claro que o outro é peor, que todos están a favor dos xubilados, dos parados, da educación e da sanidade, mentres a vida diaria nos di que estes si empeoran sen remisión. Pero eles continúan nese diálogo de xordos confiados en que os votarán. E o curioso é que, a pesar desta pantomima entre xordos, os dous seguen sendo os máis votados, coma se o votante sentise un medo atroz a abandonar o malo coñecido, convencido de que aínda podemos ir a peor.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.