lunes, 7 de octubre de 2013

SEN EFECTOS DE DROGA NINGUNHA

Presenteime para realizar as probas médicas co medo que non dei soltado desde que era neno. Como non eran exactamente liviáns – mesmo para os valentes- , subministráronme unha droga que, sen me facer perder por completo a consciencia, me deixase o suficientemente aloulado para soportar a dor. E así foi. Aguantei con relativa compostura e, pensaba, mantiven a cabeza e a lingua controladas sen esbardallar nin perder o control. Iso me parecía a min, pero para nada a meu irmán que me acompañaba. Cando o mandaron pasar non saía do pasmo diante da miña afabilidade esaxerada, da falsa seguranza coa que me afianzaba en querer facer o que non podía e ata en pretender marchar coa vía cravada no brazo, cando el ben sabe que iso é para min coma unha tortura das peores. El resumiu á perfección o meu estado: parecías un bébedo nese punto inicial no que a un considera que conduce mellor que Alonso, é capaz de realizar un salto de lonxitude non moi lonxe dos 8 metros e practica esa amizade universal, esa manifestación de amor, flores e confianza que nos retrotrae aos hippies dos comezos en California. Segundo as súas palabras, as louvanzas á profesionalidade da enfermeira, non digamos do doutor, do sistema sanitario español e da bondade intrínseca do ser humano en xeral rebordaba calquera medición realista. Como o drogado non é autocrítico, a min parecíame que me manifestaba sereno, sobrio e xusto. Sen embargo, polo visto, a verborrea, a desinhibición e insistencia nas bondades tanto profesionais coma persoais sobre os que me trataban xa case chegaban ao untuoso. Pois ben, agora que non estou baixo os efecto da droga- creo-, tal e como xa escribín nun artigo titulado A xoia da coroa (Diario de Pontevedra 31.8.2012), quixera insistir na importancia do gran logro dos anos de democracia en España: o seu sistema sanitario. Por descontado que conta con fallos, regresaría ao efecto baixo a droga se non o admitise. Pero lograr un sistema sanitario organizado con financiamento público, de acceso universal e cunha oferta ampla de servizos con independencia dos ingresos, posición social ou lugar de residencia do beneficiario, tal e como ate o de agora se conseguiu neste país, é mérito sobrado para mirar de conservalo, mimalo e non permitir que os ideólogos da eficacia do privado contra o público se vaian facendo donos da opinión e do control financeiro da saúde. Andan zigzagueando ideas trampa coas que se nos quere ir minando, coma noutros moitos aspectos xa se conseguiu, a certeza de que é posible e temos dereito a continuar beneficiándonos deste logro. Son esas que en chuvia miúda nos queren ir empapando do convencemento de que a sanidade é un dereito privado, cada un pode ir a onde queira, a xestión privada é moito máis eficiente, polo que corremos o risco de que non sexa sostible, e que os usuarios da pública somos uns descarados que abusamos e malgastamos sen taxa nun ben finito. Liberdade, eficiencia privada e culpa do enfermo, tres ideas forte coas que se intenta bombardear o público para así xustificar os intereses de grupos con ganas de converter a saúde en negocio. Grupos económicos farmacéuticos, de seguros, tecnolóxicos e da construción están ávidos por converter en mercadoría a saúde. Sería o peor negocio deste país se caeramos na súa sedución e engados. Ademais de alcanzar o principio básico, que a atención sanitaria sexa un dereito do cidadán independentemente da condición social e do lugar onde viva e non unha mercadoría que só consuman os clientes que só poidan permitirse pagala, este sistema que aínda conservamos foi quen de articular un sistema de formación e conciencia profesional que calquera cun mínimo de sensibilidade e sen necesidade de inxectarse ningunha droga pode comprobar. Con ser os peor pagados de Europa, a pesar de que paulatinamente deixan os servizos con menos persoal, aínda que a tendencia a recortar e escatimar é a cada paso máis fera, o persoal co que contamos demostra non só capacitación excelente, senón tamén un trato e respecto polo enfermo impagables. Por iso os mesmos defensores do privado, cando de verdade se ven apurados, acoden á pública. Porque nin por medios nin moito menos por atención e deferencia do persoal existe competencia. Non todo o fixemos mal. Non é certo que o público sexa por principio un niño de corruptos. Non deberiamos caer nos sofismas que nos queren facer ver que é imposible continuar con este sistema. O que se pode é mellorar, potencialo, xestionalo con máis rigor e compensar con remuneracións tranquilizadores aos traballaores da súade que necesitan tempo e medios para seguir formándose ao día, á última, tal e como nos satisfai cando son perspicaces e resolven ou alivian as nosas dores. Estar enfermo non é prato de gusto para ninguén, sábeo o máis bobo, pero enfermar contando cun sistema de saúde e cuns profesionais coma os que temos tranquiliza, dá esperanza, anima moito. E e isto dígoo sen estar baixo o efecto de droga ninguha.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.