lunes, 19 de noviembre de 2012

CONEXION SHELDON ADELSON

Non é para rir que o presidente Feijóo se dedique a viaxar por México e Brasil tratando de conseguir contratos para os nosos paralizados estaleiros. Sorte e que cheguen encargos para moitos anos. Nada que dicir en contra. Pero estráñame que entre tantos asesores que rodean ao presidente a ningún se lle ocorrese a idea. Refírome á Cidade da Cultura, ese monstro ao que ninguén parece saber como alimentar. Alguén debería suxerir xa que, se non queremos que axiña se converta nunha morea de cemento comesto polas silvas, o único que nos queda é a conexión Sheldon. Si, Sheldon Adelson, ese magnate dos casinos que intenta converter Madrid na capital europea do xogo e outras distraccións. Como é que aínda non se lle ocorreu aos nosos dirixentes ofrecerlle ese continente ao empresario ianqui? Claro que se os asesores dos nosos dirixentes non demostran creatividade ao non caer nesta posibilidade, os que rodean a Sheldon tampouco parecen moi aleutos. Demóstrano ao lle facer perder 60 millóns de dólares apostando polo candidato republicano, e demostrárono indo de Cataluña a Madrid para ao final quedarse con Madrid, cando, a pouco que mirasen, a prezo de saldo terían xa medio ergueito o proxecto con só achegarse a Santiago de Compostela. ¿Biblioteca, arquivo, sala de música, exposicións? Iso xamais será rendible nin creará postos de traballo. Xogo, bares, fume, putas, vicio e facilidade para o carto escuro é o que dá vida a esta sociedade. Sabíano ben en Cataluña e Madrid e por iso lle bailaron a auga a Sheldon e asesores. Facilidades legais, cambios de normas, flexibilidade, transformacións urbanísticas, vista gorda co medio ambiente, relaxación moral: o importante é que corran os cartos, o fume e a fortuna. Como as nosas autoridades non caeron en lles ofrecer o que xa está ergueito? Como Adelson e os seus expertos non se decataron do grande aforro que significaría aproveitar esta mole á beira da autoestrada? Os máis realistas argumentarán en contra que estamos demasiado lonxe. Lonxe de que? Non o estaba igual a Compostela do Apóstolo en tempos peores e foi capaz, grazas á idea do camiño, de inventar unha Europa de románico e hospitais? Non estiveron atentos e agora xa ha ser algo tarde, pero para min que o tiñan doado. Edificios fáciles de remodelar, á beira da autoestrada, unha rotonda das que agora tanto proliferan e conectamos o complexo enorme transformado en casinos orixinais. E o mar a un paso. Se de Vigo a Compostela é a carreiriña dun can, como non deron na grande procesión de transatlánticos que poderían peregrinar ata o porto de Vigo para nun par de noites gastar os cartiños no Gaiás? Supoño que ás autoridades eclesiásticas non lles faría demasiada graza nun principio dado o carácter do negocio, pero xa sabemos da capacidade de adaptación destas autoridades e axiña consentirían. O complemento entre goce espiritual e pracer máis terreal faría da cidade un lugar único ao que viaxarían a pé, en avión, tren (entenderían así dunha vez por todas os de CiU para que queremos o AVE) e barco millóns de cidadáns de todo o mundo. Hai que ter ben pouca imaxinación para non ver a fermosura da luminaria que se alzaría no Gaiás chamando aos gastadores, xogadores, noctámbulos, bebedores e viciosos do mundo, concentrados arredor de tan orixinal proxecto arquitectónico. Non sei en que andan os asesores para non dar con esta saída gloriosa para proxecto tan mal nacido. O que máis lamento é que se cadra esta miña suxestión xa chega algo tarde e non é aproveitable. Porque de estar algo máis atentos, de ser máis dilixentes e creativos, xa teriamos convencido a Sheldon e asesores da conveniencia e negocio redondo que tiña por un prezo módico con só viaxar un par de veces a Galicia, probar o marisco, visitar a catedral e reunirse coas autoridades lexítimas. Todo un negocio que daría luz e ilusión a Compostela, crearía postos de traballo a milleiros e reportaría pingues beneficios aos seus promotores tal e como está mandado e é de rigor para quen é creativo e dá postos de traballo.Mágoa que nin ás nosas autoridades nin ao arriscado empresario se lles ocorrese, pois nin Cataluña nin Madrid eran os adecuados, o gran centro de xogo, arquitectura “hortera”, negocios escuros e fume, moito fume, podería encaixar perfectamente nese continente fracasado no monte Gaiás, aí morto de risa porque ninguén da sabido que facer con el. A conexión Sheldon Adelson puido ser a solución. Outra oportunidade perdida.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.