lunes, 20 de mayo de 2013

CULTIVAR O IDIOMA CON AMPLITUDE

Non se lle podía conceder ao novo presidente da RAG uns días de paz e acougo mentres se afacía ao cargo? Non habería modo de que entre o BNG e cantos defenden o galego, aínda que non exactamente ao xeito dos nacionalistas, non se producisen choques que a quen prexudican é ao idioma? Resultaron tan graves as declaracións do vello profesor como para se sentir ofendidos os dirixentes do BNG ata o punto de saltar con agresividade sobre a súa persoa? Tratarei de explicar a miña posición sen panos quentes, como xa teño escrito noutras ocasións, pois así a veño defendendo dende hai máis de trinta anos que escribo nesta lingua. Sería inxusto, ademais de demostrar ignorancia, restarlle mérito ao interese que o BNG puxo e pon na defensa da lingua. É unha evidencia: o seu compromiso é indubidable e a súa resistencia merece aplauso. Non me parece que mereza máis argumentación, calquera que siga os seus programas, actuacións, práctica diaria e manifestacións debe admitir a súa firme aposta por recuperar, revitalizar e normalizar o galego. De igual maneira, non creo que a estas alturas da súa vida o intelectual Alonso Montero necesite que eu defenda toda unha vida de entrega á lingua e literatura galegas. Miles de páxinas, leccións, conferencias e centos de discípulos poden acreditar por todo o territorio a capacidade de compromiso, sabedoría e sedución do baqueteado profesor. Estamos, entón, diante dun partido e do presidente dunha institución que velan por un mesmo interese e cun mesmo obxectivo. Onde se produce o desencontro? Na rixidez. No dogmatismo. Na intransixencia. Na visión escolástica de que fóra da miña igrexa, da miña maneira de entender os camiños e atallos para chegar ao fin, non hai salvación. Talvez a isto se quixo referir o presidente da RAG galega nesas declaracións que tanto noxo causaron en dirixentes nacionalistas. E se así era, se coa comparación da nai que por moito querer ao fillo acaba por premelo facendo del un neno débil e pouco amante do que lle pretendían inculcar, non andaba ao meu ver moi errado Alonso Montero. Hai amores que matan. Normas que paralizan. Compromisos que corren o risco de se transformar en obsesións nada atractivas. Todo o que abafa produce rexeitamento, non dá azos, non permite medrar libremente. Puidera ser que algúns partidos e asociacións defensoras do galego, de tanto querelo, o situasen diante dos indiferentes nunha posición de obriga e imperativo que, lonxe de seducir, os arredasen do fin que se persegue. É innegable que algunhas posicións, non precisamente neutras ou indiferentes – belixerantes contra o galego hainos, vaia se os hai-, utilizan este argumento para segar todo despunte da lingua, e sabido é que, de non ser esta, calquera outra escusa tamén lles valería para opoñerse á súa normalización. Pero paréceme caer nunha trampa perigosa darlles pé con métodos tan achegados á intransixencia. A proba, se o BNG fixese autocrítica nos anos de goberno en coalición veríaa, quedou ben reflectida nas elección últimas: o celo depositado na defensa da lingua, e supoño que non se levaría ao máximo das súas pretensións pois algo os reprimirían os socialistas, causou máis desafecto que outra cousa. Si, a oposición meteu veleno na ferida, pero resultou efectivo á hora de arredar a moitos votantes dese estilo de presentar a lingua. É probable que o flamante presidente da RAG non debera ter tanta présa en presentar esta posible incongruencia nacionalista de maneira tan directa. Non digo que non sobrase referencia tan explícita a un grupo claramente a favor do que a súa institución debe defender. Tempo e maneiras máis suaves tería para dar pé a un diálogo sereno e leal con quen por celo mal entendido pode nalgunha maneira prexudicar máis que favorecer á lingua. Pero sobran e resultan indicadores claros de que a crítica tocou en óso as declaracións agresivas e desproporcionadas de Vence e García Negro. Se algunha proba necesitabamos de que ás veces aos dirixentes do BNG se lles vai a man por dogmáticos, aquí temos as máis recente. Hai maneiras de se defender se un se sente inxustamente tratado sen caer en ataques tan simplistas: bocazas e españolista non son argumentos. Quen así salta só sementa dúbidas sobre se será certo, por máis que o neguen, o que moitos inimigos do galego manteñen: que se cren os donos do idioma, que o queren impoñer á forza, que só o entenden como estratexia nacionalista e que, sendo así, por imposición, antes que falalo por capricho dun partido, non o falan. Eu sei que non é así, pero deberían ter tino de non dar sospeitas para pensalo. Se o galego quere vida, só a atopará arredor de palabras como unidade e amor. Hai que cultivar o idioma con amplitude, vitalidade e non con normas, deixou dito Fernández del Riego. Entre xenreira, división, imposición e fanatismo cumpriranse as peores previsións daquel informe dramático sobre a lingua galega que o profesor Alonso Montero escribira para combatelo e aínda hoxe, superados os oitenta anos, segue loitando para que o dramatismo se poida cubrir cun pano de esperanza.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.