lunes, 2 de mayo de 2016

NON TODO É ESFORZO

MENSAXES elaboradas con medias verdades penetran no noso entendemento cotiá coma quen non quere a cousa e convertémolas en verdades indiscutibles. Ese orballo idiolóxico que vai calando ata os ósos fainos crédulos sen captar as arestas ou sombras dunha realidade. Tal é o caso da importancia do esforzo. Sería ridículo negar a necesidade e valor do esforzo persoal, a constancia e resistencia para a consecución de fins. Calquera persoa que persiga algún obxectivo non poderá escapar desa intensidade que supón concentrarse e dedicarse con fe e tenacidade sobre aquelo que se ansía.
É, sen dúbida, cualidade que se debe inculcar nas primeiras etapas da educación infantil e que proporciona medios extraordinarios para alcanzar metas, ademais de lle dar a quen a posúe a inmesa alegría que trae sempre consigo aquelo que se logra a base de traballo e tesón. Cae polo seu propio peso, polo tanto, que aquelas persoas que destacan pola súa capacidade de esforzo merecen aprobación e son dignas de ser emuladas.
Isto, sen embargo, non xustifica a elevación de absoluto esta cualidade chegando á conclusión de que os que non progresan, non conseguen obxectivos ou non teñen éxito (palabra enormemente tramposa) na vida é a causa da súa falta de esforzo, por puros lacazáns. Esta visión ideolóxica tan propia dos triunfadores esquece unha serie de variables tan importantes coma o esforzo á hora de alcanzar determinadas metas na vida. Cheira a estupidez ou interese descarado crer que todo é únicamente debido ao esforzo. Ninguén é froito do seu único esforzo.
Esta conclusión sesgada só lles interesa aos ricos, para eles só o seu esforzo, a súa intelixencia, a súa categoría é causa da súa situación de privilexio. Os demais, pobres, por preguiceiros, curtos de miras, frouxos de ánimo, non dan máis, por iso cada quen está onde se merece. Un sesgo tan interesado e falaz que pretenden sexa verdade absoluta para culpar aos sen éxito, lavarse as mans e xustificar que nada debe cambiar. Esta ideoloxía tan apreciada nos EEUU é tramposa de raíz. Un exemplo: os miles de soldados que regresan das guerras (Vietnam, Irak) tolleitos, deprimidos, enganchados ás drogas, acaban en moitos casos na pobreza e na marxinación. É isto debido á súa falta de esforzo? Esforzáronse máis os intelixentes, guapos e afortunados herdeiros que agardaron nas cafeterías sofisticadas de Manhattan realizando negocios de mal ulido tomando un martini seco?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.