Recuperando o río, mesturando arquitecturas nas pontes, transformando a cidade nun espazo para que as persoas poidan falar, encontrarse, pasear e reunirse, que bonita é Pontevedra. Vista desde lonxe, desde a Caeira, Monte Porreiro ou Montecelo, mesmo cruzando a Poio e observando desde Lourido como a ría se vai ensanchando, aínda que a Celulosa cuspa fume mesto, vese unha cidade encintada en primeiro por unha cincha de auga doce que acaba por se abrir e expandir brillando nas múltiples filigranas que o sol, as néboas ou a chuvia nos regalan cando peterrean co mar. Paseada no centro case todo peonil –logro que nunca os pontevedreses darán pago ao actual equipo de goberno polo seu firme convencemento na execución do proxecto-, contemplada no carozo que se alonga e bifurca coma espiña de peixe, regresas a un tempo escrito e non borrado polos estragos noutros centros históricos. Gozar nesas prazas de pedra e sombra, únicas, da Leña, da Verdura, do Teucro, da Ferrería, non é doado atopalo noutras cidades ou vilas. Baixar pola rúa Real, entrar no mercado agora retocado coa cor azulada característica que a moitas das súas restauracións lle aporta o arquitecto Portela, seguir ao Lérez, cruzar a Ponte do Burgo, a das Correntes, a da Arpa que zoa se te encamiñas cara a Monte Porreiro á beira do río manso, e desviarte se che apetece á Illa da Esculturas, esa idea de Antón Castro tanto tempo criticada e agora recuperada e recoñecida coma un espazo ideal que conecta a cidade dos estudantes, as zonas deportivas e o plácido remanso baixo as esculturas emboscadas entre as árbores, é ledicia que poucas cidades poden regalar. Que bonita é Pontevedra especialmente durante o verán. Tamén no entroido e noutras datas sinaladas. Pero especialmente no verán. Porque os contrastes, cos seus defensores e detractores, enchen o espazo de convivencia, crítica, respecto e aceptación. Acoden de lonxe os amantes dos touros para emocionarse na praza que deixa a soas a un home fronte a un touro fero, ao tempo que reclama aos contrarios a tal mal entendida festa para denunciar semellante espectáculo nestes tempos. Protestan uns e aplauden outros, pero todos aproveitan a cidade que os acolle e dá de beber. Certo que non só auga, porque algúns costumes de “peñas bárbaras” tamén aquí van chegando, mais calquera entende que nada pode ser perfecto. E como se programou para os cidadáns e a convivencia, tamén é no verán que comparten ledicia os fervorosos ou meros tradicionalistas defensores de procesións relixiosas, carroza da Peregrina e actos oficiais aos que lles gusta asistir, sen que, por laicos e consecuentes, as autoridades actuais participen deles. Laicos e crentes, tradicionalistas dos chamados PTV, nenos ataviados cos máis fermosos traxes tradicionais galegos (aínda que se cadra os pais non falen galego “porque no lo hablan bien” ou simplemente porque renegan del) mestúranse con nacionalistas convencidos ou mesmo fanáticos, funcionarios chegados doutras comunidades, viaxeiros entusiasmados pola beleza e entusiasmo co que os pontevedreses se dedican á festa. Hai durante o verán actividades tan variadas que nin nenos, nin mozos, nin vellos, nin amantes dunha música ou da contraria, poden lamentarse. Noites de verbena, charangas e coros, bandas e grupos invitan ao baile, a pillar sitio para observar o espectáculo desexado, alongando as noites ata ben cerca de que raia o sol. Dá xenio ver saír á xente polas noites, se cadra despois dunha longa viaxe desde a praia cruzando a Ponte da Barca, para encher a cugulo as tabernas e bares que por toda a cidade poden ofrecer cadeiras ao aire libre, sen fume, sen ruídos de coches. Polo deseño, pola tenacidade, pola fe no proxecto, a cidade converteuse no espazo idóneo para que as persoas gocen da ágora, do encontro, da tranquilidade de se deter e comentar e programar e charlar e tapear nun ambiente óptimo. Por iso son a cada paso máis os visitantes que fan correr a soa das virtudes da cidade. Porque no só o centro, non, tamén nos arredores os espazos verdes vanse impoñendo, as novas edificacións gardan coherencia co conxunto, e todo chama a que cada vez máis congresistas, turistas e curiosos se acheguen a esta cidade. O verán poderiamos dicir que remata coa Feira Franca. Como ben é sabido, porque o teño escrito en moitas ocasións, non son precisamente amante de palla,fume, disfraces e cheiro a graxa e chourizo. Pero iso non impide admitir que, cantos máis anos pasan, máis sona e proxección lle aporta á cidade. Vén sendo como a despedida do verán de terrazas, ledicia, espectáculo, festa e gozo para autóctonos e visitantes. Unha despedida que ata case sempre vén contando co tempo como aliado, converténdoa nun atractivo máis para esta cidade que, para quen non a coñeza, xa vai sendo hora de que o faga. Porque, señores, que bonita é Pontevedra. Agora ben, que ninguén se entristeza, que a identidade do verán esmoreza non significa que perda ningunha das súas vantaxes; e por se alguén o esquece, á volta, en tempo de nada, xa temeremos aí o San Froilán. E Lugo tampouco é das cidades que quedou durmindo nestes últimos anos.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.