sábado, 8 de marzo de 2014

IGNORANTES E ESTAFADORES

O banqueiro Blesa, ese cazador de animais grandes polo que sinto unha simpatía que non agochado, disque manifestou diante do xuíz que os xubilados non son ignorantes financeiros. Frase para gravar nun dos seus Ferrari. De acordo. Moitos xubilados enganados seguro que son moito máis cultos ca el, por suposto menos fantoches e non merecían a sorte que lles tocou. A habilidade do expresidente bancario é similar á que debe demostrar cando dispara a súa carabina de doce mil euros sobre un león se cadra adormentado para que lle atine mellor. Pero o problema non está ben formulado, amigo figurino. Non se trata da ignorancia de ninguén, trátase da capacidade, falta de escrúpulos e friaxe moral do estafador. Calquera pode ser estafado. Non fai falla ser ignorante para que quen pon interese e dedica as súas intencións ao máximo a tal misión non estea en disposición de estafar.
Entón a frase podería retorcerse da seguinte maneira: fai falla ser un bo estafador para enganar a xubilados non ignorantes. E diso é do que se trata: de saber se o antipático Blesa é un estafador a conciencia, con malas artes, experto e adestrado para o engano ou só era un ignorante- el si- que non sabía no que andaba metido. Non de se os enganados eran ignorantes, que tamén leva a súa gravidade, non é o mesmo enganar a un igual que a un inferior, supón peor catadura moral, non é esencia do caso. Pero en principio o asunto a dilucidar é se un banqueiro de moral lasa, principio único de dominio polos cartos e ignorante de toda empatía, piedade ou compaixón, foi capaz de urdir un trama de engano para estafar a quen fose: ignorantes, xentes de boa fe, confiados, despistados ou moi ocupados.
E nesas andamos. Ao parecer o primeiro en facer saltar a lebre era un xuíz impresentable con animadversión evidente cara o imputado. Coincidencia do demo. Nin un día tardaron determinados medios en bombardearnos coa vida disoluta, a incompetencia profesional e aos grandes castigos aos que fora sometido o xuíz Elpidio. Ao parecer un xuíz inútil, trapalleiro, incumplidor, descoñecedor da lei e incompetente a todas luces. Eu tiven ocasión de escoitar algunha entrevista ao citado xuíz e ignorante non parece, desequilibrado tampouco, pero vaia o demo saber. Igual é un infiltrado na carreira xudicial desde hai vintetrés anos para dar alcance ao cazador cazado. Soar soa raro. Demasiada precipitación en atopar erros, historial inadecuado e problemas tan graves precisamente no xuíz que levanta a lebre deste figurino coleccionista de coches. Pero sexa. O xuíz errou. O resto dos colegas da maxistratura madrileña actúan dilixentes para arredalo do caso e suspendelo para que non siga dando a lata. Ben. Xuíz fóra.
Como algo hai que aparentar, continúan as dilixencias por outras vías, libre o paxaro para mellor artellar e manexar contactos polos altos salóns de Madrid onde se levan gravas similares ás súas. Reunións, chamadas, contactos, avisos, recordos de favores pasados, presións por alguén máis que non interesa que aparece en escena, ceas con plans ben estudados... Liberdade para que os de idéntico nivel – porque recordarán que hai clases, claro, non serán dos que cren que iso está superado- se axuden e colaboren en solucionar problemas nos que calquera de tal altura se pode ver. E así iremos tirando. El entrando no xulgado protexido por policías con escudo coma gladiadores romanos e os cultos xubilados estafados chamándolle ladrón e cousas máis bonitas. Un entretemento para que as cámaras fagan un recado, nolo ensinen no “parte” (agora a información diaria debería regresar ao “parte” que RNE nos daba aos que vivimos antes da democracia) e a esperar un novo tema de entretemento. Porque Bárcenas xa deu de si todo o que podía e agora descansa na cadea á espera de que todo quede en fume. Pasarán días, noites, algunha multa ou escarmento de nada, pero o bo do señor conseguirá que todos nos esquezamos e Rajoy, coma sempre, á calada, se saia coa súa. Nada había. Contos de Pedro J. Ramírez que por unha exclusiva vende a seu pai.
Visto así o asunto, xa sabemos o que nos queda. Ir gozando das boas novas que nos invaden por mar, terra e aire, agardar ás eleccións para votar a quen realmente sabe, entende e consegue sacar a España da crise económica e ir tirando outros catro anos nos que volvermos a estar á cabeza do mundo en prestixio, nivel de crecemento económico e impunidade para os estafadores descarados. Os xubilados ignorantes ou non quedarán sen os seus cartos a maioría, Blesa igual se aburre de Ferrari e pasa ao Maserati e se por África xa lle pasou o capricho de ir matar hipopótamos cambiará a Rusia, lugar onde Putin seguro que conta con cotos de caza inmellorables para todos estes defensores da cultura dos xubilados.


PUBLICADO EN DIARIODEPONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.