lunes, 2 de mayo de 2016

O CAMIÑO DO REFERENDO

OS nacionalistas cataláns apuraron a situación ata tal punto que se cadra non queda outra: botar man dun referendo. As circunstancias quixeron que unha cantidade moi elevada de cidadáns (deixemos de lado que sexa menor ou maior que os non independentistas, é o suficientemente grande coma para xerar un problema), por métodos pacíficos, desexe independizarse. Iso non ten fácil solución. Dende logo, pechando os ollos e agardando a que se pudra ou se solucione por silencio administrativo, é dunha inxenuidade pasmosa. Cada vez medrará máis e cheirará peor. Algo cómpre facer. 
Podemos podería ser un enganche para unha posible solución se non partise da inxenuidade de lles conceder aos nacionalistas a súa petición de principio. A fórmula que talvez podería avanzar na liña de solución fundamentaríase nun acordo firme dos partidos principais (PP, PSOE e Ciudadanos, moito mellor se contasen con Podemos) que establecese na constitución as regras e condicións para que se poida celebrar un referendo nunha comunidade. Porque un referendo non se pode realizar porque si, deben previamente acordarse uns cantos principios claros e contundentes: Cal é a pregunta e o seu obxecto; cales son as opcións; igualmente as consecuencias, o Estado debe aclarar que se derivaría de independizarse (ningún divorcio sae gratis) e o votante ha saber que lle agarda se sae si ou non da maneira máis obxectiva; e, por suposto, cal é o umbral da vitoria (non pode ser que se acepte un 49 ou 50% nunha decisión de tal importancia) e cada canto tempo se pode realizar a consulta (non vale tampouco convocalo cada ano ata que o resultado me favoreza).
Todos estes puntos ben estudados e establecidos deberían someterse ao referendo principal: a todos os españois. E se esas condicións para celebralo nas comunidades que o solicitasen foran aceptadas inicialmente por todos os españois, entón si tería sentido chegar a onde queren chegar os nacionalistas.
Pero só así, aténdose ao pé da letra ao lexislado e refrendado polo “demos” único que agora existe (os cidadáns de España), unha comunidade podería acollerse a eso que a Constitución aprobou, e en tal caso, nada habería que obxectar. E se cadra non queda outro camiño: deixarse de lerias, negociar e realizar un primeiro e fundacional referendo que podería dar pé a outro que solucionase dunha vez a martavela da chantaxe nacionalista. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.