martes, 24 de mayo de 2016

MADEIRA DE BUXO

SEN que pasen algúns anos, non é doado saber se a obra dun escritor perdurará. Para que a obra sirva aos homes de hoxe e aos de dous, tres, cinco, quince séculos depois haberá de escaravellar na esencia da natureza humna, nas preocupacións, curiosidades, angustias, praceres, temores e ilusións que non mudan por anos que pasen. E iso non se sabe no presente porque non depende do éxito nin da falta del, nin dos premios conseguidos nin das favorables críticas do momento. 
Houbo autores que triunfaron no seu tempo, foron aclamados e seguen hoxe espertando as nosas emocións con idéntica intensidade. Hai outros que pasaron desapercibidos nos seu momento e logo, unha vez recuperados, comprobamos a grandeza da súa creación. Algunhas obras das máis apreciadas corresponden a escritores dunha catadura moral moi discutible; outros lograron o mérito de conxugar obra poética inmesa con personalidade de valores persoales que nos invitan á emulación. Autoras con ideas políticas reprobables escribiron obras luminosas; outros, admirados e seguidos pola súa valentía e honestidade comprometida, escribiron versos para cantar militares borrachos ou revolucionarios fumados. A universalidade dunha obra literaria conséguese grazas ao mérito dunha mente creativa capaz de captar a esencia do ser humano por riba de modas, actitudes personais ou compromisos políticos. Ata que os anos filtran determinados condicionantes é malo de saber quen perdurará e quen non.
Nestes días é fácil atoparse con escritos defendendo ou menosprezando a obra de C.J. Cela. Para uns, deixando de lado o personaxe público contraditorio elaborado por distintos motivos polo interesado, a literatura de Cela non conecta coa sensibilidade deste tempo, é obra que se ve oxidada, que reflicte de maneira demasiado apegada a realidade triste e miserenta do franquismo. Para outros, un literato de altura indiscutible, esquecido ou non valorado convenientemente por motivos extraliterarios. Eu atópome nunha posición dubidosa pero esperanzada. Hai moito que lin a súas obras coñecidas como maiores. Gustaríame que se confirmase co paso dos anos a súa vixencia.
A brutalidade, a asfixia, o ritmo de mazurca ou mar bravo, a linguaxe pescada en pecios que poucos atoparon, a valentía por inventar un mundo de palabras do que penduran as alegrías e pesadumes máis fondas dos homes, desexaría que o convertesen nun literato con vocación universal, porque claro é que a súa obra está construída con madeira de buxo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.