A CORRUPCIÓN tamén fatiga. Saturámonos de solidariedade, de piedade, de beleza, de compaixón, de amor; como non fatigarnos da corrupción, sobre todo cando é tan constante, groseira e pailana? Deberían medir ben as doses de verquidos cheirentos aqueles que as programan, porque pode chegar o momento que nin as falcatruadas reais, nin o enriquecemento do extesoureiro do partido no goberno, nin os desvíos dos ERE, nin as merendas dos sindicalistas produzan o máis mínimo atractivo. Para todo existe un límite de resistencia, ata o máis ávido de morbo acaba cheo.
Eu, non o nego, xa cheguei a tal estado. Tanto é así que en canto comezan con informacións referidas á evidencia de tanta canalla, a onde se me vai a atención é aos asuntos máis triviais: que corte de traxe e gravata gasta o xuíz Ruth, se adelgazou Rosalía Iglesias como consecuencia da prisión do marido, como evolucionan as chambras de Cospedal e o seu sorriso a cada paso menos crible, a pinta declarada de arteiro dalgún deses funcionarios andaluces expertos en desviar fondos públicos para a sogra ou a impenetrable resposta facial cando menten todos eles. Pero o que me leva os sentidos desde hai meses é a fixación que me entrou polo seguimento pormenorizado das entradas e saídas –únicas imaxes que os cámaras son capaces captar– da xuíz Alaya.
A primeira vez que a vin tirando do carriño de documentos, altiva, segura, dona do seu corpo, impávida e imperturbable, quedei apampado. Logo estudei a firmeza da súa columna, a impenetrable mirada, o equilibrio nunca perdido ao camiñar, a firmeza nos labios, xamais puiden saber se sabe rir; e tamén me apliquei en seguir a variedade de modelos ben conxuntados que loce, unha miga excesivos se cadra para tomar declaración a tanto pillabán, pero sen dúbida a máis capaz de conxugar a actividade de xuíz coa de modelo.
Ultimamente ando para me quitar do vicio, nunca se sabe como poden rematar estes refrescos inicialmente inocuos. Decidín , por me dar algo de siso, lembrar as palabras de Proust que tanto me aplico: "Sucede coas mulleres que non nos queren coma cos seres desaparecidos: que aínda que se saiba que non queda ningunha esperanza, sempre se segue esperando", e déixoa que siga entregada a ese sumario monstruoso, que máis parece acaerlle a unha filla de Ceo que a unha simple mortal, por máis que esta sexa a xuíz Alaya.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.