SETEMBRO está á volta. Nos primeiros días, os alumnos que non aprobaron tódalas materias en xuño, han de se presentar a unha proba extraordinaria. Entre os que se ven nesta necesidade hainos con unha, dúas ou se cadra tres materias que non deron superado por algunha dificultade especial para ese contido, por despiste nalgún momento do curso, unha mala comunicación cun profesor determinado ou mal cálculo á hora do esforzo. Outros, cargados cun carro de materias, ata sete ou oito, soen ser alumnos cun abandono declarado ou soterrado diante do estudo. Entre os primeiros é probable que superen as materias pendentes, pois, probablemente axudados nunha academia ou polos propios pais, complementaron o esforzo insuficiente no curso ordinario; os segundos, ao igual que en xuño e durante o curso, demostrarán a súa negativa, polas razóns que sexan, a intentar remediar o fracaso. Son eses que nin saben hora nin lugar de exame, chegan sen material, nada estudaron durante o verán –aínda que estivesen horas e horas pechados e enriba dos libros– e probablemente se mofen diante das probas ou as entreguen en branco. Para eles non é unha segunda oportunidade, simplemente unha repetición do martirio que lles supón o sistema escolar. Como romper o negativismo, desconfianza, temor e ás veces resentimento diante dos estudos destes alumnos é un dos retos máis importantes cos que se encontran os plans de estudos, currículos e a organización dos centros, por máis que moito profesorado se desespere intentando un remedio. Case sempre atrasos acumulados, carencia de hábitos e interferencias da personalidade se mesturan para dar como resultado un adolescente inseguro e frustrado, sempre descontento consigo mesmo por máis que o rebote en rebeldía, chulería ou desinterese groseiro.
Só entrar na aula, por máis que algúns se empeñen en ver prexuízos, o bo mestre sabe quen se aplicou e quen non durante o verán; quen puxo ganas de superarse e quen se rendeu e non puido e por iso non quixo saber enfrontarse á dificultade. Os que melloraron e aproban, seguro que contaron con alguén que estivo ao seu carón, lles axudou a facer, a entender, porque só se entende cando fan con nós, cando se produce a empatía activa. Os outros case seguro que recibiron un montón de sermóns, pero ninguén soubo ou puido facer nada a canda eles. E non se aprende recibindo prédica, só cando se acompaña na acción de aprender.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.