DISIMULEN se insisto, pero é que me parece política de baixeza a que se está aplicando tanto desde o partido que goberna (agora menos) coma por parte do partido da oposición (a cada paso máis), que se supón terá que gobernar máis cedo que tarde. Non é certo que padecemos unha crise tan fonda e de difícil terapia que nos sitúa ao borde do cavorco? Non o é que ante o drama que supón para millóns de persoas carecer de traballo, os políticos deberían aplicarse con determinación e xenerosidade para paliar tal catástrofe? Resulta pedir a lúa que os dous partidos que poderían realmente acordar medidas eficaces diante deste problema se escuden no sectarismo, no interese a curto prazo e no puro electoralismo para triturar ao contrario? E despois estráñanse de que medren a indignación, a incredulidade sobre a clase política e o fastío evidente diante dos gobernantes... Parece coma se o pedisen a berros. Que debería acontecer, a que esperan para lograr acordos mínimos que posibiliten frear esta deriva tan negativa e desesperanzadora?
Diante deste enfrontamento de trabadas de can doente no que se está a converter a lánguida caída do goberno, sorpréndeme que desde certas opinións se disimule e mesmo se comprenda como perfectamente lexítimo que entre partidos se esnaquicen con tal de chegar ao poder. E antóllaseme unha falta de visión supoñer que os cidadáns somos tan estúpidos e ignorantes que non saberiamos apreciar aquelas posicións que demostrasen altura de miras e xenerosidade polo ben común. Que enquisas, expertos ou pitonisas lles garante que só pola aniquilación e desprezo do contrario se pode alcanzar a vitoria? Que asisados politólogos, sociólogos ou asesores lles insisten na necesidade de seguir polo carreiro onde se encirran as emocións como estratexia de éxito? Coido que alimentamos un gran engano. Os cidadáns, explicándollo, sendo pedagogos entusiasmados, entenderían as actitudes e acordos que situasen ao país na dirección para recuperarnos. Se os dous partidos maioritarios, unidos nunhas liñas básicas imprescindibles, aínda sendo impopulares inicialmente, soubesen presentalas, convencidos, como necesarias para frear a caída diante dos cidadáns, todos sairiamos ganando. Que cada un conta co seu modelo de solución e aí radica a esencia da democracia? Por suposto, pero diante de situacións límite -e esta éo-, algún acordo será imperioso e nel haberán de coincidir quen din ir detrás do ben común. Cando, pola contra, o obxectivo é correr unicamente detrás do poder, aínda que sexa a costa de gobernar borralla, así nos vai.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.