lunes, 2 de mayo de 2016

EU NON FIRMO NADA

ANDAN ALGÚNS científicos –descoñezo se cos pés na terra ou revolucionados en exceso– anunciando que arrededor do 2045 xa estaremos máis cerca da inmortalidade. Así, o venezolano José Luís Cordeiro, nunha entrevista con Gabilando, anunciou que, grazas á nanotecnoloxía, cognotecnoloxía, biotecnoloxía e á infotecnoloxía, en poucos anos estaremos en condicións de previr, curar e retardar ata o impensable a morte. E insiste en que non é ciencia ficción, senón un adianto do que o futuro nos depara. A min seguro que non me pillan eses avances, pero ha de dar gusto ver, para cando chegue esta situación anunciada, como reaccionarán as xeracións máis vellas que teñan que adaptarse ao cambio. Porque é certo que a revolución do coñecemento e da información que estamos vivindo nos últimos cincuenta anos é espectacular e digna de asombro, pero o que nos agarda parece realmente romper a esencia de séculos de convicción e pensamento. Próteses máxicas remediaran os fallos mecánicos, o xenoma diranos o cáncro que nos agarda para previlo con moita antelación, órganos novos do trinque, coma pezas que se repoñen nun automóbil, deixarannos pulmóns, fígado ou corazón completamente novo, substancias milagreiras aliviarannos de toda dor e mal aínda non ben asome polo hourizonte. E, por se fose pouco, a nosa linguaxe, peza fundamental de transmisión de cultura, de pensamento, de comprensión da realidade, quedará anticuada, será unha maneira lenta e caduca de nos comunicar, pois de cerebro a cerebro, directamente, poderemos conectarnos e sabernos sen necsidade de palabras. En fin, que non sei se isto último me gustaría moito, pero, como dixen, estou libre de chegar a velo, o que non deixa de ser un certo consolo.

Vaian coa velocidade que vaian as prediccións, o que si está comprobado é que, pasados uns anos, aqueles que desapareceron, se puidesen volver á vida, non recoñecerían nada deste mundo. Máis nunhas etapas da historia ca noutras. Certamente houbo periodos bastante longos nos que alguén podería regresar sen levar excesivas sopresas, adaptándose inmediatamente, pero dende finais do século XIII, calquera que tivese a posibilidade de regresar a este mundo quedaría completamente anonadado. Non digamos no último século. Non habería fantasía que puidese adiviñar os cambios de vértixe que se produciron. Pensen, como consecuencia, o que pode ser dentro de cincuenta anos para quen desapareza hoxe. Incrible.

Eu non firmo nada porque o que ha de vir ninguén o sabe, que chegue a morte cando queira polo seu pé

Falando cun amigo que tamén anda tratando de distraerse da incertume que supón saberse cun mal que avanza con fera capacidade destrutiva, dicíame, por ser experto en medicina, que o máis curioso do padecemento é que, en dous ou tres anos, isto que nos quere vencer, podería dominarse coma algo banal. Enfermidades que hoxe chegan a un punto no que a ciencia baixa os brazos e acepta que non dá feito máis, é probable que en tempo menor do que pensamos, poida curarse coma con faciliade. Así avanza a ciencia, así os homes, de momento mortais, non a damos seguido, e, se cadra polos pelos, ímonos antes de que nos puidese curar.

Agora entendo ben o razoamento de meu pai. A dous meses de cumprir os 90, estando de charla cuns amigos, comentando a grande melloría que o renovou no último ano, un atreveuse a tentalo: "Estou seguro que así e todo, estando o ben que estás e co que levas vivido, se alguén tivese poder para ofrecerche con garantías que seguías tres anos máis nestas condicións e morrías, firmabas". Meu pai reflexionou unha miga, tranquilo, mirouno directamente aos ollos e respondeu: "Pois non, e dirás que son soberbio, pero non, eu non firmo nada; tal e como están os mundos e cos avances que a cada día se ven, eu non firmo nada porque o que ha de vir ninguén o sabe , que chegue a morte cando queira pero polo seu pé; quen che di que nestes anos non aparece algún medicamento que fai máis levadeiro ser vello?" Visto así... Eu, polo que poida ser, tampouco penso firmar nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.