lunes, 2 de mayo de 2016

DOUS NENOS DE CORO

J. S. BACH logrou unha transcendental fusión entre teoloxía e música. Lutero, ademais de impulsar o idioma alemán, loitou por levar a música ao culto con todas as armas da súa paixón. Os dous foron nenos de coro en Eisenach. Lutero rebelouse contra unha igrexa corrupta dándolle ás Sagradas Escrituras o protagonismo popular dunha fe máis íntima, e, ao contrario que Calvino (non aceptaba a música instrumental no culto) e Zwinglio (non a permitía de ningún modo, a pesar de ser el un bo músico), tratou de levar coa súa reforma a música á igrexa, posto que o propósito da harmonía é a gloria de Deus. Bach –aínda que non só foi un músico relixioso nin estivo unicamente ao servizo do luteranismo– soubo converter a música en oración matemática e emotiva que logrou baixar Deus á terra e elevou os homes a Deus. 
Como membro dunha familia que convertera a música no seu sustento, é o artesán que traballa con furia para manter aos seus vinte fillos; como neno de coro, domina o canto e as voces utilizándoas como expresión da dor e da alegría, da tribulación e da esperanza, como ferramentas para facer fuxir dos terrores, para o pranto e o enaltecemento; como home que padeceu en propia a carne a morte dos seres máis queridos, eleva a súa música á autoridade de expresar o máis fondo pesar á beira da máis desexada esperanza, o temor, a dúbida e a incredulidade ao lado da fe, do consolo e do optimismo. 
A súa música, nuna empalagosa, resulta exultante e enfeitiza, atrapa, emociona, enxuga as bágoas no máis íntimo e coloreaa con alegría as notas ata case facernos crer na eternidade. As sús cantatas, oratorios, leccións de órganos e de matemática musical en fugas, a súas dúas grandes paixóns, en fin, son vida, morte, Deus, eternidade. Que grande parte da súa música beba no outro neno de coro é indiferente para a alma, crente ou non. Daquela a igrexa era lugar de encontro con Deus e de relación social, un teatro da ópera onde cada quen, colocado en función do seu rango social, escoitaba as grandes obras que ditaba a litruxia e pagaban os príncipes.
A min a súa música consólame moito, talvez, como escribe John Eliot Gardiner, porque nos ofrece a voz de Deus en forma humana, de maneira que escoitamos o modo de superar as imperfeccións por medio da música, facendo as cousas divinas humanas e as humanas divinas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.