lunes, 11 de julio de 2011
UN CLUB PARA MARÍAS
Hai semanas, queixoso o escritor madrileño Javier Marías co estilo imposto polo adestrador do seu equipo da alma ( o Real Madrid), manifestaba que, tal e como se estaban desenvolvendo as cousas, el case ía ter que mendigar equipo. Frustrado e desanimado polo estilo chulesco e irresponsable do adestrador portugués, pouco menos que se borraba de seareiro confeso do equipo branco agora dirixido por empresario de tanto éxito nos negocios como permisivo coa política miserenta e choromicas do todopoderoso citado adestrador portugués, que por nome ten Mourinho e é de todos ben coñecido. Desanimado o escritor, case pedía vez para facerse socio do Bilbao ou da Real Sociedade de San Sebastián, e, xa no colmo do desespero, ata non descartaba solicitar refuxio no rival eterno do Atlético de Madrid. Que se sentise defraudado polo xogo ruín do equipo (fanfarrón cos inferiores, débil cos iguais ou superiores) e o estilo de lamento permanente, culpar ao outro e encirrar no afeccionado para se defender dos propios fallos por parte de tan afamado como hábil adestrador, non me sorprendeu, pero si que, buscando equipo de recambio, non mencionase tan sequera unha soa vez ao Numancia, equipo de Soria, cidade sobre a que ten escrito artigos tan laudatorios polos fermosos veráns que alí pasou cos seus pais durante a nenez. Talvez sexa un renuncio perdoable, pois cando un escribe sobre unha paixón tan primaria calquera esquezo é xustificable, sobre todo se a rabia e case a vergonza dominan a reacción de quen se expresa, como me parece que era este o caso. Por se continuase Marías aínda coa rabecha -cousa que dubido, nestes casos sempre se acaba perdoando-, non teño inconveniente en ofrecerlle algúns posibles equipos que poderían suplir o seu desengano despois dunha fidelidade de tantos anos e abertamente admitida de palabra, escrito e obra. Como non podía ser doutro xeito, a primeira proposta é a do Pontevedra. Si, en terceira, pero con campo de primeira e tradición para roer a soas. Sería orixinal e conseguiría bastantes titulares a cinco columnas en algúns medios: O famoso e recoñecido escritor Javier Marías, farto do Real Madrid de Morinho, faise seguidor do Pontevedra CF. Que lles parece? Seguro que non viría nunca ao campo (me parece que tampouco vai moito ao Berbaneu), pero con tal de que nos escribise un par de artigos ao ano xa nos compensaba. Como ademais conta con magnífica crítica no mundo anglosaxón, a publicidade que de rebote podería reverter en favor da cidade, viríanos ao pelo. Que non lle gusta Pontevedra por calquera razón que se me escapa? (polo ruído no creo, porque máis que leva protestado polo de Madrid e aínda así non se muda...), podo ofrecerlle o Lugo. Un club de éxito na Segunda B por causa da moral do Alcoyano. O representante dunha cidade con tradición tan palpable coma as murallas que a circundan e cun Domingo das Mozas que, aínda que se dese no caso da peor das hipóteses a triste catástrofe de se esgotar o polbo para preparalo á feira, seguirá sendo festa auténtica e rachada polos séculos dos séculos. Se do Lugo se fixese socio, non dubido que recibiría invitación inmediata do amable e amigable rexedor concedéndolle calquera título que en nada desmerecería para acompañar ao que con tanto orgullo e éxito ostenta de Rey de Redonda. Por suposto, tamén se garantirían titulares a toda páxina da prensa deportiva(plena) e deportiva (a medias), ben sabido é que hoxe calquera medio que se prece, non saca á rúa primeira na que non se informe en grosas liñas e ben amparada en fotografías as últimas novas deportivas. A que nos ocupa podería rezar máis ou menos así: Javier Marías acepta ser investido socio de honor do Club Deportivo Lugo. Todo isto, seino, a Marías non lle apetecería nada, pero nada de nada, defensor como é el da súa intimidade, pero eu non busco o seu beneficio, senón o das cidades que lle ofrecen club e algo, lóxico e lexítimo parece, deberían sacar a cambio. Poden argumentar sobre o inconveniente que suporía facelo socio de equipos tan distantes das súas cidades e países preferidos. Postos así, diría alguén, por que non darlle a oportunidade de facerse do equipo do Oxford (supoño que algún equipo terá) ou de Venecia, Nova York ou Berlín, cidades que lle acaen por coñecemento, gusto e relación moito mellor ao noso protagonista. Postos a ofrecer... Pero o salto xa se me antolla desproporcionado. Se el mesmo poñía os límites en San Sebastián e mesmo se resignaba a acabar de infiltrado entre os seguidores do equipo rival da propia cidade, non me parece de recibo empaquetarlle un club inglés, italiano, non digamos dos EEUU, que non teñen tradición, nin gusto, nin man para este deporte de raíces tan europeas. Xa na peor das posibilidades, se nin Pontevedra nin Lugo lle apetecen, só se me ocorre recomendarlle que se faga do Recreativo de Huelva. Aí si que non poderá negarse. Equipo pioneiro en España, que mamou directamente a esencia da competición de man dos seus creadores, orgulloso e con ganas de pelexa limpa mentres lle deixan. Espero que non chegue a tanto a rabecha como para rexeitar a proposta por estar cerca de Portugal, pois desexo que a vergonza coa que o famoso adestrador portugués tinguiu para algúns a historia do Real Madrid, non se estenda nun inxusto efecto sobre todo o que teña que ver co veciño país tan correcto, tan digno, tan británico en tantas cousas. Así pois, aí lle quedan Pontevedra, Lugo e Huelva como posibles clubs. E se aínda así non se ve con ánimo, que continúe no equipo de sempre, pois amose a faciana que amose, na esencia do seguimento está a irracionalidade e a cegueira: estase con el no triunfo, por suposto na derrota, como todo fanático terá experimentado, e incluso cando a un lle parece que o equipo dos seus desvelos desde tempos infantís pasa de ser un club señorial a un club de rufiáns.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.