lunes, 3 de marzo de 2014

ENTRE DOS AGUAS

ENTRE seu pai, irmáns e sobre todo Niño Ricardo, formouse un dos mellores guitarristas da historia. As sesións torturadoras de ensaios aos que o someteu seu pai desde os oito anos transformaron os dedos máis lixeiros e sensibles que se lembran nos últimos decenios acariñando as cordas dunha guitarra. Confeso que ata o seu gran éxito Entre dos aguas non coñecía a Paco de Lucía. Pero desde entón seguino sempre que puiden, tanto en flamenco, coma en clásico (que versión do Concierto de Aranjuez!), coma nas súas experimentacións en jazz con Chic Corea e con Al Di Meola. A técnica traballouna ata lle sangrar os dedos debido á obsesión dun pai guitarrista de festa de señoritos que pretendía alcanzar os seus soños nalgún dos seus fillos. Pero a sensibilidade, eses ollos sempre pechos en plena interpretación, ese meneo suave do corpo enteiro mentres se agarra á guitarra coma a unha deusa, son só froito da súa exquisita sensibilidade. Todo isto converteuno nunha figura que engrandeceu a Marca España por todo o planeta. Un botón de mostra.
Cenabamos nun restaurante na parte vella de Varsovia. Dous mozos polacos tocaban con gusto un repertorio de guitarra apropiado para non interromper as conversas e sentir unhas notas agradables de fondo. Prefiro comer sen que me programen música, pero naquel lugar tan recollido non desentoaban. Xa na sobremesa os músicos atrevéronse con Entre dos aguas. Ao segundo acorde o silencio que se produciu no restaurante foi absoluto, relixioso. Ninguén movía unha copa. Un respecto e admiración absolutas polo que estaban escoitando. Xa digo, os rapaces non eran afeccionados sen gusto. A maioría dos comensais eramos todos estranxeiros. Pero a admiración e concentración na interpretación era idéntica. Cando remataron, un aplauso espontáneo estalou entre as paredes vellas do recollido restaurante e os músicos tiveron que saír ao centro do salón para saudar e dar as grazas. Seguro que habería máis polacos entre os asistentes, pero eu só coñecía un acompañado dunha moza beleza pura. Era o director de cine Anderzej Wajda. El foi o único que se puxo en pé, o último en parar de aplaudir e quen se dirixiu aos músicos para felicitalos persoalmente. Despois do parlamento co director, un dos músicos, en inglés, aclarou con humildade: o mérito non é noso, é do marabilloso guitarrista español Paco de Lucía.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.