domingo, 11 de noviembre de 2012

SETE ANOS


SETE anos son suficientes para que un neno deixe a primaria, supere a ESO, conclúa o bacharelato e, superada a selectividade, ingrese na universidade. Con idéntico número de anos, un estudante universitario remata o seu grao, completa un máster e, se lle tira a investigación, xa vai encarreirando o seu doutorado. Sete anos son moitos na vida dunha persoa e dunha sociedade. Parellas namóranse, casan, teñen fillos e a algunhas ata lles dá tempo a estar separadas. Durante tantos anos hai quen monta un negocio e crea seis ou sete postos de traballo, quen pasa pola experiencia da emigración, regresa á casa e dálle tempo a se establecer con clara perspectiva do que desexa facer. En sete anos, cualificados especialistas están preparados para dirixir un departamento cirúrxico onde se toman decisións que salvan vidas a diario. Por iso non teño máis remedio que lle dar a razón a Rosa Díaz, aquí si, por alarmarse de que o Tribunal Constitucional necesitase tantos para resolver o recurso presentado polo PP sobre se era ou non constitucional o matrimonio entre homosexuais.
Comprendo que tan Alto Tribunal acabe non contentando a ninguén. Era evidente que con esta resposta nunca contentaría a Igrexa católica, pero é que aínda aos máis favorecidos pola súa resolución ten que os deixar perplexos tanta dilación. Pasoulle outro tanto co Estatuto de Cataluña. Que equilibrios pretende? Por que baremos se rexe? Pretende como di o bispo de San Sebastián estar en concordancia co politicamente correcto e co que sospeita que a sociedade dá por bo ou atense a principios xurídicos non tramados por intereses políticos? Cos medios cos que conta, cos expertos ao seu servizo ou con seleccionados xuristas tan minuciosamente elixidos, en sete anos parece que estas excelencias da Xustiza terían tempo para analizar ben o dereito comparado, a antropoloxía de parentesco desde Malinowski, Margaret Mead e Lévi-Strauss e investigar na doutrina das relixións en relación coa familia con suficiente dominio como para deixar sen capacidade de retruque ao portavoz de calquera conferencia episcopal. Pero estes expertos elixidos con lupa polos partidos para que aplaudan o por eles lexislado, parece que necesitan sete anos para dicir o que calquera diría, sen autoridade nin dilixencia, caendo cada día máis, se cabe, no desprestixio que os deixa aos pés da inutilidade institucional.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.