sábado, 8 de marzo de 2014

A NEUMONÍA DE CONDE

PARECE coma se un andazo perseguise aos escritores. Cada día descúbrese un con un novo mal. Non fai moito comentaba con Alfredo Conde as miñas contrariedades da quimioterapia e el estaba coma un buxo. Doído polo meu sufrimento, pero dando grazas ao ceo de que de momento tiña forzas para traballar, sacar novelas a cada pouco e continuar cos seus artigos diarios. Ao pouco, por sorpresa non vexo o seu artigo no diario. Deume mala espiña. Sei que Alfredo é case un obsesivo de ter os artigos a tempo, leva case sempre unha ducia adiantada polo que poda pasar – non coma outros- e non recordo que nin por enfermidade, viaxe, contratempo psíquico ou de calquera outra orde, fallase un só día. Por iso me escamou e preguntei se lle pasaba algo. A sorpresa chegoume da súa amable muller que me deu o parte. A pesar de non se estender moito nas consideracións médicas, pola súa discreta pero intelixente resposta, entendín que non estaba cunha simple neumonía. Era una neumonía dobre das que te poñen cun pé na escada e experimentas o que é andar derredor do paso final.
Por fin saíu do perigo. Despois de días na UCI e algúns na planta, xa está na casa onde non é que estea mellor, pero non está peor. Onte falei con el e aínda notándoselle o cansazo , xa pensa en proxectos e anda con ganas de regresar ao ordenador. Necesitará un tempo para se repoñer, pero como moitas veces me ten dito: eu son un boi que aro e aro e non paro. Estou seguro que os lectores diarios cos que conta –sobre todo os da páxina dixital que tanto se divirten peterreando con el– botaríano moito de menos durante estes días. Que non teman. A neumonía foi vencida. O mestre só precisa uns días de coidados e cariños especiais, facer bondade, como din os cataláns, e gozar destes días que parece que van vir de luz e sol; aproveitar para andar de observador pola horta, atender ao son dos paxaros, enredar cos cas, en canto poda comezar a ler algo que o concentre e o emocione e en calquera momento regresa a súa columna diaria para o gozo de todos. É curioso, mentres saía da neumonía tamén saíu á rúa a súa última novela publicada por Edhasa. Todo un síntoma. Mentres a neumonía quería rematalo, a vida dunha novela ofrécese a quen queira lela. A Conde quédalle moito por arar e publicar. Teño a seguranza de que a partires de agora os seus artigos serán máis sabios.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.