domingo, 25 de marzo de 2012

MESSI:AGARDANDO A HORA DO RECREO

Douglas Fields e George Bartzokis sosteñen que no proceso de aprendizaxe resulta fundamental a mielina. Todo movemento, pensamento ou sentimento humano, din, é un sinal eléctrico que se transmite a través dunha cadea de neuronas, dun circuíto de fibras nerviosas. A mielina é unha capa illante que envolve esas fibras nerviosas e que aumenta a forza, velocidade e precisión do sinal. Canto máis activamos un circuíto determinado, maior é a cantidade de mielina que optimiza ese circuíto, de modo que os nosos movementos, pensamentos e sentimentos vólvense máis fortes, rápidos e precisos. En canto un circuíto está ben recuberto de mielina a base de repetir e cometer erros unha e outra vez dende unha idade moi temperá, esa conduta automatízase coma algo completamente natural. Adquirida de tal maneira unha habilidade (tocar o piano, xogar ao tenis , ao golf ou ao fútbol), esta chega a percibirse como tan natural que se expresa como algo non aprendido, senón coma se un nacese co ese don pola graza de Deus ou por unha benéfica carga xenética. Pero non. Con ser a xenética un poderoso libro de instrucións, a habilidade adquírese pola activación do nervio no que se produce a aprendizaxe, e canto máis veces se repite, canto máis se practica con constancia e fe, máis se afirma e automatiza, porque maior é a cantidade de mielina que o envolve, conseguindo así que os sinais viaxen máis rápido, de maneira máis precisa, máis natural se así lle queremos dicir. Darwin dixérao á súa maneira: Sempre sostiven que, salvo os bobos, os homes non se diferencian moito en intelecto, só no tesón e no traballo duro. Aristóteles cravouno nunha frase mínima: A excelencia é un hábito. E, como insiste Dan Coyle no seu libro “Las claves del talento”, ninguén chegará a ser excepcional en algo se non practica dende moi neno coa teimosía de quen ama tanto o que fai que chega a confundirse cunha obsesión. A excelencia de Messi é digna de análise moito máis aló do que a un lle guste o fútbol. Resulta tan natural, tan preciso e veloz (máis aínda co pensamento que coas pernas), tan incansable, e véselle tan concentrado e feliz no que realiza que serve de magnífico exemplo para entender as claves da aprendizaxe ben asentada. Porque o mérito e a sedución primeira e principal deste futbolista radican na súa normalidade física. Ningunha condición física inicial faría prever que nel se agochaba tal fenómeno. Calquera experto ao axexo de figuras deportivas é moi probable que, sen velo xogar, de neno, dada a súa constitución física, non apostase por el. Sen embargo, aí o teñen coa súa escasa altura forzada con tratamentos médicos, co seu físico miúdo, deixando sentados a verdadeiros atletas, guindando coma monecos a rudos e poderosos defensas, atraendo tras de si a tres e catro homes desesperados incapaces de tiralo ao chan, nin falemos de quitarlle a pelota. Miren a planta dos esbirros que cada semana distintos adestradores preparan para mordelo, intimidalo, aburrilo. Todos acaban desesperados, rendidos, admirándoo e pedíndolle a camiseta. A súa seguridade é tal que nin enferma. Xa non digamos que o lesionen, ata aí parece aliado con todos os deuses, de tan flexible, habilidoso e resistente que é, senón que nin unha gripe o ataca. Podería xogar se me descoido todos os días da semana. Goza tanto co que fai, resúltalle tan fácil e natural, que para el non é esforzo, simplemente xoga ao que lle gusta, enreda co que mellor aprendeu e lle sae de maneira automática. Eu escribira noutra ocasión que é o mellor non recreo. Sí, é o mellor non recreo, pero ademais, e aquí radica a esencia, está sempre no recreo. Tal e coma nenos aos que lles gusta o fútbol desexan e agardan ilusionados a media hora na que gozan coma ananos xogando, así se comporta o mellor futbolista do mundo, o que atrae as miradas de todo o planeta guste ou non o fútbol, o que gaña máis de trinta millóns de euros ao ano, o que é capaz de ilusionar a nenos, facer babear a políticos, conseguir que estadios de case cen mil persoas escenifiquen a liturxia da admiración e millóns de letras e imaxes se centren na súa habilidade. Enrique Vila-Matas, tan fino introducindo literatura na literatura, ao analizar a Messi non ve un burro a catro pasos. Di que nos fai a todos vellos. Que vai facer, home. O que nos transforma é a todos en clarividentes: ao velo distinguimos a habilidade da torpeza, a facilidade do complicado, a beleza da fealdade. E recoñecemos que hai seres superiores grazas ao seu esforzo. E admirámolo. E non nos custa admitilo, nin o envexamos, participamos da súa gloriosa habilidade coma se, ao ver que alguén da nosa condición logra tal dominio, nós participaramos dalgún xeito da súa intelixencia, perfección e naturalidade. Dalgunha maneira, admirándoo tocamos unha miga da excelencia. Ese asombro diante da mestura de baile veloz, flexibilidade, sutileza, precisión, anticipación, fortaleza e finura en estado puro que conforman a habilidade de Messi, convértenos en concelebrantes do gozo da perfección. Ao velo, sabemos que a graza da habilidade está na execución dun automatismo que non se vixilia, nin se xulga, ni actúa, nin coñece ansiedades. Messi non xoga para un estadio de 100.000 persoas, nin para as televisións do mundo, nin para ser o máis rico, nin para que o vexan. Aí si acerta Vila-Matas: o máis visto no mundo enteiro non quere que o vexan. A graza dos xenios está en que na realización da súa obsesión, logran o que con penalidades, malas artes e trampas outros non conseguen nin de lonxe. A aprendizaxe do xenio está tan ben asentada, tan firmemente recuberta de mielina, diría Fields, que compartimos con el a grandeza de que algún dos humanos sexa quen de realizar con seguridade, coma se nada, con perfección e beleza, aquelo que parecería imposible agás para os deuses. Mentres a maioría nos esforzamos por ir trampeando coas nosas mal adquiridas habilidades, os verdadeiros mestres, os obsesivos dunha acción, os que a aprenderon dende nenos a base de práctica, práctica e práctica, acaban por executala coa facilidade de quen goza cada día no recreo. Por iso Messi non necesita falar, nin aparentar, nin esixirse, nin castigarse, nin crearse máis altos obxectivos, nin é nin deixa de ser humilde: simplemente aproveita cada recreo para pasalo bárbaro co que de verdade ama. Coma un neno feliz que vive para que chegue a hora do recreo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.