Da miña xuvenil e fugaz experiencia como bancario saíron dúas conclusións aproveitables para as partes contratantes: para o atrevido banco que me deu emprego algo que diría: Como non contratar nunca a un acabado de licenciar coa cabeza a paxariños do 68, e polo que a min se refire : Como conseguir que non te despidan dun emprego mentres non aprobas as oposicións. Do dito, non deduzan, por favor, que me move a escribir o resentimento. En absoluto. O que me impulsa é a actualidade e, sobre todo, a curiosidade desprovista de toda malicia que probablemente gurgulle na cabeza dos lectores, moitos, sen dúbida, máis informados ca min sobre estes asuntos de alta banca. Sobre a actualidade, quen máis me aviva a curiosidade é Goirigolzarri, porque Rato, aínda que puidese estar chamado a presidir o Banco de España, nunca se sabe, estes xenios da política e da economía trunfan e fracasan cuns resultados difíciles de avaliar ( mellor ministro económico da democracia, director de FMI que non ule a crise, xestor dunha caixa que non levanta cabeza), queda tapado polo regreso do disque tranquilo executivo vasco agora retirado. O que sei del é o lido nos xornais estes días, pero de todo canto a uña de cabalo fun pillando da súa actividade profesional tres aspectos me pareceron de moito mérito: a súa formación como planificador estratéxico, a súa intelixencia para buscarse unha magnífica xubilación e o seu innegable populismo para vender produtos bancarios cun estilo acorde aos tempos. Por suposto, non podía ser doutro xeito, as tres capacidades que o significan son interdependentes. Que sexa experto planificador estratéxico dáme moita confianza. Do que carecemos neste país é de planificadores estratéxicos. Quen non está farto de sufrir decisións tomadas por directivos e políticos martabelas? Unha planificación a longo prazo, medida e calculada, tranquilizará a quen depositaron os seus aforros e aos accionistas de Bankia. E non só iso: dunha boa planificación estratéxica depende que os bancos cumpran a súa sagrada función: ganar engraxando a economía con cartos. Un país cunha banca seria e sentido común, como Deus manda, para usar as valoracións en moda, deberá estar dirixida por expertos planificadores. O que me pregunto é: ata o de agora os bancos carecían de planificadores? Como, contando con tan expertos profesionais, apostaron por investimentos que se demostraron arriscados e tóxicos? Planificaron mal? Por que, entón, se di que son os solicitantes de créditos de 100.0000 euros para un piso decorado con manchas de humidade e do que se sente ata o estado de ánimo do veciño contiguo os que viven por riba das súas posibilidades e non que os planificadores de actuacións nefastas cobraban por riba da súa valía? Encadeado coa capacidade de planificación estratéxica vén a necesidade dun salario acorde. Obvio. Quen require dunha formación excepcional, dunha capacidade única, dunha visión e tempero nada correntes, haberá de ser remunerado en consonancia coa súa valía. Por iso o executivo bilbaíno se encargou de preparar a súa xubilación a proba de catástrofe. E o seu regreso, como resultou o caso, sen perda de ningunha das vantaxes firmadas. Non debera quen tanto cobra por tanto saber, perder en proporción aos erros que cometa? Como se explica que se salven de toda consecuencia os principais planificadores e sufran sen misericordia os que xa pouco recibían por razón da súa carencia de tan altas capacidades? Nunca se perde unha vez que un consegue o rol de planificador estratéxico? Tanto ten que un banco se enlodase no ladrillo coma que non, os seus planificadores quedan sempre ben cubertos pola intelixencia na previsión persoal que nunca erra? Con todo, o que máis me agradou no currículo do futuro salvador de Bankia foi a súa creatividade á hora de vender produtos en concordancia co espírito dos tempos. Iso de encher os mostradores dos bancos de vaixelas, televisores de plasma e cazolas a cambio de abrir unha conta, firmar unha hipoteca ou solicitar un crédito, paréceme creatividade pura. Disque o señor Goirigolzarri foi o astuto visionario que captou cerca de un millón de contas co engado dos regalos. Felicitacións. Estamos en boas mans. A partires de agora non sei se volverá o libretón, o hipotecón ou o creditón, pero seguro que este planificador algo inventará para sanear o banco e volver a dar crédito. Se non iso, o que está seguro é que durante os anos que o intente, con independencia do éxito que consiga, non perderá un céntimo de euro para a súa segunda xubilación. Sería feo que
perderamos todos, alguén ten que ganar.
Publicado en Diario de Pontevedra
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.