DENDE que vivimos no reino da verdade, todo vai collendo outro color. Certo que, tal e como corresponde a un goberno que non nos mente, ninguén se fai ilusións sobre o crecemento do emprego, porque xa os paladíns da verdade se encargan de nos dicir cada dúas por tres que de momento, nada. Todo estaba moito, pero moito peor do que se dicía (e mira que se dicía) e polo tanto toca sufrir as consecuencias. Así pois, non convén ilusionarse nin enganarse con trampas e mentiras propias dos tempos da falsidade. Agora que vivimos na claridade e na certeza ninguén debe enganarse: a economía seguirá mal e non se creará emprego. Para que isto se produza, dinnos, haberán de realizarse reformas profundas, serias, de verdade, non de mentira como as que se viñeron facendo no pasado (enténdase baixar soldo a funcionarios e pensionistas), a pesar de que na intimidade se lle ofrezan oracións e cera á Virxe da Barca polos sucios recortes aplicados dende o anterior goberno derribado, por descontado que polos seus abundantes méritos aniquilado e de todos esquecido. Pero volvendo ao actual que é o que nos debe ocupar, instalado como dicía no discurso da verdade,de non enganar como máxima de fiabilidade e achegamento ao cidadán, atopou unha fórmula comunicativa de grande valor e innovación, que nos tranquiliza.
Como a verdade ás veces doe e, aínda que calculada e con tempos medidos para arrincar dela a tallada correspondente, non convén servila en prato único, os cociñeiros do discurso imperante introduciron un elemento a un tempo pícaro e, como dicía, relaxante. Non creamos emprego, din; con estas medidas fondas, duras, dolorosas, non salta automaticamente o resorte da maxia que ía dar confianza aos mercados, crédito ás familias e baixada de impostos, riqueza e emprego por millóns, pero evitamos perder outros catrocentos mil, cincocentos mil, un millón, os empregos que segundo o momento nos conveña evitar. Mira ti por onde, instalados no reino da verdade, todo cadra e coincide nun cadro completo estimulante da paciencia, o sacrificio e a resignación. Perdidos e sen rumbo coma no bolero os partidos da oposición, recluídos no niño familiar os excluídos do sistema e apuxadas as recitas salvadoras polos ventos teutóns da física e química Merkel, o futuro inmediato preséntase relaxado e confiado. Agardemos. Confiemos. Ninguén parece ofrecer nada mellor, a ninguén se lle ocorre remedio con mellores garantías para recuperar ao moribundo. Así as cousas, non cuspamos ao ceo, agradezamos vivir na verdade e saltemos de ledicia por librarnos da que nos estamos librando. É se cadra vostede un inconformista iluso e irredento dos que critica que están acabando con todo e non cre que así se cre emprego? Ai si? No ve que se está evitando chegar aos 8 millóns de parados?
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.