lunes, 13 de mayo de 2013

PACIENCIA NON, GRATITUDE

Rajoy e o seu goberno están pecando de timoratos. Necesitan desinhibirse. Botarlle peito, que se diría en plan máis coloquial, e chamarlle ás cousas polo seu nome. Que é iso de solicitar que teñamos paciencia dando unha miga de pena? Paciencia pídese cando un se ve desbordado, sen saída, perdido, agardando a buscarlle solución a un problema. Non é o seu caso. El sempre coñeceu o diagnóstico, os culpables, os erros e os seus donos, as solucións e os camiños de saída. Estáos aplicando con rigor e determinación. Non lle treme o pulso. Non se cansa. Non desmaia e asegura que ninguén lle fará cambiar o rumbo porque imos polo camiño adecuado. Por que pedir paciencia? Por se alguén aínda non se decatou, todo canto está a ocorrer no último ano e medio de goberno glorioso é unha limpeza e cimentación do que será a creación de riqueza e emprego. Este varrido que pode parecer groseiro e atordado non é tal. Trátase simplemente dunhas reformas en profundidade, dunha transformación rotunda das nosas estruturas produtivas que darán como resultado unha España rica, próspera, con emprego para todos, igualitaria e ben servida socialmente. Que algúns por curtos de miras ou mala intención interesada non queiran velo non significa que o futuro non sexa esperanzador. Dolor? Si. Sufrimento? Si. Pero por algo que merece a pena. Non sofre acaso o doente cando lle extirpan un cálculo que o mataba? Igual pasa coa situación económica actual. Estamos diante dun sufrimento con recompensa, dunha dor gratificante. Por que, entón, amedrentarse e pedir paciencia mesturada de perdón coma se a culpa os roese? Escoito argumentos de contrincantes políticos do goberno poñendo enriba da mesa cifras e letras que desmenten a súa alegría esperanzada. Números da enquisa de poboación activa, desánimo que se reflicte nas respostas ás preguntas do CIS, pesimismo instalado na maioría das capas sociais, nas institucións, ata na maneira de camiñar pola rúa. Datos e e feitos poden engrosar a lista dos desastres causados por esta política de inxusta carga das penas. Experiencias de miseria que poñen en carne viva a sensibilidade dos máis duros de pelello. Pero farían mal, argumentan os relatores do goberno, se por escasa perspectiva se quedasen nestes fríos e pouco informadores datos. A verdade que se agocha por debaixo de todo isto é tan recorrente como incuestionable: todo podería ser moito peor se non se adoptasen as medidas empregadas. Así de rotundos e claros e incontestables son os argumentos deste goberno. Medrou o paro: sorte, podería ter medrado moito máis; aumentan as desigualdades: dea cun croio nos dentes, non imaxina onde estaría a estas alturas se non se actuase coa contundencia coa que se actuou; pérdese calidade de vida: dea grazas a Deus, vostede non sabe o que é carecer do indispensable; os traballadores retroceden a condicións de moitos anos atrás: prefire non traballar en nada? E así pode encadear unha restra de dúbidas e cuestións que todas atoparán unha resposta infalible: se non fose por nós, polas actuacións destes meses, pola determinación e claridade coa que nos movemos, todo sería infinitamente peor. Por que, entón, pregúntome de novo, tan anicados e tan medosos solicitan paciencia como respiro? Dunha vez por todas, Rajoy e o seu equipo, tanto no goberno coma nas asesorías, deberían rachar a camisa e a peito aberto, sen plasma, sen protección, diante de cantos xornalistas queiran, contestar destemidos a preguntas sen taxa nin filtro, anunciar con plenitude e confianza o que nos falta: que lles esteamos agradecidos, que nos deixemos de chorimicar, de lamentos e prantos, e dunha vez, coma sociedade responsable e culta, democrática e serena aplaudamos e gabemos as dúas caras do fundamento do seu optimismo: por un lado non empeorar como teriamos empeorado de non gobernarnos el e os seus, e, polo outro, estar cimentando cunha solidez e fortalezas nunca coñecidas o futuro dunha nación que non tardará en ser a envexa do planeta. Diante dunha situación de evidencias tan favorables, non acabo de entender a timidez do presidente e, menos, a ingratitude dun pobo tan pouco aleuto para saber recoñecer a quen tanto ben lle dá. Chegou a hora de deixarse de panos quentes e monadas. O presidente que se deixe de falsas humildades e presuma do que lle corresponde e os españois a lamentarse en Cuba acompañando a ese cómico que disque se vai exiliar aló. O país non aguanta máis dramatismos estériles. Imos ben. Estamos sementando para recoller unha colleita coma a dos sete anos de vacas gordas de José na Biblia. Agradezámolo abertamente e abandonemos protestas, conflitos, escraches, manifestacións e escritos que non saen da pestilente poza da crítica destrutiva. Non nos conformemos con ser un país paciente. Transformémonos nun país agradecido, que recoñece aos seus sacrificados e eficaces gobernantes. Pensen, se non o ven claro, nas desgrazas que nos poderían ter acontecido e, por fortuna, nos libraron, eles, precisamente eles, de todas elas. É de ben nacidos ser agradecidos. Sobran máis explicacións.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.