O 17 de marzo de 1928, diante da Sociedade de Ensaio do Winchester College, John Maynard Keynes pronunciou unha conferencia que levaba por título “As posibilidades económicas dos nosos netos”. Posteriormente publicaríase o ensaio con idéntico título e nel, segundo leo na completa biografía de Skidelsky, expresa o recoñecido economista a súa idea utópica ou inxenua de conciliación entre o capitalismo e a boa vida, o ideal para un europeo intelixente e ilustrado. Escarmentado e desilusionado co que estaba ocorrendo na Unión Soviética, tal e como comprobara na visita de finais do verán de 1925, e baixo a influencia de Freud, dedicouse a pensar nalgunhas ideas filosóficas sobre o amor aos cartos. Da visita da Unión Soviética veu tan desilusionado que non parou de se facer preguntas: “como podo admirar un sistema político que atopa unha expresión característica en gastar millóns para subornar espías en cada familia e grupo no interior, e en fomentar dificultades no estranxeiro?; como podo aceptar unha doutrina que erixe coma a súa biblia, por encima e máis aló da crítica, un libro de texto obsoleto, que sei que non só é cientificamente erróneo, senón que carece de interese ou aplicación para o mundo moderno?” Isto dicía na súa primeira visita, porque noutra posterior, en 1928, moito máis contundente non dubida en sentenciar que é imposible acordarse, ata que un chega ao país, o tolos que están e que lles importa máis o seu experimento que facer que as cousas funcionen. Deixa claro, entón, a repugnancia que lle ofrecía aquel sistema, pero na súa efervescente intelixencia intentaba atopar un modelo que se axustase ao seu ideal de boa vida e por iso, aínda crítico, analiza as posibilidades do sistema capitalista. Keynes pensa que o motor do capitalismo está dirixido por unha neurose (Freud) que el chama amor aos cartos. Mais sendo unha neurose, el considera que aporta un lado positivo: a abundancia chegará un momento en que faga innecesario o capitalismo. E aquí é onde comeza a súa reflexión utópica. Parecíalle que na medida na que aumentase a produtividade, a poboación futura do mundo civilizado acadaría un nivel de vida tan aceptable que lle permitiría unha terapia breve para a neurose inicial. Unha vez a maioría dos desexos saciados, argumentaba, recoñecerase que o amor aos cartos é “unha morbosidade algo repugnante, unha desas propensións semidelituosas, semipatolóxicas, que se poñen, encollendo os ombreiros, nas mans de especialistas en enfermidades mentais”. As persoas, curadas desa neurose, ocuparíanse, tal e como a el lle gustaba, de principios máis seguros e tradicionais, máis apegados á cultura, á ciencia e á boa vida. Keynes, ao fin, non deixa de ser un fillo típico da burguesía educada, admirador da intelixencia e da universidade, da lectura, a reflexión, as viaxes, a arte e unha cantidade razoable de cartos no peto, pero nunca ata o extremo de se deixar caer na neurose dunha obsesión por eles. En definitiva, coma todo bo burgués da época en Inglaterra, desprezaba o ganar cartos como carreira ou vocación. De aí esta reflexión nun ensaio menor pero non menos expresivo da súa maneira de entender as relacións entre economía e boa vida. Non fai falla pasar por Cambridge para comprobar que este razoamento de Keynes é máis fantasioso ca nada. Os feitos demostran a cada paso que as necesidades e desexos son insaciables e que o mundo está nas mans dos que realmente teñen vocación e fan carreira única e exclusivamente detrás de ganar cartos. A realidade empéñase a diario en dar probas irrefutables de que os partidarios da boa vida ou doutro modelo de vida quedan anulados, ridiculizados e destruídos pola eficaz maquinaria dos que constrúen a súa vida detrás dunha vocación esencial e irrenunciable: ganar máis e máis cartos. Estes son os feitos e chocan coa grande tensión que xera a contradición de insistir en discursos, manifestos e proxectos educativos con pretensións de dirixir os intereses cara outros valores. Insístese a diario na necesidade de educar en valores, os mesmos impulsores do motivo inicial e primeiro (ganar máis e máis cartos) encárganse de subvencionar talleres e programas para inculcar valores distintos entre os estudantes. Pero a contradición é tan evidente, os feitos son tan gurróns e consecuentes, que ensinan e prenden máis entre os aprendices que eses outros valores que se queren transmitir en talleres teóricos específicos ou por vías transversais como agora se adoita dicir. O que a realidade ensina día a día é que o poder cae do lado dos que teñen unha vocación clara e fan da súa vida unha carreira única: amorear cartos. Triste realidade, pero parece claro que pola vía da abundancia e da satisfacción de necesidades non cambiarán os obxectivos do mundo civilizado. Non sei se a definición que mellor lle acae ao capitalismo é a de neurose, o que desde logo convén é que se implante o claro desprezo de ganar cartos como carreira ou vocación, porque a boa vida, outra vida debe ser posible, e con vocación tan cativa resulta imposible.
PUBLICADO EN EL DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.