sábado, 17 de marzo de 2012

MONTORO VAI NA BOA DIRECCIÓN

Dos dous ministros dedicados a tempo completo á economía (en realidade dedicados á economía están todos, todo é economía neste momento), Montoro cáeme moito mellor ca Luís de Guindos. Pura intuición. Mera simpatía. Haberá que deixar pasar tempo para comparar, pero, de momento, Montoro gana con autoridade. Por que? Porque evolucionou do menos ao máis dun xeito espectacular. E iso que non o favorece en exceso esa voz tan nasal, pero aínda así, os intentos de cada día por parecer ameno e sen tensión diante dos xornalistas, confiado e seguro no congreso, convérteno no meu preferido do equipo co que xoga o presidente Rajoy. Preguntaranse algúns: e Soraya non lle parece máis lista cá fame? Si, pero coido que acabará cansando. Soraya paréceme a Sánchez Vicario da política, una nena precoz, esforzada e traballadora, con memoria e labia, pero que talvez farte. Montoro vai adquirindo a categoría da experiencia, de ter vivido, de estar de volta. Quen o viu na época de Aznar e quen o ve agora! Daquela atento a superar a nota diante do xefe, agora sobrado, resabido, tranquilo por máis que treman os gonzos da economía nacional. É a vantaxe de actuar sen se ver xulgado, nin por si mesmo nin polos demais, de saber ben a lección e repetila coa relaxación que dá ter experimentado que pouco ou nada cambiará por máis que diga ou deixe de dicir. Sabe a doutrina que ha repetir para causar o mínimo dano ao goberno e ao partido, e repítea sen inmutarse, co sorriso nos labios, feliz, a razón e a fortuna están do seu lado. A última da súas saídas xa a coñecen: o único que teño seguro é a morte e pagar impostos. Frase non súa, disque de B. Franklin, pero que acae de perlas ao momento actual, sobre todo se queda aliñada co comodín ben aprendido e repetido por todos o membros do goberno: aplicación de medidas desagradables sempre tratando de ser equitativos, xustos e que non recaian sobre os máis desfavorecidos. E, por se aínda quedase algunha dúbida, acolléndose á bendita pésima herdanza que o anterior goberno lles deixou, sentencian que eles non baixaran o soldos aos funcionarios e aos pensionistas. Gabado sexa san Zapatero inútil e mártir, deberían axeonllarse cada mañá os do actual goberno dando grazas ao ceo, pois pola súa culpa, pola súa grandísima culpa, quedaron estes librados de ter que executar tan penosa e irremisible falcatruada. Pero volvamos a Montoro. Digo que vai na boa dirección porque nada máis acertado e eficaz dende o meu punto de vista que subir os impostos. Non queda outra. Pódense pintar de colores, bailar sardana con xisto e gaita galega de fondo, que, como non se ingrese máis, recortando a quen non ten, a non ser que liquidemos sanidade e educación, non hai maneira de equilibrar as contas. Hai tempo que moitos economistas de prestixio, e papóns coma min que os seguimos por mera boa intención, avogan por unha subida dos impostos. O que non sei é se a proposta que algúns facemos nesta dirección coincidirá coa de Montoro. Porque o ministro apúrase aclarando que aplicarán a recadación de maneira equitativa, pero eu de equitativa só lembro uns cines na Coruña que xa me parece que non existen. Que entenderá por equitativo e xusto o sr. Montoro e todo o coro de ministros que repiten idéntico salmo? Quererá dicir o seguro e simpático ministro da facenda que por fin se atreverán para que paguen impostos as multinacionais e as grandes fortunas? Andarán argallando algo el o seu compañeiro De Guindos para crear unha corrente de opinión en Europa que se enfronte en serio aos paraísos fiscais? Están adiantando que no futuro, en cada encontro internacional, o noso presidente xogará forte e sen complexos, con sentido común e como Deus manda, como a el lle gusta, defendendo que se acabe dunha vez con esta globalización do fraude? Non cómpre ir a Harvard para saber que os impostos só os pagan as clases medias nacionais. Non teñen maneira de actuar globalmente e non lles queda outra que soster cos seus impostos ao Estado. E polo mesmo, tamén é coñecido que os que realmente deberían contribuír proporcionalmente cos seus impostos non o fan porque dispoñen de mecanismos globais para escapar. Benvida sexa a simpatía do ministro Montoro e a súa evolución defendendo a evidencia de que hai que pagar impostos, algo que no hai nada, no tempo da oposición, equivalía a impensable, precisamente eran estes os causantes do mal, con eliminalos entrariamos de súpeto polo camiño da salvación. Alédanme os seus progresos. O que desexaría é que continúe, que afonde máis na cuestión, e, postos, que xa se lance e ataque de raíz o fraude fiscal e suba como se debe os impostos a quen llos debe subir. E que llos baixe a quen xa pagan máis do debido. Estarei atento á súa evolución.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.