domingo, 13 de mayo de 2012

O NENO NON PODE


CANDO MÁIS o precisa, nese período no que asentan os hábitos esenciais, cando ha de aprender a manexar as súas emocións, o neno non pode. El só non dá conta de tanto esforzo e obriga, porque a súa visión non alcanza máis, porque o seu impulso é o inmediato, o agora, nada hai despois nin máis aló. Unha hora é todo o tempo do mundo, un premio ruín pero inmediato cámbiase por outro inmensamente mellor que haxa que pospoñer, a expresión anárquica e sen filtro da rabia, do medo ou da pena vencen sempre a contención, o tempero e a paciencia. Iso, sempre e cando non exista un adulto á beira que saiba facelo por el.
Lang Lang, o pianista chinés estrela do momento, fala nunha entrevista desta impotencia coa sabedoría de quen dende os tres anos comezou a disciplinarse para ser un virtuoso. Non concordo con esas teorías que manteñen que todos podemos ser xenios, que o somos en potencia. Cómpren, sen dúbida, capacidades innatas que non veñen na carga xenética de todos. Pero si é certa a forza dunha educación adecuada dende a infancia para lograr cristalizar esas potencialidades. Lang é o exemplo desa xeración de chineses nos que seus pais sobrios e laboriosos, tronzados pola revolución cultural, conseguiron inculcar, a base de tenacidade e disciplina, as aspiracións que eles non lograron. Debido a unha dedicación absoluta e firme por parte dos adultos, moitos nenos únicos, nos que se depositaban todas as esperanzas da familia, saíron adiante como exemplos de fortaleza e virtuosismo na área na que se especializaron. Haberá que saber cantos e en que condicións quedaron outros no intento. Pero o evidente é que, en figuras como o mozo Lang, destacan todas as vantaxes dunha educación firme, esixente e disciplina. E sobre todo, a evidencia de que non é posible ningún logro, ser capaz de tomar as rendas da vida, facerte coas ferramentas básicas para ser o protagonista da túa existencia, se non hai durante a infancia un adulto que se ocupe de aspectos para os que o neno non está preparado. Lang explícao na entrevista que lles comentei: "Cando precisas máis madurez para sacrificarte polo futuro é cando menos maduro es. O neno non pode ver o sentido do seu esforzo. Necesita que alguén o vexa por el". El sábeo ben: sen os adultos que o acompañaron de cativo poñendo o sentido da súa vida en darlle sentido ao seu esforzo, el nunca chegaría a ser o que é.


Publicado en El Correo Gallego

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.