lunes, 16 de septiembre de 2013

RAJOY E CATALUÑA


QUE Zapatero foi o máis prexudicial presidente, hai anos que os seus opoñentes se encargaron de convertelo en dogma de fe. Por iso me sorprende que diante das dúas noticias de moda na semana, non se cargara con maior artillería contra el. Sabemos que el creou a crise en EE.UU., trasladouna a España e confundiunos negándoa máis veces que Pedro a Xesús; que elevou a ministras a mozas ineptas, só pola súa cara feminista e pasaxeira de progresismo barato; que levou o país á miseria e ruína absolutas, e que, como consecuencia, por máis que Rajoy se farte de nos dicir a verdade, gobernar con sentido común e como Deus manda, levamos que agardar para a recuperación (máis ou menos o que a situación internacional decida). Por iso me estraña que ante a desfeita de perder a promesa do circo vendido que en Buenos Aires nos ían conceder e diante da millonaria cadea de cataláns desexando separarse do resto dos opresores españois, non saltasen máis voces berrando a unha: a culpa é de Zapatero!
Como a perda do circo olímpico puido ser máis unha bendición ca unha desgraza, centrareime en Cataluña. Non nego que Zapatero caeu nunha inxenuidade política que encheu de folgos aos separatistas. Pero que non se tranquilice con iso o actual presidente. As súas armas de silencio e dar tempo ao tempo poden afundilo. El encargouse de que estea admitido que non houbo peor presidente na democracia que Zapatero. Que non se durma, podería arrebatarlle o posto. Espera e silencio poida que lle dean resultado borrando a Bárcenas e con iso que dá en chamar melloría económica. Pero co andazo catalán non lle arrendo a ganancia coa súa táctica de deixar pasar e manter reunións secretas. Os argumentos falaces do separatismo calan cada día con máis forza en Cataluña. Pode meter a cabeza debaixo da area de Sanxenxo (de Sanjenjo, talvez prefira D. Mariano), mais os intelixentes estrategos secesionistas continuarán asediándoo con máis saña que Bárcenas e a economía xuntos. Sería inxusto cargar toda a responsabilidade nos dous últimos presidentes en que as comunidades máis ricas de- sexen separarse, o problema nace dos apaños da Constitución e continúa nas cesións interesadas de González e Aznar, pero se esa bondade boba de Zapatero serviu de esterco, este silencio e desidia de Rajoy conseguirán que os sonos do peor nacionalismo se cumpran moito antes do esperado.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.