domingo, 7 de agosto de 2011

SOLPOR EN RIBADESELLA


FAMILIA

Como é algo habitual en tódalas viaxes que o Papa realiza polo mundo, non profetizo nin me dou de avisado se adianto que na próxima visita do bispo de Roma a Madrid, un tema ao que fará referencia será o da familia, pois é, xunto co aborto e a falta de valores cristiás no mundo contemporáneo, unha das teimas do teólogo Ratzinguer. Tan sensible anda Bieito XVI coa familia -nada orixinal, a preocupación vén de vello e cada Papa expresouna ao seu xeito-, que, enchido de pleno convencemento ao igual que tódolos rectores católicos, chega a pensar que só existe o modelo familiar por el defendido. Tendencia, por outra parte, bastante frecuente na Igrexa, esta de pensar que a súa interpretación en determinados asuntos está por riba de calquera outra, incluso das leis democráticas, pois consideran que a súa sabedoría provén de instancias superiores máis seguras e fiables que calquera ciencia, lei ou acordo dos mortais non iluminados pola súa fe. Esta eiva no miolo da racionalidade católica espanta sen dúbida a un bo número de persoas que pretende axustar a súa razón a outras fórmulas menos dogmáticas e cómodas, co que se corre o perigo de caer no erro oposto: sospeitar desde o inicio de toda reflexión ou proposta proveniente do pensamento eclesiástico, perdéndose ás veces partes da reflexión que non merecerían tal desprezo. Desde logo que non comungo coa idea de familia pechada e única, obrigatoria por máis que o neguen, que xa en moitas ocasións ten defendido e probablemente exaltará o Papa diante da mocidade que se concentrará en Madrid. Entender hoxe que a familia só se dá nas condicións de home e muller coa finalidade de procreación sen freo dos fillos que Deus non dea, paréceme cando menos un visión anémica da variedade e diferencias que se acubillan dentro do que pode ser unha estructura familiar. Intentar por tódolos medios desvincular da familia relacións que segundo a súa visión sexual non responden ao “proxecto divino”, diríxenme, polo pouco, cara unha discusión longa e calmada. Por iso entendo que determinados colectivos se sintan non só incómodos, mesmo alporizados, ao ser ver excluídos e desterrados da finalidade familiar, coa única piadosa e paternal compensación do perdón, non en poucas ocasións concedido cun ton humillante. Son libres os católicos, faltaría máis, de manterse nas súas teses e considerar familia cristiá o que eles definan, e para iso con mestres conta a Santa Madre Igrexa. O que non poden – este é o cabalo de batalla, cústalles entendelo ou se o entenden non queren aceptalo- é intentar que só o seu modelo sexa o válido ao que debe someterse todo cidadán. Que o practiquen e amosen ao conxunto da sociedade, que se sintan orgullosos de vivir así non só é lícito senón digno de mérito, vivir con coherencia dentro das propias conviccións sempre o considerarei máis valioso que andar sen rumbo ou deixarse levar sen criterio pola moda. Pero dar a entender, tanto me ten de modo explícito como implícito, que quen non se prega e acomoda á súa visión do que é a familia é inferior moral ou intelectualmente, antóllaseme un acto de soberbia impropio de quen manteñen que é cerne da súa fe o amor ao próximo. Por isto entendo que moitos, cando o Papa fale outra vez da familia, pechen os oídos e digan que xa coñecen esa melodía, que xa escoitaron en moitas ocasións idénticas ladaíña e que nada se pode aprender desde esa visión. Non concordo. Creo que é un bo motivo para reflexionar en serio e admitir que a familia é asunto crucial na sociedade, que xoga un papel esencial na integración dos individuos e que a estructura familiar está ameazada en todo o mundo. Sen dúbida moitos dos problemas educativos e de valores que padecemos son debidos á inestabilidade e incerteza polas que bascula a estructura familiar. Non se trata de volver ao “pater familias” romano, nin á extensiva unidade de producción de antano, nin, menos, de sentir nostalxia da hipocrisía de macho con dobre vida e muller coa pata quebrada na casa, pero non sería intelixente desprezar a ocasión magnífica que pode supor a visita dunha personalidade da relevancia do Papa para recordar que a formación do carácter e a adquisición dos hábitos claves dos individuos dependen da motivación familiar, pois é a esencia na estimulación do autocontrol, a capacidade para regular as emocións, a orientación cara un propósito e a sociabilidade.

QUE SANTA LUCÍA NOS MELLORE A VISTA

Levo días detrás dunha entrevista que non atopo. Miro nas desordenadas carpetas dos meus documentos e, como se me visitasen os ladróns de arquivos, sospeito que alguén a roubou, pois eu gardar gardáraa. Despiste que me ocorre con frecuencia pero que amola cando precisaba da proba para o que lles pretendo dicir: que cando nos lanzamos a adiviños, non damos unha. (como di o PP que lle pasa ao CSIC ). Esta entrevista á que me refiro e xa dou por perdida era perfecta. Un experto economista metido en asuntos inmobiliarios, nos comezos do 2008, británico de nacionalidade para máis datos, lanzaba unha serie de prognósticos claros, firmes e decididos defendendo o futuro do sector. Non dou unha no cravo. O entrevistador, coa mosca detrás da orella, preguntáballe: pensa vostede que España poderá continuar con este ritmo de construcción de pisos? Sen dúbida, respondía o experto, pode e debe e continuará sendo o motor da economía de España a potenciación de venda de pisos. E, para non parecer un mero charlatán, lanzaba unha cascada de porcentaxes, números, análises e prospeccións que el e máis o seu equipo tiñan feitos, segundo os cales, coa cantidade de europeos que suspiraban por se vir xubilar a España, aínda nos quedabamos curtos e non dariamos construído coa celeridade coa que nolos quitarían das mans. Incrédulo, escéptico, o entrevistador aínda insistía: considera entón que é un bo momento para mercar un piso? Por suposto, aseguraba sen miga de incerteza o experto. É o momento ideal para mercar todo tipo de inmobles, sempre será un valor seguro e con claros beneficios para o comprador... Por este vieiro andaron entrevistador e entrevistado pero a conclusión estaba clara: aqueles que insinuaban un posible estalo dunha actividade económica inchada con fume non eran máis que alarmistas apocalípticos, ignorantes, descoñecedores do mercado e das leis económicas, as súas análises e previsións resultaban evidentes: facer recaer o peso da economía na construcción era o adecuado e o futuro do país. Habería ter gracia buscar ao experto e facerlle hoxe de novo preguntas similares, seguro que xa terá atopado saída e incluso poderá argumentar que os feitos lle dan a razón, á volta de algúns anos, pode dicir, cumprirase punto por punto todo canto dixen, isto non é máis ca un leve retroceso na liña de cumprimento dos meus acertados prognósticos. Pero non son estes tipos os únicos con defecto de vista. Eu sei de recoñecidos e prestixiosos analistas – digo o pecado, o pecador non vén a conto-, que cando atacaban a Zapatero por non querer aceptar a crise, eles atrevéronse a explicar con claridade científica a diferencia entre crise e recesión, punto por punto, concluíndo que estabamos a padecer unha recesión, nada que ver coa crise, sendo os que a pregoaban uns alarmistas indocumentados e apocalípticos. Hoxe, por desgraza, os mesmos analistas son os primeiros en recriminarlle ao pobre Zapatero carecer de visión e non decatarse de que estabamos diante dunha crise como non se coñeceu en moitos anos. Exemplo aínda máis desgrazado foi o da resportaxe a toda portada e páxinas de cores que lle escargara un prestixioso xornal de Madrid ao pobre de Jonh Carlin sobre Islandia. Aos poucos días de aparecer coa letra máis grande que Islandia era o país da felcicidade, deu en quebra. Eu mesmo, para falar con verdadeiro coñecemento de causa, teño lanzado prognósticos dos que nin me quero acordar, pero un que demostrou que non dou pé con bola foi o que se referiu á selección española de fútbol. Unhas semanas antes de que se xogase o campionato de Europa, comezo dos éxitos da selección, eu titulara un artigo: A selección como síntoma, no que, utilizando as razóns que me parecían de peso, intentaba demostrar que tan mal se cohesionaba a selección de fútbol como o resto do país, e que o fracaso deportivo era a maneira de reflectirse a fragmentación, insolidariedade e desconexión entre distintas zonas de España. Toda un análise! Ao pouco, a selección conquista o trofeo en Europa e logo a copa do mundo, mérito que, como todos vimos, encheu España de bandeiras e fervor patriótico como non se acordaba (cohesión, ben é certo, nada consistente, para de moita aperiencia). En fin, que Santa Lucía me mellore a vista. A min e todos cantos falan ou escriben con frecuencia, é máis probable que metamos o zoco e ás veces necesitamos solicitar perdón polas simplezas que se nos escapan. Convén admitir que non só os políticos erran na miradas, se nos sometesen á proba da hemeroteca, aos que nos queda algo de vergonza, poñeríasenos a cara a mil colores.

SÍSIFO CONTRA AS ONDAS

FIXERA sol ou brétema, orballase ou chovese con forza, se as ondas ofrecían o grado mínimo de elevación e furia , o grupo de aprendices pelexaba coas ondas cunha resistencia e fortaleza envexables. Coma fermosos "sísifos", non subían pedras á cima para comezar de novo, pero si arrastraban as táboas do equilibrio contra a rabia das ondas, intentando lograr os segundos gloriosos de equilibrio perfecto para esborrexer sobre as augas coa fortaleza e fermosura de deuses. Para caer ou chimparse á auga, e comezar de novo.
O grupo, mesturando sexos e idades, baixaba á praia tódolos días mañá e tarde. O monitor dirixía cada movemento aínda antes de se pór a realizar os exercicios para se estirar, colocados en círculo. Neniñas e xa maduros quecen nocellos, xeonllos, costas, colo, brazos e pernas. Embutidos todos nas súas traxes de neopreno, rematada a ximnasia , avanzan coas táboas á beira da auga. Atada a correa ao pé, comezan a pelexa interminable tratando de montar ás ondas. Nadan con decisión sobre as táboas ao interior do mar para iniciar un proceso que se repetirá tantas veces como o tempo de adestramento dure ou corpo resista se van por libre. Primeiro nadan forte tombados sobre as táboas á busca da onda adecuada, por iso axexan, esperan e calculan ata decidir qué onda montar. Elixida unha, é fácil que se enganen, polo que, antes de a cabalgar, retroceden ao axexo da elección. Se por fin unha é a boa, o arrinque ha de ser con enerxía e velocidade máximas no nado dentro da onda para, no mellor da viaxe, elevarse con flexible equilibrio sobre a tona da auga nuns segundos de pracer, orgullo e dominio esborrexendo ata afundirse. Uns segundos mínimos en comparación co regreso á zona de espera, ao axexo, á elección e a repetir o proceso coa constancia das ondas, coa determinación do mar. Véndoos, pensaba cómo non se utiliza este deporte como terapia preferente para tantos que carecen de resistencia á frustración. Parece imposible que un destes novos "sísifos", demostrando tanta fortaleza contra as ondas e o frío, poida engurrarse diante de dificultades que a moitos amouchan. E xa non digamos, se, como vin nun solpor, cunha temperatura que non superaba os 13º, un adolescente sen traxe adecuado, a peito descuberto, fraquiño coma unha estriga, resistiu ata a noite pecha sen conseguir elevarse nin unha triste vez. Iso máis que resistencia á frustración parece declaración inequívoca de querer entrar no olimpo dos heroes, máxime cando ao saír, morto de frío, pensando que buscaría unha toalla para se abrigar, o que fixo foi cambiar a corda de pé, debíalle rozar, e, outra vez no mar, continuar coa loita. No horizonte non quedaba nin aroma da laranxa que fora.

A INUTILIDADE DO ESTADO E DOS IMPOSTOS

EXISTEN algúns predicadores laicos que, dende ben cedo, coma cántigas de almuecín, invitan aos cidadáns a participar dunha devoción baseada en poucos pero inamovibles principios económicos. O primeiro é o do imperio da liberdade absoluta do mercado. Coma un novo ídolo, o mercado convértese en intocable, nunca ben gabado, coma un requisito imprescindible para o funcionamento da economía e da vida. Parece coma se deixándoo ceibo, sen control algún, fuxindo de todo contacto coa regulación por cara e ineficaz, estiveramos sen miga de dúbida no bo camiño. Sosteñen estes irados convencidos das bondades da liberdade absoluta do mercado e da necesidade de ridiculizar todo aquelo que proveña do Estado que a causa de todos os males está plenamente explicada nestes dous graves pecados: pouca liberdade do mercado, esperar demasiado do Estado. Non precisan, polo tanto, excesiva explicación do seu argumento. Con repetilo, cuspirllo na cara a quen se atreva a disentir ou recorrer á triste experiencia do socialismo real, pensan que queda suficientemente demostrado: imos ben mentres liquidemos todo control ao mercado, imos moi mal se nos agarramos ao Estado e o engordamos.
O segundo principio é a descualificación feroz de todo imposto. Os impostos son un mal por natureza, coma un roubo encuberto ao cidadán impedíndolle realizar con eses cartos algo moito más sensato, intelixente e beneficioso para todos, pois, como xa se mantivera nos principios iniciáticos, o que poida realizar o Estado só serve para malgastar, corromper e empobrecer a poboación. Por iso é norma escoitar algúns destes predicadores matutinos condenas ou mofa de todo o que ula a impostos. Coma se quen considerase que os impostos poden servir para algo fose corrupto ou imbécil por nacencia. E, por último, estes mesmos apoloxetas da única fe económica defenden, como non podía ser doutro xeito, aos emprendedores e atrevidos impulsores de novas formas de crear riqueza e emprego, algo, faltaría máis, que non adoita discutir ninguén.
Non fai falla coller ensino na escola de Chicago para apreciar o beneficio que supón para unha sociedade que existan empresarios decididos e arriscados capaces de crear riqueza. A verdade é que, de todos os seus dogmas, este é o máis razoable e aceptable, o curioso é que bastantes destes testáns defensores dos principios do dogma predican estas verdades ben asentados nunha cátedra creada e pagada polo Estado do que tanto abominan, nunca na vida montaron nin unha tenda de caramelos e utilizan os micrófonos dos seus minaretes como confortable complemento económico despois de ter asegurada a súa vida grazas ao Estado e aos impostos que tanto ridiculizan.

martes, 26 de julio de 2011

DOUS PERFECTOS IDIOTAS




A definición que Vargas Llosa aplica ao idiota latinoamericano pódese trasladar perfectamente a calquera latitude. O perfecto idiota é aquel que pensa que a única razón da pobreza radica en que outros son ricos e viceversa, que a historia é unha triunfadora conspiración de malos contra bos, na que a victoria cae sempre do lado dos malos, perdendo, como cae de caixón, os bos, entre os que se encontran sempre os que realizan tal análise, pois eles pertencen por natureza ao bando das vítimas e dos bos perdedores; son idiotas perfectos os que non teñen empacho en navegar polo ciberespacio, sentirse on-line e (sen advertir a contradicción) abominar do consumismo... Son, en fin, quen con simpleza de visión traducen o mundo a esquemas maniqueos como se a historia, desprovista de variables complexas, se reducise a un pésimo guión no que uns cantos explotan, enganan, dominan e viven á costa dos outros, bos, pobres e condenados, salvo fazaña milagreira, a soportar tal calamidade. Utilizar tan simplista modelo explicativo conduce inevitablemente a posicións de parálise ou de aceptación fanática de medidas populistas e totalitarias. A democracia casa mal con esta esquelética interpretación da realidade entre malvados e vítimas, afortunados e malditos.
Existen outros perfectos idiotas que, desde un punto de vista oposto pero paralelo, o explican todo por esquemas idénticos. Son os perfectos idiotas prepotentes. Eses que entenden que a vida materialista e egoísta, e a liberdade sen regulación, son inherentes á condición humana. Porque a historia non é máis ca unha concreción dun principio: os fortes superan aos débiles, por lei natural debe aplicarse un Darwinismo social sen complexos, pois está claro que os máis fortes, os máis intelixentes, os máis capaces, adaptaranse, superarán as dificultades, e distraerse intentando modelos que busquen igualitarismo non é máis ca unha debilidade dos brandos, dos incapaces e dos que pretenden vivir a costa dos laboriosos e capaces. O perfecto idiota prepotente despreza aberta ou encubertamente a aqueles que considera non están á súa altura, aceptan que dalgún xeito as elites deben dirixir sen contemplacións a marcha da sociedade e miran con condescendencia (nalgúns casos poden permitirse unha miga de caridade) aos que non chegan ao seu nivel, non o merecen. Para eles o mundo foi e será moi doado de entender: os esforzados e intelixentes dirixen o progreso, mentres que dos torpes e lacazáns hai que protexerse, adoitan ser, ademais de burros, malos. Por suposto, a democracia e a liberdade son válidas mentres garantan os seus privilexios. Como deducirán, nada peor que cando estes dous idiotas se atopan fronte a fronte.

RESTRICCIÓNS, PARO E CHANTAXE



O presidente do Banco Santander, na xunta de accionistas do mes pasado, pediu reformas, traballo e confianza para saír da situación na que estamos. E non só o pediu, dixo estar seguro de que, coma outras veces, seriamos capaces de conseguilo. Curioso este trío de peticións, coincide plenamente coas dos partidos maioritarios. Polo que se lle escoita ás voces máis institucionais, non debería ser tan difícil superar este momento, pois dado que todos coñecen as receitas á perfección, a que agardan para realizalo? Esixir reformas é algo que non parece discutir ninguén. Calquera institución (FMI, Banco Mundial, Banco Central Europeo, Banco de España, asociacións de empresarios) non deixa de repetir a cantilena: é imperioso, urxente, inaprazable que se realicen as reformas necesarias. Pero non só institucións económicas. Os políticos tamén coinciden: desde Bruxelas e Berlín non deixan de nos solicitar, amoestar ou ameazar coa urxencia de realizar reformas xa ou xa. Ou reformas ou o caos. Esixencia externa á que responden os políticos internos, tanto ten o partido se conta con algunha posibilidade de goberno, con idéntico entusiasmo. Retirados ou en activo, do PSOE ou do PP, González ou Aznar, Zapatero ou Rajoy, todos a unha aceptan e prometen ou critican por non ter realizadas xa as reformas, por ir lentas, por non avanzar máis na súa concreción. Polo visto e oído, as reformas acaen tan ben á saída da crise que non nos damos explicado como é que aínda non se executan. Outro cantar é cando tratamos de saber exactamente a que reformas nos referimos. Ao parecer, a esencia destas debería ser conseguir a competitividade, e para iso, dise, cómpre flexibilizar o mercado laboral e os convenios colectivos. O mercado xa o flexibilizaron non sei cantas veces e non consigo ver resultados, será que aínda non se flexibilizou o suficiente. E en canto aos convenios andan nela, a ver se era esa a reforma salvífica. De calquera maneira, xa saben, todos estes meigos da melloría económica ven reformas, outros, por desgraza, só padecen restriccións de dereitos, retroceso nas relacións entre os que conforman a empresa. É probable, coma en case todo, que a razón se reparta, o que non se dá entendido é, se tan evidente parece a súa necesidade, como aínda continuamos sen realizalas . Que se rebelen ou queixe a parte que se sente prexudica, enténdese, pero que os dous partidos maioritarios, completamente de acordo, non sexan quen de posibilitalas, non é fácil de desculpar. En canto á segunda petición do sr. Botín, anégame a perplexidade. Traballar máis dixo? Quen? Pero se agardan detrás das ventás do paro catro millóns e medio de persoas intentando traballar. A que se refire exactamente con iso de traballar máis? Que uns cantos traballen día e noite e o resto estiren as pernas polos paseos fermosos que construímos na época do crédito e da construcción alegre para rebaixar o colesterol? Traballar quixeran mozos e maiores, mulleres, universitarios, graduados en ciclos formativos e especialistas varios. Ou quererá dicir que hai que traballar por gusto, por nada, por boa vontade? Traballar máis... Será, se cadra, que pretendía darnos a entender que cómpre que traballen poucos, por menos e producindo máis? Ou será, simplemente, coma un tic instalado en todos estes amos do mundo que sempre lles vén á boca iso o traballo? Non saben o que contestan sempre ante a pregunta sobre a razón do seu éxito, da súa riqueza? Non hai segredo, pequeno verme, parecen dicir, só traballar as vintecatro horas do día, traballar duro foi o meu segredo, e quedan orgullosos, cheos, tapándoche a boca, lacazán, ti que non das un pao á auga, amólate, así che vai... En fin, receita que non dou entendido pero que tamén comparten os políticos, sobre todo o sr. Rajoy, a quen o sentido común e o traballo serio son dúas das súas medicinas seguras que non faltan no seu descoñecido programa electoral. De calquera maneira que sexa, traballar máis é algo no que estamos todos de acordo. Oxalá haxa axiña traballo para todos, para traballar máis. De momento, con reformas ou sen elas e a pesar de tanto pregoar a súa necesidade, a evidencia é que só temos paro, moito paro e pouco traballo. Confianza. A terceira peza do programa electoral de Rajoy, en perfecta sintonía, como poden ver, con presidente do Banco Santander. O zarandeado Zapatero si que non fala dela, non pode o pobre abrir a boca e á confianza non se refire. Pero Rajoy si, debe estar seguro que nel van confiar os mercados, os bancos, os banqueiros, o capital, as empresas e os empresarios só con ver que pon pé na Moncloa. Porque non deixa de recorrer á necesidade de confianza que dá por sentado gobernando el chegaría a canadas. Por que haberían de confiar nel máis ca noutros que lles cumpren igualmente os caprichos tanto a banqueiros como mercados? Por que confían nuns e non noutros os que máis e mellor saben de paraísos fiscais e no manexo de leis que ao final sempre os amparan? Será porque algúns aínda se pregan mellor ás súas chantaxes? A política é a arte de equilibrar intereses contrapostos sen necesidade de chegar á violencia. Haberá que limar e negociar para que todos poidamos traballar en condicións dignas, pero para iso as reformas non deben levar asociadas restriccións de dereitos sempre para os mesmos e ao que se lle chama confianza non debera semellarse con tanta facilidade á chantaxe.