lunes, 6 de mayo de 2013

AS BÁGOAS DE RATO

Desde que souben que o Concello de Viveiro lle retirou o título de fillo adoptivo a Rodrigo Rato, non deixo de pensar no moito que debe estar padecendo o exvicepresidente do goberno na época de Aznar. Imaxínoo cada mañá agarrado aos cabelos, cuberto de bágoas, saloucando e desfacéndose de pranto diante de tan dolorosa perda. Supoño ao atarefado e triunfador executivo, agora mirando polos intereses dunha importante empresa privada, lamentando os seus erros e repasando a súa vida política e laboral para entender dunha vez cal foi o pecado polo que agora debe penar: perder o título de fillo adoptivo de Viveiro, nin máis nin menos. Que fixen mal, preguntarase o artífice da mellora de Bankia; onde cometín fallo tan grave coma para me ver privado de tan alto honor, realizará autocrítica o exmandatario do FMI; que puido causar tal desafecto nos rexedores dese Concello, indagará con rigor científico intentado buscar unha explicación coherente a tanta desgraza o home de empresa por tradición familiar. Supoño que non lle será doado tirar conclusións que o tranquilicen, por iso as bágoas deben facer poza na humilde morada que habite (digo humilde porque en comparanza con algúns altos executivos que coñecería na súa breve estadía en Washington pode sentirse coma unha carracha pobre, vexan aquí exemplo claro do relativismo imperante) causando incluso inundacións nas vivendas contiguas. Porque isto de ir perdendo títulos só é recibir o primeiro lapote, a continuación caen de tódolos lados sen saber como. Comeza Viveiro retirando o de fillo adoptivo e a saber a de Concellos por España adiante que estarán maquinando en privalo das chaves de ouro da cidade, da medalla máis prezada da vila, do título máis sobranceiro do pobo máis agochado. Imaxinen a de cuartos que terá dedicados o expolítico para gardar tanta e tanta ferralla coa que o irían agasallado nos seus anos de gloria. Comprendo que iso ten que ser unha pesada cruz: de que me privarán na próxima semana, de onde deixarei de ser fillo predilecto, obrigaranme a devolver a banda de honor da irmandade de Andalucía ou Estremadura ou Castilla León ou Cataluña, que con tanta festa e louvanzas me regalaran? Miren por onde, sen comelo nin bebelo, un ministro como el foi de tanto éxito e que sentou as bases do que logo sería a economía de fogos de artificio, sufrindo agora as consecuencias dunha xenreira e malicia nas autoridades ás que se lles dá por privar de honores a quen tanto fixo por merecelos. Visto así, ata dá pena. Claro que, mirado por desde outra perspectiva, poida que as bágoas do Sr. Rato sexan de pura risa, falando mal e para nos entender, que se escaralle do pouco que lle molesta este tipo de medidas e da superioridade moral que proporciona ver a hipocrisía e baixeza do poder débil, do inferior, do que non é economía potente. É probable que con cada retirada destes honores, se é que dedica un segundo a pensalo, lle veña ao acordo a submisión e compracencia excesiva daqueles que se abaixaron para que lle aceptase o recoñecemento. Véxoo punteando esa perilla que xa non sei se agora gasta e rindo polo baixo mentres recorda as veces que os concelleiros e alcalde chamaron á secretaria para que lles aceptase o honor. Recordará como os mesmos ou similares políticos que daquela lle rían os chistes malos e lle escoitaban as solucións máxicas para os problemas da economía mundial, son agora os que se afanan por lle retirar un título que consideran non merece. Como é a vida, pensará o experto economista, antes tan admirado, agora tan odiado, o que o confirmará na seguranza de que vai na boa liña, de que actuou con criterio e que os únicos que saben cara onde van son os que actúan coma el. Nada mellor para reafirmar nas súas conviccións aos amos do mundo que ver aos servís de antano agora rectificando rancorosos. As bágoas dos que moven os fíos da economía, se lle saísen, estou seguro que nunca serían de pena nin por recoñecemento de erros cometidos. Se algunha esborrexese pola súas meixelas só respondería a esa risa distante e imperturbable dos vencedores que ata os fai chorar; esa que os empoleira aínda máis para continuar pola senda que tan ben levan explorado. E así, mentres os perdedores dan paus de cego retirando títulos de fillo adoptivo e medallas de honor, os vencedores, seguros, mirando despectivos para medidas tan inofensivas, seguen impertérritos repetindo idénticas condutas. Aquelas que os converteron nos mellores ministros da democracia, en rexedores de organismos internacionais, en salvadores de caixas afundidas que aínda se afundiron máis. Eles continúan en pé, firmes, saben que van polo camiño correcto. Non tardarán en mudar os tempos e outra vez os concelleiros e alcaldes do país buscarán o teléfono da súa secretaria para pregarlles que acepten ser fillos adoptivos de calquera cidade. Por iso as bágoas son de risa e esperanza, nunca de pena. Para penas, os perdedores.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.