domingo, 20 de mayo de 2012

AS TRES "PELAYAS"

Zumba polo país, coma roncón de abellas, o zunido dunha mensaxe simple pero que se pega: o país vai á deriva por causa de dunha periferia vulgar e dilapidadora á que cómpre meter en cintura con estilo descarado e sen complexos; España desángrase en descentralizacións esaxeradas ás que chegou o momento de parar sen máis dilación, con contundencia e polo dereito. E para iso, tres damas sen pelos na lingua, altivas e seguras da súa condición, agarran a espada da reconquista coma se en Covadonga estiveramos e don Pelayo necesitase reencarnarse en mulleres modernas, triunfadoras e con clase. A máis decidida das tres, insolente case, autoritaria, irritable, desdeñosa, deslinguada e de natural ordinaria, para dicilo coas palabras de Javier Marías, é Esperanza Aguirre. Afeita a conquistar o voto dos madrileños, esta reconquistadora non se priva de lanzar sen vergonza nin reparo as ideas máis decididas e conservadoras. Segura de que será acompañada polo apoio tácito e non tanto dunha boa parte de cidadáns convencidos de que os que gastan, non son eficientes e non caen no evidente son os demais, non se corta un pelo en chamarlle ás cosas polo seu nome máis simple e aparente. Reduce as dificultades a unha linguaxe binaria de maneira que, se o seu pensamento é o un, todos os que non pensan coma ela son cero patatero como popularizara o seu nunca ben eloxiado xefe. Por iso non teme a xornalistas nin a opositores: ben instalada na verdade do seu pensamento, disque liberal impoluto, atrévese co lle poñan diante, especialmente se a quen hai que desollar é aos servizos públicos ou ás autonomías. Acepta como principios científicos todos os tópicos de barra de cafetería e elévaos ao rexistro despectivo de muller educada entre posibles para despachar a gusto contra profesores vagos, autonomías inútiles, sanidade mal xestionada e contrincantes políticos ignorantes. Dona da poltrona dun Madrid autonómico, talvez a máis inxustificable das autonomías, despacha medicina aniquiladora para o resto, reafirmándose no paradoxo. Implacable, sen atopar aínda femia ou varón que a faga calar, proclama dende o centro a necesidade de restaurar un modelo milagreiro que expulse da sagrada patria a mouros herexes que non aceptan como fe salvadora aquela etapa neoliberal de decisión e descaro, sen misericordia, aplicada por Margaret Thatcher. Á beira, en Toledo, cidade fermosa na que xudeus e cristiáns intentaron convivir noutros tempos, Dolores de Cospedal segue a senda da arrichada Aguirre, pero co seu estilo de secretaria de alta dirección. Xa nun artigo anterior lles xustifiquei a razón pola que a súa actuación e maneiras me evocan o estilo televisivo de “Mad Men”, e mantéñome no dito. Á presidenta da comunidade de Castilla La Mancha, ademais de mandataria do PP, pouco mérito lle atopo por máis que a observo e escoito, pero moitos debe de ter cando reúne en si tanto poder. É probable que todo se deba á imperturbable monotonía coa que despacha as verdades do manual de partido sen que se lle mova un cabelo nin se lle modifique o xesto de estudada serenidade. É con ela como mellor se confirma a tese de que unha simpleza repetida sen descanso pode facer dubidar se conterá no interior un pensamento elaborado. De calquera maneira que sexa, ela é outra reconquistadora firme e inquebrantable que o PP nos presenta como espello no que nos mirar. E por último, porque chegou máis tarde ao poder e vén da man de quen vén, debemos regresar a Madrid, ao seu concello. Alí agárdanos a terceira Covadonga deste trío de bandeira. Resistente, incombustible e sobrada de confianza, a esposa de Aznar (laméntoo, pero neste caso, por máis que caia de fociños no lameiro do incorrecto, non podo esquecer o peso do expresidente marido e as súas amizades internacionais) foise facendo coa alcaldía da capital do reino coma quen non quere a cousa. Coma quen non quere, pero querendo. Hai que ver a de voltas que dá o azar para que se produzan coincidencias tan agradables e beneficiosas sobre unha mesma familia. Está escrito: quen se esforza e confía na súa valía, acaba por trunfar. Non é a alcaldesa Botella tan explosiva como Aguirre nin tan medida na súa sosería como Cospedal, alguna metedura de pata se permitiu no pasado sen que lle pasase nada malo, pero destila esa esencia de seguridade que se mama ao convivir dende pequechos co poder e a razón. Non se sabe o que axuda ser de boa familia ata que chegan as ocasións. Por iso non desentoa neste trío de “Pelayas” decididas a recuperar os piares da España que, como elas non tomen cartas no asunto, sen remedio, vai de cabeza ao precipicio. Ana, María Dolores e Esperanza dominan a reconquista, impulsan as ideas que nos ensinan que no centro se vive mellor, que regresando aos valores firmes, de sempre, estamos máis seguros, e máis guapiños, supoño. Esteamos atentos e recibamos as súas mensaxes, sobre todo as non verbais, pois elas mellor ca ninguén expresan sen reparos por onde corre a liña menos enmascarada, a de raíces fondas, deste PP que nos goberna.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.