domingo, 4 de noviembre de 2012

ATA CANDO, AMOS DO MUNDO?


ATA cando, amos do mundo? Ata cando habedes de seguir abusando da nosa paciencia?A que extremos chegará a vosa desenfreada audacia? Non vedes aos mozos desempregados, incluso os ben preparados, vivindo da pequena pensión dos seus pais ou avós, ás mulleres rebaixándose aos traballos máis ingratos para levar algo de comer á casa, a vellos ou matrimonios con fillos pequechos quedar na rúa, sen vivenda, a unha morea de familias sen traballo nin ilusión nin esperanza nin nada co que se poder amarrar a esta vida? Ata cando, amos do mundo, insensibles, fríos, insaciables na vosa cobiza, pensades seguir espremendo nos máis necesitados para que non diminúa, ao contrario medre, o voso nivel de vida e luxo? Que teñen que ver os vosos ollos para que lles entre unha bágoa de piade? Por que ese empeño da vosa razón por nos convencer de que sen o voso excesivo beneficio non hai solución? Canto máis precisades afogar aos que viven á última, no extremo do soportable, para retirar o voso pétreo pé que preme as súas cabezas, corazón e dignidade? Que debe ocorrer, cantos máis desesperados, mendigos ou excluídos sociais necesitades ver para xirar o rumbo das vosas decisións?
Que tempos! Que costumes! Sábese e vese e escoitase por todas partes o que está a ocorrer, séntense os efectos devastadores nos comercios, nos hospitais, nas escolas, nas esperas das cociñas de beneficencia, na atención aos máis vellos, e vós coma se nada. Cunha friaxe extrema continuades espremendo e premendo a dignidade da maioría, extraendo das súas minguadas pertenzas a última miga de esperanza para que vós, amos do mundo, non deixedes de incrementar os vosos caprichos, excesos e groseiras e repugnantes ostentacións. Que tempos! Ata cando, amos do mundo? Que máis ten que pasar, que máis fracasos evidentes debedes presenciar para que vos deades conta que así, sen remedio, imos cara o cavorco do que, para saír, ninguén sabe as desgrazas, sufrimento, vinganzas e violencia que nos agardan. Hai tempo, amos do mundo, que por orde dos demócratas deberiades ser levados, non sei se ao suplicio, pero si a algunha situación similar á que millóns de persoas padecen por causa das vosas maquinacións.
Oh, que tempos! Todos o estamos vendo, pero coma se non o viramos: os directores supremos desta desfeita seguen á súa, imparables, insaciables, insensibles a canto os rodea. Ata cando?


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.