domingo, 17 de julio de 2011

TOCA ARGUMENTAR



As condicións nas que Rubalcaba se enfronta ás eleccións son as menos desexables aínda para alguén que, como el admite, non se engurra diante de ningún reto. Tanto labor de fontanería durante tantos gobernos, en situacións tan difíciles, certo que dá experiencia, pero tamén deixa á vista regañas doadas para que o adversario meta a picaraña. Calquera observa e comproba que o votante está farto, canso, con tanto fastío que, por cambiar, decepcionado, non recibirá de bo grado as propostas, aínda razoadas, que teñan algo que ver co pasado. Por iso o R de Rubalbaca nace renco, revirado, retorto, soando a rescate redentor retardado. Aínda así, ben vido sexa a nova referencia do Psoe e anden con tino os que se senten vencedores: o R do químico non chegará a explosións espectaculares, pero pode producir reaccións inesperadas. De momento, algo está claro: toca argumentar. Carecerá da vitalidade e capacidade de contaxio dun xuvenil conquistador de masas, en determinados momentos agradeceriamos unha voz con máis potencia e dominio, sen dúbida calquera fabricador de líderes con imaxe pensaría noutro estilo, noutra idade, noutros detalles, sobre todo desexaría que non contase co lastre do momo que trae consigo diante a pregunta inevitable: por que non o fixeches xa? Sen dúbida. Pero o candidato Rubalcaba, cuberto polo espeso manto do pasado, sobre todo o inmediato, tan rexeitado, demostra algo que estou convencido ningún cidadán deixará de valorar: razoa, explica, faise entender. Iso que en infinitivos fáciles el ou os seus colaboradores nos queren transmitir: escoitar, facer, explicar. O candidato presentouse fiel a esas propostas. Demostrou que ten un magnífico oído, que non carece de propostas e que domina a arte de explicalas coma ningún político do momento. Veremos se o candidato Rajoy está á altura, pero agora terá ocasión de demostralo: tócalle argumentar, discutir sobre proxectos, non bastará con acudir ao sentido común, ao que quere a xente, a vostedes son a causa de que non exista confianza económica, a xente o que quere é falar e votar, con tal de cambiar, todo mellorará. Non teña présa, señor Rajoy, sexa un mes antes ou despois, vaille tocar dar argumentos, contrastar propostas, defender se quere ou non regresar ás receitas económicas de “éxito” da etapa Aznar, sobre a quen e como pretende baixar os impostos, como e de que xeito o crédito fluirá polo mero feito de que estea vostede na Moncloa . No discurso (lección explicativa) de presentación, o candidato Rubalcaba demostrou unha vez máis a súa capacidade pedagóxica. Ordenado, claro, coherente, aparentemente sen papeis pero co temario perfectamente preparado e medido, expuxo as liñas esenciais do seu plan. Un plan que falta por concretar, non que houbo silencios graves (plan federal dunha vez?, por exemplo), ao que seguro irá engadindo capítulos, pero no que se ve un esquema e un esqueleto perfectamente definido: a necesidade de volver á política con maiúsculas (como a soberana definidora do camiño a seguir e revalorizada por máis austera e máis democrática), a defensa incuestionable da igualdade de oportunidades (na sanidade e na educación), o realismo económico que non enreda coa débeda e aprecia ao emprendedor e a innovación, a valentía serena de esixir responsabilidade aos mellor situados (impostos aos patrimonios de grandes fortunas e beneficios dos bancos a favor do emprego inmediato). Liñas coas que se pode estar ou non de acordo, que ofrecerán puntos fracos, pero que haberá que discutilos, demostrar que outras beneficiarían máis e, fundamental, a quen. A partires de agora non abondará con repetir catro frases feitas, máis ou menos memorizadas, para desmerecer ao outro. Rubalcaba xa o deixou claro de inicio de maneira explícita (o PP non é o meu inimigo, é adversario, os inimigos son outros) e sobre todo no seu silencio: nin unha ofensa, nin unha descualificación do contrario, nin unha referencia negativa, nin tan sequera unha ironía malévola (que a ten e sabe usar e sen dúbida usará, pero todo un xesto inicial moi positivo por calculado que estivese). Só propuxo o seu plan, só anunciou a súa ruta e intentou animar aos do seu partido para que lle axuden a seguir explicando e convencendo da validez das súas propostas. Un estilo novo, desde logo. Unha maneira que será máis ou menos rendible desde o punto de vista electoral, pero que inevitablemente obrigará a todos, empezando polos adversarios, que haberán de ir preparando argumentos non ataques, e continuando polos cidadáns, que han de pensar moito máis antes de votar, non bastará con odiar ao outros. Si trae algo novo este curtido político: a razón sobre a emoción. Co seu estilo profesoral (en certa maneira algo nos leva ao modelo de Tierno Galván), Rubalcaba está manifestando con feitos que cre nos cidadáns, que nos respecta, que sabe que está diante de persoas cultas e preparadas, capaces de seguir pasos explicativos, procesos lóxicos, deducir, dubidar e contrarrestar posicións. Co seu estilo demostra que a fe en España non é un recurso fácil e demagóxico, senón algo real e confirmado ao tratarnos como adultos e non meras masas facilmente manipulables aos berros irracionais de seareiros dun equipo deportivo. Gane ou non as eleccións, que probablemente perderá, coa súa candidatura todos empezamos a ganar: obrigará a que nos centremos máis en razoar e menos en apuntarnos por desconcerto ou rancor a un bando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.