lunes, 14 de octubre de 2013

ESPAÑA COMEZA A IR BEN

É esta a nova mensaxe que pretenden vaimos aprendendo. Aínda non alcanzamos o punto idóneo para repetir aquilo de Aznar de que “España va bien”, pero débese ir arando para que a terra chegue a tempo antes da semente das novas eleccións. Daquela todo estará a piques de entrar no estalido de creación de emprego, chorreo de créditos, investimentos estranxeiros petando na porta e grandes avances no campo social, como por exemplo a suba de 1 € ao ano aos pensionistas, non lles retirar a paga extraordinaria aos funcionarios ata novo aviso, o paro non superar o 25%, o persoal sanitario atender a máis con menos medios e persoal e Cáritas e os organismos de asistencia social resistindo na atención da cantidade en aumento de necesitados extremos. Pero veranse síntomas inequívocos de melloría e quen desexe continuar saíndo do pozo, non lle queda outra que confiar nos únicos que nos poden salvar do cataclismo, é dicir, aquelas que nos meteron: as oligarquías dos dous partidos maioritarios en conivencia coas oligarquías económicas e financeiras. Pero isto é só un comezo. Porque aínda non se rematou co derribo de todo canto a estas oligarquías lles interesa. Aínda se dilapida en educación e sanidade. En Pensións. En servizos sociais. Esta cantilena non para de soar para que nos domine a culpa e nos convertamos en xenófobos e descarguemos a nosa rabia cara abaixo. Por pouco que se coñeza o mundo da educación, parece incrible que se manteña que se conceden máis becas, que se mellora a calidade a base de reducir profesorado ou transformalo en itinerante. Quen sufra a desgraza de pasar por hospitais non escoitará outras palabras de médicos, enfermeiras e demais servizos da drástica redución de recursos humanos e técnicos. E pensen se lles toca a desgraza dun vello inválido ao seu coidado: como non conte con algún aforro, o futuro preséntase máis que triste. Por iso digo que e o comezo. Continuarán pola senda da aniquilación destes servizos nos que o país gasta moito menos que na media da UE, facéndonos crer que somos uns cidadáns irresponsables e festeiros, vagos e pouco esforzados. Cando os festeiros e corruptos e impresentables de verdade están noutra área á que non se lle toca por máis que se diga e trate de enganar. O gran problema xira arredor dunha casta política incompetente e corrupta disposta a manter os seus privilexios a toda costa. Porque é neles onde reside o nepotismo, os grandes e ruinosos negocios, a autentica dilapidación. Por que non se reforman dunha vez a xestión das comunidades autónomas e concellos? Por que non se ataca de cheo a inutilidade do Senado? Por que non se adelgaza, tal e como lles gusta dicir, a graxa dunha administración triplicada, saturada de cargos políticos inútiles e improdutivos? Se de verdade existe unha casta política con valor e ben formada, por aquí é por onde debería comezar: un acordo pétreo para someter a referendo un novo modelo de Estado. Un no que non coubesen as chantaxes, na que sobrasen cargos puramente decorativos, outros tan repetidos como ineficaces, outros tan custosos como indesexables. Un modelo no que dunha vez se concretasen sistemas de financiamento xustos, equitativos e solidarios e rematasen dunha vez cos privilexios, complexos, chantaxes e aventuras endiañadas de troiteiros de augas revoltas. Aí é onde compren as reformas: nun novo modelo de Estado que dea remate coa hemorraxia que nos están supoñendo estas administracións políticas hipertrofiadas e unha reforma fiscal tecnicamente ben planificada, que, sen matar aos investidores, non esquilme permanentemente e con saña aos asalariados traballadores. Se por esta vía fosen as profundas reformas, talvez España empezase a ir ben. Mentres continúen apagando lumes a base de recortar nos servizos sociais mínimos, cara onde imos é a situacións similares ás gregas. Avanzamos cara unha melloría inventada na que os poderes emperrados en non ceder un mínimo dos seus privilexios farán todo o posible para que regresemos a un punto no que ás oligarquías se lles dea ben a festa rachada, deixando, se sobra algo, unhas migallas para que a masa non se excite ata o punto de que o país resulte perigoso e inseguro, pois iso nin para os os grandes beneficios resulta agradable. O programa de acción, saneados os bancos cos cartos de todos – viva a solidariedade de abaixo cara arriba, a de arriba cara abaixo sabido é que retrae o progreso- , aforrados uns millóns reducindo persoal en sanidade e educación, implantando o copago a cada paso máis descarado e groseiro, e destruíndo para sempre a atención á dependencia, a ver se estabilizamos as constantes do enfermo para que transite por esta trapallada de sistema pezoñento. Pero sigamos atentos ás súas mensaxes, non cederán: imos polo bo camiño, estamos sentando as bases, a partires do 14, do 15, do 16, 17 ou do 20 (todo é moi relativo ao dar datas) este país non o recoñecerá ninguén: ampliaranse as distancias de clase, empeorarán tódolos servizos públicos, unha xeración de mozos perderá para sempre a oportunidade de facer algo na vida... pero imos polo bo camiño. Preparémonos para agradecérllelo nas próximas votacións.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.