domingo, 27 de mayo de 2012

ATA QUE A FAMILIA AGUANTE



DAS PARTIDAS  dos actuais presupostos, unha que non decrece, ao contrario medra unha miga, é a que se ocupa do ministerio do interior. Se cadra por previsión, pensarán quen os elaboraron, tal e como vai e se prevé que siga o futuro económico, convén estar ben armados para manter a orde. Conste que eu amo a orde, nada me desgusta tanto como a anarquía e o descontrol, tamén a imprevisión. Se cadra por iso me chama tanto ver aos nosos defensores da “paz social” tan ben protexidos, con armaduras de estética bélica ao modo da guerra das galaxias, perfectamente entubados nesas vestimentas futuristas que parecen garantir a súa integridade contra todo ataque ou descontrol. Sábese e vese a distancia que contamos con forzas ben adestradas e perfectamente armadas para que nada nin ninguén se saia dos camiños marcados polos ministerio da orde pública. Non corremos perigo de desmande. Todo parece controlado. Pode seguir a banca arranxando os seus activos tóxicos con calma e ao seu xeito de meter o raposo a coidar das galiñas, mentres, tal e como di Angus Deaton, reescriben as súas normas; pode o paro incrementarse outros centos de miles máis, non hai perigo de descontrol preocupante. Contamos con expertos na disuasión. Mais, con ser a boa preparación das forzas da orde un elemento disuasorio de peso, o que máis contribúe sen dúbida a manter calmas as augas, que ben puideran ser turbulentas, é a familia. Ningunha institución colabora tanto como a familia para que non esboure esta precaria estabilidade, para que non salte en anacos esta inxusta distribución social. Nin que dicir ten, ao longo da historia a familia non mantivo idéntica estrutura, nin no occidente para nós máis achegado. Dependendo en grande parte da economía e da cultura, pasamos de familias amplísimas, nas que se incluían mesmo os escravos, ata a redución a unha nai e un fillo como síntoma dunha sociedade máis individualista na que os cambios no urbanismo, no traballo, e a fraxilidade dos sentimentos conducen a unhas relacións mínimas e efémeras nas que só resisten lazos imprescindibles. De calquera xeito, hoxe coma noutros tempos, Do Papa de Roma aos mafiosos de Nova Jersey ou Baltimore (vexan se queren «Los soprano» e «The Wire»), todos coinciden: se non tes familia, que demo tes? Uns como célula para a socialización e o amor, outros como mecanismo de control e protección en negocios escuros, todos se amarran ás vantaxes dun vínculo familiar resistente como garantía de progreso e cohesión. Nestes tempos de tribulación enténdese mellor. A familia salva ao Estado da revolta e dos maiores conflitos sociais, protéxeo no que non dá cuberto, súpleo naquelas funcións esenciais das que se vai desentendendo. A familia, como último recurso, salva ao magoado, acólleo e reinventa e repensa a súa función con tal de non permitir o fracaso total: a exclusión social. Avós coidando dos meniños, fillos que regresan á casa, casas que se amplían para acoller a máis membros, adultos que cambian de plans ao se ver na obriga de aportar unha solución de urxencia, un remedio inaprazable diante da imposibilidade. Cando o Estado abdica da súas promesas de atención ao dependente, a familia acepta a responsabilidade e soporta aínda que sexa de maneira máis estreita as demandas dos membros que caen na desgraza. Moito temos que lle recoñecer á familia como escape diante desta interminable recesión. Tal e como dicía Ciorán sobre a música, a familia axúdanos a estar un pouco mellor na desgraza. Pero non debería o Estado confiar en exceso nesta válvula de escape. A canda esta momentánea paralización do conflito ou do descontrol iranse producindo desaxustes, relacións insoportables, frustracións insostibles. Por algún lado sairán os conflitos, non hai familia, por ben intencionada e forzada que se vexa, que poida resistir por moito tempo determinadas situacións. Hai límites para a entrega. Límites para compartir. Límites para regresar a un estilo familiar que xa non obraba nas novas xeracións. Certo que a necesidade obriga e que nunca sabemos a onde haberemos de chegar ou regresar, pero conviría que os que terman e dosifican da recesión non se confíen en exceso. A familia pode fartarse de aguantar, chega un momento en que quebra o espírito máis solidario e xeneroso. Aí sería cando entrarían en acción os ben preparados guerreiros das galaxias para os que o Estado si soubo dedicar partida orzamentaria, pero xa se sabe: cando entran en acción as porras, os gases e xa non digamos as pitolas, o asunto comeza a cheirar que fede. Non conviría abusar das familias. Fan o que poden. Non lles 
pidamos máis.




Publicado en Diario de Pontevedra

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.