domingo, 11 de marzo de 2012

A FÁBRICA DE BETUME

O LUNS, 9 de febreiro de 1824, dous días despois de cumprir 12 anos, Charles Dickens entrou a traballar na fábrica de betume Warren. O seu traballo consistía en cubrir os tarros de pasta de betume con papel de parafina e, despois, cun anaco de papel azul, atáballe un cordel arredor, recortando con esmero e realizando a limpeza do papel e pasta sobrantes. Cando remataba unhas cantas ducias debía pegar en cada tarro unha etiqueta impresa. Así dez horas diarias, cun descanso para comer ás doce e unha pequena pausa para tomar un té a media tarde. El e máis o seu compañeiro Bob Fagin chegaron a ser tan expertos na realización da tarefa que, acomodados á beira dunha ventá para aproveitar mellor a luz, chamaban a atención aos paseantes que se detiñan para contemplar a habilidade dos raparigos. Pero o asunto non remataba aquí. A vida dos Dickens no estaba para bromas. Aos poucos días, o 20 de febreiro, seu pai, un debedor insolvente, ingresou no cárcere de Marshalsea, delito moi frecuente naqueles anos, pero que recibía un trato coma calquera outro delincuente e non se lle permitía saír da cadea. Tanto a fábrica de betume Warren como o cárcere de Marshalsea conformaron a personalidade do que non tardaría en ser un xenio literario dunha fama e prestixio extraordinarios.
Por aqueles anos, o neno Charles gardaba para si todo o que se lle pasaba pola cabeza. Non só o Londres sucio, o do pai encadeado ou que permitía traballar a nenos servindo de espectáculo para os viandantes. Tamén enchoupaba ao neno escritor o Londres dos teatros e espectáculos de variedades, e o do semanario The Portfolio, onde lía mesturados a divulgación e o entretemento, relatos de terror, execucións, asasinatos e escenas da vida diaria da cidade, a cultura popular que forxou o seu camiño literario. Charles pasaba o domingo visitando a seu pai no cárcere e ao solpor regresaba a Camden Town só, reservado, angustiado, matinando. Esta maneira calada de observar e sentir contrastan co creador de ficción que había de abrirse en canal a todas as emocións, pero que oculta como de verdade era el, calando o que realmente sentía. Talvez por iso a imaxe dos nenos das súas novelas sexa a de quen está sempre en perigo, maltratado, indixente, fráxil, enfermizo, explotado, desvalido e orfo, como nos di Peter Ackroyd na súa documentada biografía. Pero non nos enganemos. John Dickens saíu da cadea ás 14 semanas e volveu ao traballo. O neno Dickens non se sabe con certeza se foron seis meses ou un ano o que permaneceu na fábrica Warren. Pero ao pouco de saír, o neno apoucado e calado converteuse nun rapaz esperto, ocorrente, agradable e saudable. Con 14 anos xa lambera as feridas e estaba capacitado para superar calquera calamidade. Hai persoas ás que nin cubertos de betume se lles apaga o brillo e a luz coa que nacen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.