Alédame que moitos cristiáns e mesmo agnósticos ou ateos estean entusiasmados cos xestos e actitudes que está mostrando o novo Papa Francisco. Confeso o meu escepticismo inicial respecto a algunha das súas máis populistas e fáciles manifestacións, pero debo admitir que a medida que se vai afianzando no seu posto dá probas de que parece ir en serio o seu desexo de renovación. En primeiro é salientable o xiro con relación a Ratzinger, un Papa brillante intelectualmente, con clara vocación de diálogo nas alturas da dialéctica con científicos e pensadores, pero falto de espírito pastoral e quizás a habilidade propia para o goberno dunha empresa de tanta complexidade como é a Igrexa Católica. Francisco, pola contra, parece dar liberdade aos pensadores para que realicen a súa función, acepta os seus límites en canto a cuestións fronteirizas propias da indagación teolóxica e baixa a dificultade en demostrar a liña máis solidaria, misericordiosa e amorosa dos inicios do cristianismo. Ao longo da historia, a Igrexa entalouse entre as dúas liñas que en demasiados casos son pura contradición. Por unha parte esa base indiscutible e innovadora de amor, de caridade, de atención ao pobre, ao que sofre; esa revolucionaria maneira de entender a comunidade como apoio fraterno entre iguais, fillos dun mesmo pai que nos quere a todos por igual, que mesmo lle procura oportunidades aos soberbios e aos duros de corazón, porque é compasivo, acolledor, sempre está atento aínda nos fallos máis evidentes. Esta vía axiña entrou en contradición de maneira virulenta polos pactos e acordos vergonzosos da xerarquía coa espada do poder máis bruto e impresentable. Guerras crueis, afán de riqueza insaciable, negocios cos máis mafiosos e corruptos da sociedade, obsesións ideolóxicas ao servizo de intereses mesquiños inzaron a súa historia de séculos escuros, de institucións máis achegadas ao demo que á mensaxe amorosa de Xesús de Nazaret e de cerrazóns dogmáticas que a predispuxeron moi en contra do avance científico e do progreso democrático e igualitario. Manterse ao longo de tantos séculos nesta dualidade, ás veces claramente incompatible, demostra que é unha institución disposta a superar tódalas probas. Algo hai na cerna desa “empresa” que lle dá azos e folgos para resistir, cando calquera outra, sometida ás tensións e desprestixios por ela sufridos, tería xa desaparecido hai moitos séculos e en nada se lle parecería se algo resistise aos inicios fundacionais. Máis a Igrexa aí a temos bailando no cribo do dilema destas dúas liñas e manténdose con capacidade de renovación e continuidade. Nun momento foron os mosteiros, noutros ata unha Reforma que a esgazou tratou de dar un corte de macheta definitivo, pero na tensión dialéctica dos defensores dunha liña e da outra mantívose unida e con capacidade para estender o seu goberno ata cada curruncho deste mundo. O seu mérito hai que lle recoñecer. O Papa Francisco parece que optou claramente pola liña pastoral, fraterna, misericordiosa e acolledora da Igrexa. Pero non cabe dúbida que haberá de topar con elementos avezados e moi poderosos da outra liña, ben mesturada co poder político e diplomático, cos negocios vergonzosos e ben conectado aos intereses dos máis pecadores deste mundo. Por simplificar, coma se dunha loita entre anxos do ben e do mal andase o xogo. Os que se preocupan polos desfavorecidos e abandonados neste mundo; os que bendicen aos pobres e aos que choran; os que chaman fillos de Deus e o demostran poñéndose na pel dos inmigrantes, dos que padecen persecución pola xustiza inxusta, dos que caen na enfermidade ou no desamparo estarán moi vixiados polos que persisten nas súas teimas por non perder privilexios adquiridos desde hai séculos, os emperrados en converter no problema fundamental da sociedade os preservativos e o aborto, en amarrarse ao ensino como arma de apostolado irrenunciable ou investido cantidades potentes de cartos en crear medios de comunicación nos que a mensaxe principal non parece estar precisamente en concordancia coas mensaxes do Papa Francisco. Refírome, por exemplo en España, á cadea de TV 13, na que parece evidente que a Conferencia Episcopal ten declarados intereses. Seguindo a liña editorial, os debates, a violencia incluso coa que se ataca a determinados sectores sociais, a fe inquebrantable no actual sistema económico e nas súas capacidades milagreiras, na desconfianza ante todo sindicato ou protesta contra os abusos e corrupcións, a un éntralle a dúbida se en realidade todos estes xestos e intencións do Papa Francisco acaerían ben dentro desta Tv. Non o sei, pero para min que Francisco, hipotéticamente entrevistado na 13, recibiría moitos ataques. E isto é a mostra da grave contradición e do serio problema co que Francisco e os seus seguidores toparán nunha Igrexa ben adestrada e experta en resistir todo intento de renovación.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.