martes, 9 de octubre de 2012

FAMILIA E AMIGOS

Disque con motivo dun dos referendos cos que Franco “consultou” aos seus súbditos, unha piadosa señora quixo consello do seu habitual confesor. Padre, preguntoulle sen retranca a católica muller, que lle parece que debería votar en conciencia, si ou non? Señora, vote tranquila e en conciencia o que mellor lle apeteza, tanto lle ten o si como o non, respondeulle o confesor: se vota si, quererá dicir que continúe; se non, que non se marche. Elixa sen medo. Tal e como se presentan as próximas eleccións en Galicia, case pide o corpo acollerse á resignación da anécdota, pois non parece que teñamos escapatoria posible a que continúen. A que continúen os mesmos argumentadores de falacias, os repetidores de consignas simples, os carentes da máis mínima idea orixinal para afrontar esta situación á beira do abismo. Analizadas as propostas e os líderes que se presentan, tan estúpido sería dicir que todos son idénticos como non recoñecer que, a pesar das diferenzas, pecan dunha orixinal discapacidade: non recoñecer a impotencia que os imposibilita para cambiar practicamente nada. Como a algúns non se lles dea por arrimarse á arroutada de Ciu de unificar os corazóns pola salvación na independencia (nós tamén, para non ser menos, que algo xa vou oíndo, sen recoñecer que entre eles e nós hai séculos de distancia económica e cultural) pouco ou nada novo poden ofrecer os nosos aspirantes a gobernantes. Porque se non podemos ignorar que o problema sobre todos é sen lugar a dúbidas o paro enrabechado, cruel e sen freo , especialmente contra os mozos, haberemos de admitir que ningún goberno que saia das urnas galegas nas próximas eleccións conta con recursos como para lle facer fronte. Que nos venden todos cantos nos gobernaron na comunidade cando do paro se fala? Que non está nas súas mans, que depende ineludiblemente da política económica non xa do goberno de España senón do Europeo, e que calquera medida adoptada aquí neste curruncho non deixa de ser unha anécdota intranscendente e sen consecuencia algunha. E non menten. Porque nin Concellos, nin Deputacións, nin tampouco as autonomías (se exceptuamos a do País Vasco e Navarra dado o seu desigual e inxusto acordo económico e Cataluña pola súa habilidade e potencia na chantaxe separatista, pois nin Andalucía contando con tanta poboación exerce o peso destas) son quen a propoñer medidas que inflúan na evolución do emprego. Despois de cinco anos de desasosego sen ver nin unha muxica de esperanza, os partidos que se presentan ao goberno de Galicia non deberían xogar coa intelixencia da xente prometendo o que nunca poderán solucionar. A non ser que todos se apunten á filosofía Feijóo: non debemos nada, cumprimos, non pedimos, sairemos coma foguetes da crise porque fomos aforradores, esquecendo que durante o seu mandato o paro ascendeu ata cifras que Galicia xamais coñecera. Diante desta oferta electoral que arrinca prometendo o que non entra nas súas posibilidades, a tentación non se pode agochar: e se quedamos todos na casa e que os voten familiares e amigos a ver se dunha vez entenden que non os cremos nin nos poden enganar con tanta grosería e reiteración? Cheos de fastío os que ven un Psoe sen rumbo, acomodaticio, corrupto, indeciso e plúmbeo; desenganados os que confiaban no PP como revulsivo e fonte de confianza ante a súa teimosía fía cumprindo as recetas para incrementar a recesión; desesperados os de esquerdas por non ver en concreto nada factible e realizable nos programas dos partidos que se teñen por tal; encolerizados os nacionalistas pola fragmentación das forzas; escarmentados a maioría diante de aventuras populistas de ególatras pícaros, e tantos e tantos rabiosos porque non ven saída á súa prolongada situación, non estraña que a moitos lles pida o corpo quedar nada casa, pasear á beira do Lérez ou visitar aos avós que lles están axudando nos malos tempos. E non votar. Enténdese. Tal posición, sen embargo, tropeza con dous inconvenientes que a esnaquizan. Nunca os que quedarán na casa serán tantos como para someter a unha crise razoable o sistema, co que aínda que só fose pola suma de familiares e amigos algún partido sempre gañará ao outro, e iguais de todo xa dixemos que non son. O determinismo non chega ao extremo de impedir que algunhas medidas non poidan tomarse con autonomía e decisión. E non todas coinciden en capacidade de diálogo, de sensibilidade social, de honestidade e contundencia contra a corrupción e o engano. Por iso non soe valer a cesión diante do cansazo e a fartura. Ao remate, os elixidos, aínda que pouco máis sexa que polos votos de familiares e amigos, contarán coa lexitimidade para gobernar durante os próximos catro anos. E xa vemos que catro anos poden ser eternos. Pero ademais, volvendo aos tempos cos que comezaba este artigo, non sexa que por deixarnos levar dos erros deste sistema acabemos noutro peor no que botemos de menos os tempos nos que se podía votar. Porque hai algo incontestable: o si ou non serían idénticos nos tempos da ditadura, elixir agora entre as distintas ofertas, con tódolos vicios que admitamos e nos repugnen desta actual democracia, non deixan de ser un mal que aínda moitos quixeran para si.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.