lunes, 22 de octubre de 2012

TAMBORES DE INDEPENDENCIA

POR se alguén aínda tiña algunha dúbida, por se pensaban que todo acabaría nunha manobra electoralista destinada a cubrir de mesto fume o desastroso goberno de CiU, pero sen consecuencias inmediatas que levasen a promover en serio a independencia, os bispos cataláns acaban de dar un indicio máis a ter en conta. Débil, pero o suficientemente explícito. Eles ventan tempos de independencia. E se a eles os ventos lles petan así nos narices, desengánense: o camiño da secesión non está tan lonxe. Pero se a Conferencia Episcopal acaba de dar á luz en Madrid un documento oficial avogando pola unidade e de claro ton contrario ao golpe na mesa dado por Mas, poden retrucarme. Tanto ten. Non nos enganemos. O realmente sintomático é o comportamento dos bispos achegados á realidade, eles son os encargados de ulir os camiños da historia e de lles ir abrindo os ollos aos de Madrid e Roma. Raro será que erren, boa experiencia ten demostrada esta institución como para meter o zoco en asuntos de tal calibre, e cando o momento sea chegado xa o Vaticano estará ao cabo da solución que menos desgaste produza.
Enfrontaranse, entón, podería pensar o lector, a igrexa local catalá coa española? Podería crear un cisma dentro das autoridades eclesiásticas a fragmentación de Cataluña. Nunca. A Igrexa conta con cintura sobrada para resolver este conflito e peores sen que se lle mova un cabelo a Rouco Varela. Alguén cre posible que se vaia complicar por asunto tan banal como que Cataluña se faga Estado independente unha Igrexa afeita e experta en estar con Pinochet e sen el, con Franco e contra Franco, con democracia ou sen ela? Capaz de se manifestar como a abandeirada dos pobres e a un tempo non rifar cos ricos máis groseiros, hábil para saír a flote en Polonia, Cuba, San Salvador ou Guatemala, con liberación ou sen ela, que reto lle pode supoñer bandearse entre as clases dominantes catalá e a española, as realmente encaprichadas neste nacionalismo? Ningún. Os bispos que pisan o terreo xa nos adiantan cal será a posición máis caritativa (igual que ocorrerá no País Vasco): estar de parte dos cataláns independentes, dos vascos e das vascas, ninguén debe perder o auxilio da fe por razón da súa decisión de identidade política. Queden coa copla: como os bispos cataláns insistan un pouco máis neste asunto, poden dalo por feito: soan tambores de independencia.
 
 
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.