lunes, 11 de julio de 2011

O VICIO DA TRISTEZA

CANDO nos sentimos tristes é porque un dolor invade a nosa consciencia e non nos deixa gozar. Christofhe André analízao con detalle nun libro que xa lles teño citado: Los estados de ánimo. El aprendizaje de la serenidad. Que é unha invasión non parece ofrecer dúbida. Non sabemos ben por que, pero de súpeto ou lentamente, non importa, coma unha onda de mar imparable, imos sentindo dentro de nós que estamos invadidos, anegados, que somos permeables e incapaces de frear un líquido penetrante ata a medula que nos enchoupa dun estado de ánimo case que invencible. Non ten que ser especialmente dolorosa, é máis ben un penetrar difuso, coma cando a humidade no ambiente é esaxerada e nos sentimos esmagados por ela. Vén sendo coma unha néboa mesta que descende e non se pousa na superficie, non, penetra e fura e domina ata vernos traspasados por ela sen saber por que.
Por suposto que esta onda de mar, esta néboa mesta trae consigo algún dolor, pero nin ten que ser necesariamente intenso. Máis ben se amosa con baixa intensidade, sen causar inquietude nin contar con forza suficiente como para movernos ao resentimento, á rabia, á protesta. Por iso a tristeza se instala ás veces en nós con certa dozura, dentro dunha confortable aceptación que non impele para modificar o seu estado. Son esas tristezas que non impiden de todo unha certa felicidade, que achegan un grao de dozura e anestesia coma se algunha droga adormentase as ganas, a vontade, a ambición. Con ser doce, considero esta tristeza perigosa por atoparse á beira mesmo do tedio, do aburrimento, dese dolor do tempo que emerxe cando nos falta vida, estímulos, encontros, intercambios, sorpresas. Porque esta, a tristeza do tedio, por lixeira e difusa que se presente, por brumosa que se nos apareza, se que é de verdade perigosa e traidora. Porque así como a doce máis ben acaba sendo un narcótico, a do tedio estala nalgún momento, sendo as súas tormentas verdadeiros lóstregos de insensatez, tormento ou loucura. Sempre me acordo dunha idea de I.B. Singer: os homes cometen as maiores estupideces e barbaridades escapando do aburrimento. Ben certo. O arrinque de moitas decisións que desembocan no tormento ou en conflitos que rompen o equilibrio da persoa colle impulso na tristeza do aburrimento, dese tedio que tan ben describira Moravia nas súas obras. Existen moitas máis variedades de tristeza: de culpa, de abatemento, as das derrotas, as dalgunha victoria, as dos duelos... Mais así como a da dozura podería ser unha efémera etapa de moderada anestesia do ánimo, a do tedio pode dar pé a desgrazas impensables. Coidado coa tristeza, dicía Flaubert, é un vicio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.