martes, 26 de julio de 2011

RESTRICCIÓNS, PARO E CHANTAXE



O presidente do Banco Santander, na xunta de accionistas do mes pasado, pediu reformas, traballo e confianza para saír da situación na que estamos. E non só o pediu, dixo estar seguro de que, coma outras veces, seriamos capaces de conseguilo. Curioso este trío de peticións, coincide plenamente coas dos partidos maioritarios. Polo que se lle escoita ás voces máis institucionais, non debería ser tan difícil superar este momento, pois dado que todos coñecen as receitas á perfección, a que agardan para realizalo? Esixir reformas é algo que non parece discutir ninguén. Calquera institución (FMI, Banco Mundial, Banco Central Europeo, Banco de España, asociacións de empresarios) non deixa de repetir a cantilena: é imperioso, urxente, inaprazable que se realicen as reformas necesarias. Pero non só institucións económicas. Os políticos tamén coinciden: desde Bruxelas e Berlín non deixan de nos solicitar, amoestar ou ameazar coa urxencia de realizar reformas xa ou xa. Ou reformas ou o caos. Esixencia externa á que responden os políticos internos, tanto ten o partido se conta con algunha posibilidade de goberno, con idéntico entusiasmo. Retirados ou en activo, do PSOE ou do PP, González ou Aznar, Zapatero ou Rajoy, todos a unha aceptan e prometen ou critican por non ter realizadas xa as reformas, por ir lentas, por non avanzar máis na súa concreción. Polo visto e oído, as reformas acaen tan ben á saída da crise que non nos damos explicado como é que aínda non se executan. Outro cantar é cando tratamos de saber exactamente a que reformas nos referimos. Ao parecer, a esencia destas debería ser conseguir a competitividade, e para iso, dise, cómpre flexibilizar o mercado laboral e os convenios colectivos. O mercado xa o flexibilizaron non sei cantas veces e non consigo ver resultados, será que aínda non se flexibilizou o suficiente. E en canto aos convenios andan nela, a ver se era esa a reforma salvífica. De calquera maneira, xa saben, todos estes meigos da melloría económica ven reformas, outros, por desgraza, só padecen restriccións de dereitos, retroceso nas relacións entre os que conforman a empresa. É probable, coma en case todo, que a razón se reparta, o que non se dá entendido é, se tan evidente parece a súa necesidade, como aínda continuamos sen realizalas . Que se rebelen ou queixe a parte que se sente prexudica, enténdese, pero que os dous partidos maioritarios, completamente de acordo, non sexan quen de posibilitalas, non é fácil de desculpar. En canto á segunda petición do sr. Botín, anégame a perplexidade. Traballar máis dixo? Quen? Pero se agardan detrás das ventás do paro catro millóns e medio de persoas intentando traballar. A que se refire exactamente con iso de traballar máis? Que uns cantos traballen día e noite e o resto estiren as pernas polos paseos fermosos que construímos na época do crédito e da construcción alegre para rebaixar o colesterol? Traballar quixeran mozos e maiores, mulleres, universitarios, graduados en ciclos formativos e especialistas varios. Ou quererá dicir que hai que traballar por gusto, por nada, por boa vontade? Traballar máis... Será, se cadra, que pretendía darnos a entender que cómpre que traballen poucos, por menos e producindo máis? Ou será, simplemente, coma un tic instalado en todos estes amos do mundo que sempre lles vén á boca iso o traballo? Non saben o que contestan sempre ante a pregunta sobre a razón do seu éxito, da súa riqueza? Non hai segredo, pequeno verme, parecen dicir, só traballar as vintecatro horas do día, traballar duro foi o meu segredo, e quedan orgullosos, cheos, tapándoche a boca, lacazán, ti que non das un pao á auga, amólate, así che vai... En fin, receita que non dou entendido pero que tamén comparten os políticos, sobre todo o sr. Rajoy, a quen o sentido común e o traballo serio son dúas das súas medicinas seguras que non faltan no seu descoñecido programa electoral. De calquera maneira que sexa, traballar máis é algo no que estamos todos de acordo. Oxalá haxa axiña traballo para todos, para traballar máis. De momento, con reformas ou sen elas e a pesar de tanto pregoar a súa necesidade, a evidencia é que só temos paro, moito paro e pouco traballo. Confianza. A terceira peza do programa electoral de Rajoy, en perfecta sintonía, como poden ver, con presidente do Banco Santander. O zarandeado Zapatero si que non fala dela, non pode o pobre abrir a boca e á confianza non se refire. Pero Rajoy si, debe estar seguro que nel van confiar os mercados, os bancos, os banqueiros, o capital, as empresas e os empresarios só con ver que pon pé na Moncloa. Porque non deixa de recorrer á necesidade de confianza que dá por sentado gobernando el chegaría a canadas. Por que haberían de confiar nel máis ca noutros que lles cumpren igualmente os caprichos tanto a banqueiros como mercados? Por que confían nuns e non noutros os que máis e mellor saben de paraísos fiscais e no manexo de leis que ao final sempre os amparan? Será porque algúns aínda se pregan mellor ás súas chantaxes? A política é a arte de equilibrar intereses contrapostos sen necesidade de chegar á violencia. Haberá que limar e negociar para que todos poidamos traballar en condicións dignas, pero para iso as reformas non deben levar asociadas restriccións de dereitos sempre para os mesmos e ao que se lle chama confianza non debera semellarse con tanta facilidade á chantaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.