Paseando pola praia, tomando unha cervexa nunha terraza ou escribindo unha columna para o xornal todos podemos ser moi agudos, clarividentes e decididos. Pero situados no posto de mando, no lugar onde por indecisión, mal medido o tempo, pesimamente calculadas as previsións ou atordados polas presións de intereses múltiples que sepultan ao político, acordar determinadas opcións de intervención internacional non é tarefa doada. Para iso os eliximos, para iso se presentan, esa é a súa obriga, contan cos mellores asesores e todo tipo de medios, podemos atacalos. Pero aínda así, hai avespeiros nos que, por máis protección que tomemos, un non está libre de saír picado. A experiencia de guerras pasadas é espantosa. Os exemplos da exYugoslavia, Ruanda, Iraq, Afganistán, Libia e o eterno conflito entre Israel e Palestina, indican que nin os EE.UU., nin a ONU, nin a OTAN (Europa é sabido o pouco que pinta) demostraron boa información e previsións fiables tanto naquelas intervencións tardías coma nas inxustificadas e movidas por comenencias estrañas. Nuns casos permitiuse que millóns de persoas inocentes, mulleres e nenos, pagasen coas súas vidas os odios e fanatismos irracionais desatados entre a poboación. Noutros, co gallo de solucionar unha esaxerada e distorsionada temible ameaza, converteuse aos países intervidos en covas de ladróns gobernados por señores da guerra aos que se lles venden armas pola avaricia de suculentos negocios. O terror máis cruel reina en Iraq despois da desastrosa intervención alentada polos tres mosqueteiros fotografados moi altivos nas Azores. En Afganistán as mulleres seguen sendo esmagadas coma chinches, os bandoleiros mandan nos territorios e o único negocio que prospera é o da papoula. Lembrarnos dos Hutus e dos Tutsis equivale a introducirnos nun volcán de terror, como ben nos contou Kapuscinski en Ébano. Regresar co acordo a Srebrenica avergónzanos ao comprobar a timidez e vacilación á hora de cortar polo san. Polo visto, o dereito internacional e os organismos encargados de que se cumpra, incluído o Tribunal Internacional de La Haia, demostran lentitude, inoperancia e arbitrariedade. Agora, as brasas nas mans da ONU, Obama, Cameron e Hollande saltan do lume de Sira. España, escaldada polo erro maiúsculo de Aznar, mantén de momento o pico calado, pensa que así está máis guapa e se cadra é certo. Pero o dilema baila no cribo: chega con medidas económicas e diplomáticas?; permitimos que, por se manter no poder, un ditador masacre con gases , contra todo código internacional, á poboación civil ou intervimos no centro do inferno para que se escagalle aínda máis o desastre desordenado? Como debe ser a intervención? Leve, a distancia, enviando tropas ao caldeiro das brasas, amagando, sen correr risco para os soldados occidentais, tal e como tal vez lle guste ao Pentágono? Cal será e que aportará a investigacións das Nacións Unidas? Que fiabilidade nos merecen despois do fracaso de Iraq? Que clase de legalidade internacional usamos para intervir nun caso e non noutro? Non lle arrendo as ganancias a quen deben decidir. Porque, entre outras pésimas consecuencias, a favor de quen se interviría? Dos rebeldes? Sábese quen son, que pretenden, que grao de democracia poderían implantar no país? Coñecendo, ademais, a oposición frontal de Rusia, que se derivará dunha intervención no miolo do inferno? Acabar con Al Asad traería un mínimo de orde e interlocución á zona? Aplicase unha dose de escarmento para que persista unha guerra de baixa intensidade? Obama e Cameron están diante dunha decisión de enorme transcendencia: calcular a repercusión interna, as consecuencias internacionais e cubicar ben o límite para non causar máis mal ca ben. E mentres todas as variables van ao centro de cálculo, os intereses pelexan coas obrigas morais, os temores coa necesidade de determinación e a dilixencia coa prudencia, o certo é que milleiros de nenos foxen do lume e das bombas e dos gases asasinos, o país derrúbase, a zona aviva a polvoreira que xa era e o mundo, por non existir unha legalidade ben establecida e aplicada, convértese en máis inseguro e inxusto. Con excesiva frecuencia banalizamos sobre a responsabilidade, capacidade e importancia da acción política. En situacións así e cando deberiamos reafirmarnos na conveniencia dunhas institucións máis eficaces e libres, que conten coa lexitimidade internacional para optar en dilemas tan delicados e de imprevisible consecuencias. Meterse no avespeiro sirio esixe, antes de nada para evitar o sufrimento dos inocentes do propio país e logo para un mínimo de orde no mundo, un tempero e capacidade de análise, valentía e independencia que non son doadas, nin para os políticos concretos que han decidir nin para as institucións que as deben sustentar. Pero compre a acción, non queda outra ca meterse no avespeiro, o malo é como.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.